A medida do noso corazón

Cando hai agora case corenta anos se publicou por vez primeira Lugo blues de Claudio Rodríguez Fer trouxo á poesía galega unha axada de vento fresco que moito prestou. Na nosa casa conservamos, ben coidadiño, un exemplar daquela primeira edición imprentada polo Concello de Lugo en 1987. Dá xenio ver como locen nel as fotografías que Eduardo Rodríguez Ochoa deseñou para o volume, reveladas nun branco e negro intemporal que hoxe, tanto tempo despois, continúan parecendo acabadas de sacar.

Mais os anos pasan, e os poetas ven como a súa obra vai arborando e o lectorado sucédese en xeración sen fin, e os libros que no seu día foron novidade agora son cotizadas pezas de coleccionista e todo conduce á necesidade de reeditar, para volver poñer en circulación, textos que xa por ningures, fóra de ben nutridas bibliotecas públicas ou privadas, é un quen de localizar.

E velaí a razón de que Lugo blues volva a se imprentar, nesta ocasión no prelo de Edicións Alvarellos e con deseños da artista Sara Lamas. Ben está, pois aquela primeira edición tivera unha distribución institucional necesariamente máis limitada que a que arestora terá no circuíto comercial, alén de posibilitar ás novas promocións o coñecemento dun texto de culto que resultaba xa inencontrable.

Este novo Lugo blues recolle os poemas da primeira edición e suma a eles outros versos lucenses que Rodríguez Fer foi escribindo ao longo destes últimos anos, de xeito tal que esta entrega resulta un compilatorio de toda a súa lírica amurallada, pois xa o libro orixinal recollía tamén algunhas composicións previas que apareceran en Poemas de amor sen morte e Cinepoemas. A todos estes poemas engádense desta volta case unha ducia máis de textos, incorporados nas tres seccións que compoñen o libro: “Sempre Lugo”, “Lugo lacustre” e mais “Lugo xalundes”.

O Lugo de Rodríguez Fer é un Lugo de Historia e Tradición, de Herdo e de Memoria, mais tamén un Lugo vivenciado, anceiado e ata soñado. Un Lugo, en fin, integral, como o é toda a obra do poeta. Deste xeito, polos versos do libro van cruzando o sagrado bosque de Lug, a sempiterna muralla, o alzamento de 1846, o exemplo de Pimentel e Urania e os dolorosos foxos bélicos. E tamén si as lembranzas do poeta que foi neno na explanada da Estación, que se formou no seu instituto e frecuentou o Parque de Rosalía de Castro ou a ferinte memoria do pai represaliado no Vello Cárcere. E no Lugo de xalundes hai tamén pontes que unen a cidade da Muralla con Zagreb, Praga, Hamelin, Tartu, París ou Texas.

Polo tanto, visitar as páxinas deste renovado Lugo blues é percorrer asemade outros poemas que antes habitaron Extrema Europa, A loita continúa, Ámote vermella, Unha tempada no paraíso ou A muller sinfonía. E descubrir que todos estes textos, corcosidos aos que xa eran, conforman unha liña de continuidade telúrica e ontolóxica no que é un dos máis grandes cantos á antiga cidade romana que se teñan escrito.

Non quero rematar sen facer notar que o deseño de cuberta deste novo Lugo blues incorpora, por súa vez, unha outra creación: o poema visual “Soneto carcerario” que Rodríguez Fer preparara no seu día para a exposición Da Guerra á Posguerra, comisariada por Cristina Fiaño para o Vello Cárcere de Lugo.

Cómpre congratularse polo regreso do Lugo blues. Xa escribiu Castelao no Sempre en Galiza aquilo de “Sempre Lugo”. E logo Fole afirmou que, dende os tempos das Irmandades, “lucense quería dicir galego de Lugo”.

O que isto escribe garda tamén afectos intimados e agradecidos para o seu, para o noso Lugo. Por iso agarda que os que hai lustros non chegaron a impregnarse do azul baikal daquel primeiro Lugo blues se deixen atrapar desta volta pola sagro e lacustre Lugo que estrelece neste novo poemario, espello, como quería Celestino Fernández de la Vega, “dunha cidade á medida do noso corazón”.

Lugo blues
Claudio Rodríguez Fer
Ilustracións de Sara Lamas
Editorial Alvarellos
Santiago, 2023
Número de páxinas: 86