Dun Estado Autonómico a Federal ou Confederal: perspectivas dende Catalunya

 1. Contexto desta análise

Hai dúas vías para facer que a lóxica do mercado, e do que un poida pagar, corrompa o acceso igualitario aos servizos públicos nun país. A primeira, privatizando a súa cobertura (segundo o peto recibes ou non); e a segunda, non mutualizando os servizos (daquela as nacións e rexións máis pobres terán menos servizos ao non poder pagalos), algo que si se faría dentro dunha estrutura federal. Lóxica de mercado tamén hexemónica nunha deriva de concerto-cupo de perfil confederal no facendístico (mentres se mantén autonómico e de mercado único no resto).

Na miña opinión trataríase de rachar esta lóxica neoliberal cun pacto fiscal federalizante que supere o modelo autonómico actual por centrípeto e asimétrico a un tempo. Por deixar demasiados recursos do réxime común en mans do Goberno Central, e por coexistir cun encaixe confederal de Euskadi e Navarra. Que nin é federal nun caso, nin federal no outro.

Pois se contextualizamos o modelo de distribución dos ingresos orzamentarios actuais do Reino de España co que sucede noutros países de estrutura federal (datos da OCDE de 2022), observamos que os ingresos do Goberno Federal (Estado máis Seguridade Social) están sen dúbida nun nivel moi alto (72 %), mentres que en EE.UU. ou Alemaña caen ao 60 % e en Canadá mesmo ao 45 %, pero nunca por debaixo dese nivel. E, pola contra, que os das nacionalidades (ou estados federados) no Reino de España son certamente baixos (só o 28 % do total) pero que en ningún caso superan o 55 % (no caso de Canadá) e mantéñense no 40 % en Alemaña ou os Estados Unidos.

Deixar ao Goberno Federal sen un volume substancial de ingresos orzamentarios (para políticas de nivelación, cohesión e redistribución) (cousa que sen dúbida sucede se o cento por cento dos ingresos tributarios os recaudan as nacións ou Estados), levaríanos a un acordo confederal que, aínda que non supón a independencia pura e dura, concreta a soberanía e a autodeterminación dun xeito menos fraternal e cohesionador que un pacto federalizante como o aquí defendido. Pois este marco confederal, cunha distinción radical entre “nós” e “os demais” no ámbito das finanzas e dos servizos públicos, deixa moi pouco terreo para o esforzo común. A pesares de que nos mercados, nos fluxos comerciais, nas pegadas ambientais ou no aproveitamento dos recursos naturais, suponse que nos mantemos nunha unidade española na que todos seríamonos “nós”. Unha curiosa cidadanía partillada para unhas cousas, pero non para outras. Asimetría que tamén se anota no conxunto da Unión Europea que no orzamentario, e non só, é moi confederal e moi pouco federal[1].

Reparemos, por exemplo, en como debera ser o peso dos votos nos Órganos de Goberno dos Bancos Centrais segundo o modelo e estrutura de Goberno (centralizado, federal, confederal). Pois mentres no Reino de España das autonomías o seu Banco Central segue unha lóxica absolutamente centrípeta (non ten membros de ámbito territorial), nunha estrutura federal (como en EE.UU. ou Alemaña) o peso dos estados federados é moi importante no seu Consello de Goberno (un cincuenta por cento dos votos), claro que sen chegar ao nivel dun Banco Central Europeo máis próximo a unha estrutura confederal (xa que os Estados da eurozona teñen o setenta por cento dos votos). Pola contra nunha estrutura federal o peso do Goberno Central (no caso dos Estados Unidos ou Alemaña) duplica, no consello do seu Banco Central, o que ten nunha estrutura confederal como a da Unión Europea e o seu BCE.

 2. Que din as preferencias sociais en Catalunya ?

O Baròmetre d’Opinió Política (novembro 2023) na súa pregunta 40 é específico verbo da cuestión que nos ocupa, tal como recollemos neste recadro:

Fonte: Baròmetre d’Opinió Política (novembro 2023) [ampliar cadro]

Sendo así que as posicións como máximo federalizantes acadarían cincuenta e cinco puntos fronte aos case trinta e un para un Estado propio (xa independente, xa confederal). Cando a pregunta é só si se respalda ou non un Estado independente o respaldo está nos corenta e un puntos, e os que se opoñen acadan cincuenta e dous. Tamén aquí o substrato social de potencial federalizante semella superar ao confederal e ou independentista. Aínda que en Cataluña esta última opción está por riba do que sucede en Euskadi[2]. Algo que podería non ser alleo ao efecto “balsámico” do encaixe de facto confederal no eido fiscal do que ben desfrutando dende hai tempo a sociedade vasca no marco autonómico. O que explicaría que a réplica deste encaixe para Catalunya sexa na actualidade un asunto central e previo a calquera outra reforma institucional sobre a plurinacionalidade.

