Vodas, trens e vacas no país dos mil ventos

| De sete a sete

Sostense naquela canción de Calle 13 que leva por título Latinoamérica que non se pode comprar o vento, ou o sol, nin a alegría ou a dor. Pode que os dous últimos pertenzan ao terreo intransferíbel  do corazón humano. Pero abofé que os dous primeiros son bens sometidos á lóxica do mercado. Hai moito tempo que sabemos que o vento en Galicia é susceptíbel de transformarse en cartos. A cuestión é para quen.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia afondou no seu pulso aberto a semana pasada coa Xunta de Galicia do que demos fe nesta mesma columna. Desta volta, son tres os parques eólicos que se suspenden de xeito cautelar: os de Ventumelo (promovido por Wind Hero na Pobra de Trives e San Xoán de Río), Porto Vidros (de Naturgy, en Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro) e Banzas (Capital Power, en Outes, Mazaricos e Negreira). Sostén o Tribunal que prima o principio de cautela, querendo evitar que os recursos contra estes parques, caso prosperasen, acabasen financiados con cargo ao tesouro público. Tamén sinalan contra o coñecido mecanismo de fragmentación no caso do parque Ventumelo, ferramenta a través da cal se dividen artificialmente proxectos eólicos noutros máis pequenos para axilizar a tramitación ao non chegar a 50 megawatios cada un deles. Este modus operandi fai cuestionar, a xuízo do Tribunal, a validez da Declaración de Impacto Ambiental.

O medio ambiente promete non abandonar a actualidade. Nesta mesma semana soubemos que estamos a rematar o inverno máis cálido dende que hai rexistros en Galicia, isto é, dende 1961. A Axencia Estatal de Meteoroloxía na súa delegación galega presentou o mércores un informe de resumo climático que conclúe que pasamos unha estación extremadamente cálida, cunha anomalía de dous graos por riba do normal durante as últimas tres décadas. Xaneiro foi o mes máis cálido dende o 61, cun febreiro máis mesurado pero igualmente moi quente. Galicia supera por 1,3 graos os valores agardados para esta época do ano.

O mesmo mércores, a Comisión Europea pasou páxina do accidente de Angrois, acontecido o 24 de xullo de 2013, que custou a vida de 80 persoas e deixou feridas outras 144. A Comisión pechou ese día o procedemento de infracción contra España motivado polo incumprimento da normativa europea de seguridade ferroviaria. Este procedemento abrírase logo dunha denuncia do BNG. Tras analizar o traballo español en materia de avaliación de riscos ferroviarios, a Comisión considera que nestes cinco anos houbo unha mellora na seguridade coincidindo coa implantación dun plan de acción supervisado por este organismo. Tras un longo xuízo durante 2023, a sentenza por este accidente espérase para os vindeiros meses. O mes pasado, a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios, a CIAF, rexeitou levar a cabo unha nova investigación sobre o accidente, tal e como reclamaban as vítimas do mesmo. Está por ver o que sucederá o día que haxa unha sentenza que bote luz sobre moitos anos de reivindicación e incertezas.

A semana chegou á súa fin cunha insólita mobilización na aldea de Palleirós, Manzaneda, onde se conseguiu adiar o sacrificio de 40 vacas sas decidido pola Xunta nunha explotación que rexistrou casos de tuberculose. Duascentas persoas convocadas polo Sindicato Labrego Galego conseguiron parar provisionalmente a marcaxe, lembrando que matar animais sans contradía a Lei de Benestar Animal e esixindo que a indemnización cubra os custos dunha vaca, xa que os 500 euros máximo que actualmente ofrece a Xunta están por baixo do prezo dun animal novo, que adoita estar por riba dos 2.000 euros. Por outra banda, o Sindicato reclama revisar a catalogación da prevalencia cero de tuberculose bovina no país, habida conta de que hai máis casos noutras granxas e de que a doenza pervive en poboacións silvestres coma o xabaril ou o corzo.

Rematamos falando de vodas. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, volve encher titulares cunha decisión insólita en Galicia, e probabelmente en España: só el poderá oficiar casamentos civís no Concello. Os concelleiros da oposición ou os do grupo de goberno quedan apartados desta función, aínda que os noivos soliciten expresamente que os case outra persoa. Así o anunciou o propio rexedor en rolda de prensa, indicando que xa non delegaría, como acontecía até hai uns días e sucede noutras cidades galegas, esta competencia noutros concelleiros da cámara municipal ourensá. As vodas en Ourense pasarán en adiante por el, quen, fiel ao seu estilo, xa se comprometeu na televisión a impulsar a transformación da cidade das Burgas nunha sorte de Las Vegas galaica. Se cadra axiña comezaremos a ver a Elvis casar con Marilyn na Praza Maior.