Moito lle debemos a Akira Toriyama

 

Pechóusenos a semana pesada coma unha lousa cando soubemos da partida de Akira Toriyama. O mestre da animación xaponesa, pai de Dragon Ball, finaba aos 68 anos a causa dunha hemorraxia cerebral aguda. E inesperada, podemos engadir. Toriyama seguía traballando en varias obras. O óbito produciuse o 1 de marzo, pero non se fixo público até unha semana despois. E que terá que ver con Galicia Akira Toriyama? Que pregunta máis parva! A Akira Toriyama débenlle a lingua e cultura de Galicia tanto que se cadra non iría desencamiñado un Día das Letras 2034. É curioso pensar que seguramente el nunca foi consciente desa achega. Pero a Toriyama debémoslle, naqueles afastados anos 90 onde o galego xa daba mostras de debilidade para a transmisión interxeracional, regaleguizar as tardes logo da escola e os patios de recreo daquela Galicia urbana que nos alentou. Para moitas nenas e nenos de cidade, o Xabarín Club, cuxo buque insignia era o Dragon Ball de Toriyama, foi o primeiro contacto co galego, ou, polo menos, o máis forte e duradoiro. É difícil coñecer a unha persoa que medrase con Dragon Ball na TVG e prefira a dobraxe castelá. Iso non foi só mérito de Toriyama, por suposto, senón de todo un equipo de tradutores e dobradores. Pero a base, a materia prima, ese portento pulp de fantasía e aventura con trazo firme, debémoslla e deberémoslla sempre a Akira Toriyama.

Esta foi tamén a semana do 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. O feminismo volveu amosar músculo e capacidade de mobilización, ademais de implantación social. Esta resulta, porén, desigual. Un novo estudo demoscópico de El País e a cadea SER, de ámbito estatal, revela que a fenda ideolóxica entre homes e mulleres medra nas xeracións máis novas arredor da cuestión feminista e a igualdade. A xeración Z, aquelas persoas que teñen entre 18 e 26 anos, arroxa datos moi dispares: só un 35% dos homes desa idade se considera feminista, mentres que así se declaran dous terzos (66%) das mulleres da mesma idade. En xeracións previas, coma a dos baby boomers, a diferenza é de só oito puntos entre ambas posicións (47% dos homes, 55% das mulleres). Este afastamento ideolóxico entre os homes e mulleres máis novos merece un estudo de seu, onde aspectos como a influencia dos discursos canalizados a través de novas tecnoloxías e medios non convencionais sen dúbida amosaría o seu peso. Cómpre non perder de vista, tampouco, unha premisa dialéctica: hai unha antítese para toda tese. Cada avance social espertará sempre unha reacción. Que o feminismo manteña a súa capacidade de incidencia e permeabilidade social do seu discurso será unha boa nova nos tempos que veñen.

Pomos agora a vista no Senado. Ese corpo estraño no corpo constitucional español. O limbo onde a política non parece ter un uso concreto. O escano convertido en retiro vacacional ou cemiterio de elefantes. E, porén, o Senado importa. Demostrouno esta semana cando o PP fixo valer a súa maioría absoluta para tumbar os obxectivos gobernamentais de estabilidade orzamentaria. Cun poder de veto real neste apartado, e co firme desexo de converter a Cámara Alta nunha pedra no zapato do Goberno de coalición, o PP fixo ouvidos xordos á ameaza que isto significa para a capacidade de gasto das autonomías e bloqueou o obxectivo de déficit, acompañando a negativa dun histrionismo especialmente fóra de lugar na semana do 8 de marzo. “Non é non”, aseverou a senadora popular Eva Ortiz, aproveitando o seu minuto de gloria nunha cámara que non recibe demasiada atención. Fíxoo, non se sabe se á mantenta, frivolizando cun dos lemas vinculados ao consentimento nas relacións sexuais sobre o que se sustenta a Lei Orgánica de Garantía Integral da Liberdade Sexual, a famosa “lei do si é si”. A consecuencia máis nítida para as galegas e os galegos é que o PP dispara no propio pé, no da Xunta, privándoa de 75 millóns de euros, un atrás doutro, de gasto -investimento- público. Tamén os alcaldes, de todo partido e condición, sufrirán as consecuencias desta decisión, obrigados a un superávit do 0,2% do PIB.

A semana deixou un inescusable terremoto na política e no ambientalismo galego. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia paralizou o martes trece parques eólicos ante o seu impacto sobre o medio ambiente, e dous máis o venres. O Tribunal adaptou os criterios do Tribunal Supremo na súa sentenza de decembro de 2023 que fallara contra o propio TSXG logo dun recurso da Xunta sobre o parque Corme G-3 de Ponteceso. A reacción na Xunta de Galicia foi furibunda. O presidente, Alfonso Rueda, declarou que a situación é inédita e alerta de “graves consecuencias”. O certo é que o TSXG aplica con criterio o concepto de periculum in mora, ou o risco de que o dano ambiental estea feito se unha sentenza contraria a un parque eólico chega con este xa construído. Non hai seguridade xurídica sen seguridade ambiental.