Nun recente traballo de campo preelectoral realizado por El País (23 abril de 2024) as preferencias manifestadas son as que recollemos neste recadro:

Confírmase así que a opción independentista supera a opción máis federalizante (máis autonomía), estando as dúas por riba do mantemento do estatus autonómico actual. Na CUP e Junts a opción independentista supera o 85% no seus votantes, a opción federalizante máis do 72% para Comuns-Sumar e ten cotas significativas no electorado do PSC e de ERC. Dous días despois o CIS sobre a base dunha mostra de case nove mil enquisas facía unha análise significativa na súa pregunta nº 8 do cuestionario, tal como recollemos aquí:

De xeito que tanto o independentismo (17%) como o mero rexionalismo (11,9%) estarían por baixo dunha ampla maioría (do 46 e do 22%) que poderían apoiar posicións federalizantes ou confederais nunha eventual consulta popular.

 3. Que propoñen as alternativas políticas catalanas?

En relación as preferencias sociais da poboación de Cataluña sobre a “posición nacional” (dende a independencia de España cun Estado propio, a mera integración como rexión sen autonomía) que vimos de resumir, revisarei agora as propostas políticas concretadas nos programas electorais para as eleccións autonómicas deste mes de abril de 2024. E, daquela, farémolo revisando[3] as da Junts (cun 86% dos seus votantes en favor da independencia), as de ERC (cun 62 % pola independencia e 30 % por unha vía federalizante), as de Comuns-Sumar (71 % votantes federalizantes) e as do PSC (a metade federalizantes e outra metade pola autonomía).

A diferencia do PSE-EE que non facía referencia algunha no seu programa electoral ao concepto “federal” para o encaixe de Euskadi[4], no programa do PSC  existen ao menos dezanove referencias a ese concepto, e moitas delas nun epígrafe 7.1. sobre Modelo federal e mellora do autogoberno. Fano despois de que no epígrafe 1.3. definan a situación actual de “case federal” e de asumir a defensa dun modelo federal. Unha excelente nova por ser o partido que concentra a maior porcentaxe de votos no pasado recente e nas enquisas.

As propostas máis inmediatas pasan para o PSC polo desenvolvemento autonómico pendente e con reformas de leis orgánicas do Estado que o faciliten (caso da Xustiza), pola proposta dun sistema de financiamento redistributivo[5] e pola defensa da pluriculturalidade e diversidade dentro de España e de Cataluña. Tamén participando en órganos Estatais (Banco de España, Tribunal Constitucional, etc.).  E falan de facelo no horizonte de transformar o Estado das Autonomías nun Estado Federal (páxina 129) sen renunciar a unha reforma federal da Constitución.

No caso do programa electoral de ERC a referencia ao “federal” só figura dúas veces, as dúas para superar o clube de Estados confederal que é a Unión Europea mediante a federalización de Europa (páxinas 44-45). En ningún caso se aplica para superar dentro de España o actual encaixe autonómico de Cataluña. O concepto “confederal” -que asumía Bildu- neste caso tampouco se utiliza. De resultas mentres no social os acordos co PSC semellan posíbeis para formar unha maioría parlamentar para o goberno da Generalitat,  na cuestión da plurinacionalidade as dificultades non van ser poucas malia que os socialistas cataláns teñen unha folla de ruta federalizante moito máis precisa que os vascos (que si acordan cos nacionalistas). No programa de ERC o horizonte “independentisme” figura ao menos oito veces. Así no epígrafe relativo a un Referendo Acordado (páxinas 10 e 11) mantense o obxectivo de celebrar un referendo “sobre a independencia de Catalunya” para resolver o “conflito de soberanía entre Catalunya e o Estado”.

Mentres tanto reclámase (na páxina 89) un sistema de financiamento singular que permita equiparación de gastos co sistema foral, recadación de todos os impostos xerais e achega dunha cota para o re equilibrio territorial dentro de España (un sistema de facto confederal sen nomealo, cousa que si fai Bildu). En paralelo fanse propostas de ampliación da autonomía en: xestión das migracións (páxina 15), memoria democrática (p. 20), catalanizar a xustiza (p. 33), seguridade cidadán (p. 40), acción exterior (p. 43, 45, 84), SAREB (p. 61), empresas estatais (p. 91), cadea alimentaria (p. 97), traballo autónomo (p. 129), SEPE (p. 130), aeroportos (p. 139), arquivos históricos (p. 159). En todo isto as posibilidades de acordo coa posición do PSC semellan máis altas.

Tampouco no programa de Govern de Junts os conceptos “federal” ou “confederal”  aparecen nas súas 230 páxinas. Si o fai máis de vinte veces “independentisme” e tres “autodeterminació”. Pero sobre esa base o certo é que na páxina 53 reclámase -como facía ERC- a corrección do défict fiscal faise cunha proposta de encaixe confederal:

“Cal una llei de finançament per a Catalunya que cedeixi a la Generalitat, tal com es va acordar amb el Govern del PSOE a Brussel·les, els impostos generats a Catalunya. Aquesta llei ha de permetre traspassar per part l’Estat a l’Agència Tributària de Catalunya les competències íntegres per tal de recaptar tots els impostos, gestionar-los i preveure, eventualment, una quota de solidaritat entre Catalunya i l’Estat espanyol, i establir com a base d’aquesta mantenir el principi d’ordinalitat”.

E faise, de novo, cunha asimetría pragmática[6] entre a defensa do dereito de autoderminación cara a independencia e a ampliación da actual autonomía. Dous extremos nos que se obvian as follas de rutas federalizantes ou, mesmo, confederais (que de facto se asumen no financiamento). Así mentres por unha banda se concreta na páxina 5 a ruta cara a independencia: “la reivindicació de qualsevol altre referèndum d’autodeterminació que es pugui arribar a celebrar en un futur. Llavors, com ara, existien impediments constitucionals per organitzar i celebrar aquesta mena de referèndums, però només calia recórrer a l’article 92 de la Constitució per superar-los”.

Por outra parte reclámanse do Estado de novo nunha lóxica federalizante ou confederal para certos Arquivos (p. 18), xestión de fondos europeos (p. 39), seguridade social (p. 53), PERTE (p. 65), consumidores (p. 68), regulación dixital (p. 76), políticas pasivas de emprego (p. 82), competencias enerxéticas (p. 90), hídricas (p. 94), pesca (p. 107), SAREB (p. 152), a reversión provincial (p. 159) ou os aeroportos (p. 161).

No caso do programa de Comuns-Sumar ten interese comprobar tanto a súa sintonía coa proposta federal realizada en Euskadi por este movemento (a única explícita naquel caso) e as lindes, si as hai, co norte confederal no eido fiscal das outras propostas en Catalunya. Coinciden con Sumar en Euskadi na definición federal, e co PSC como vimos de ver, pois atopamos dez referencias ao concepto “federal” (delas tres aplicadas con moito criterio a unha reforma da UE). Sendo o epígrafe 5.1. o que recolle a súa proposta de República plurinacional federal[7] para España coa que se diferencian do “independentismo unilateral” pero tamén do que denominan un “federalismo simétrico”.

Que ese federalismo asimétrico nos recursos públicos é semellante ao encaixe confederal para o financiamento que vimos reclaman ERC, Junts e mesmo o PSC queda tamén claro nas páxinas 5 e na 125 “La nostra proposta és que volem que el 100% de la recaptació dels impostos a Catalunya sigui duta a terme per l’Agència Tributària de Catalunya consorciada amb l’Agència Estatal d’Administració Tributària”. O que supón deixar a solidaridade e redistribución federal a expensas de acordos bilaterais de tipo confederal tal como se condiciona o “sistema d’anivellament solidari” que se debulla na páxina 5 deste programa. Ben é certo que no epígrafe 5.1.5. concretan outras reformas “federalizantes” da situación autonómica actual de claro interese social (non poucas coincidentes coas que fan PSC ou ERC) e contra a actual España provincial, radial e centrípeta.

 4. Final

A secuencia de procesos electorais autonómicos no Reino de España neste ano 2024 primeiro en  Galicia, logo en Euskadi e finalmente en Catalunya fai coincidir en tres Comunidades que son nacionalidades históricas a oportunidade dun certo debate social sobre a viabilidade e contido dunha reforma autonómica, da súa superación nun proxecto federal para España, ou ben confederal e mesmo de total independencia.

No caso de Galicia este debate foi encarreirado cunha nova maioría absoluta do Partido Popular que centrou boa parte da súa campaña ao Parlamento Galego na denuncia da amnistía en relación ao proceso de referendo unilateral e independentista de Cataluña, manténdose nunha parálise do marco estatutario actual[8].

As disxuntivas xa analizadas por min neste medio sobre a opinión pública e as opcións políticas en Euskadi na “cuestión nacional” resolvéronse, nas eleccións realizadas, cun avance das posicións soberanistas confederais de esquerdas (Bildu), o que non quita para unha nova maioría de goberno PNV-PSE. Un goberno sen programa definido mesmo para unha reforma estatutaria e sen proxecto federalizante concreto como aquí se comprobou coa análise dos seus programas[9]. En Euskadi o actual encaixe de facto confederal nos ingresos públicos é partillado por case todos os partidos, sendo a cuestión central para os próximos anos o tipo de xestión deses ingresos en favor da maioría da cidadanía vasca. De concretarse unha reforma estatutaria, aquelas indefinicións federalizantes do PNV-PSE terían que contrastarse coas moitas propostas confederalizantes concretas de Bildu, sendo en todo caso moi incerta a súa viabilidade coas maiorías do Congreso dos Deputados e dentro da actual Constitución.

Esas mesmas disxuntivas en Catalunya, tal como na presente entrega analicei, están a día de hoxe mediatizadas pola superación xurídica e penal dun proceso social independentista alegal, unha superación que semella encarreirada. Tras desta superación podería tomar corpo unha certa réplica do encaixe de facto confederal e asimétrico sobre os recursos públicos do que xa desfruta o País Vasco, así como unha consulta pactada sobre a saída do impasse no que o Tribunal Constitucional deixou a proposta dun novo Estatut de Autonomía. Unha saída maioritaría que podería concretarse nunha proposta federalizante plurinacional ao menos na sociedade catalana, aínda que de apoio moi dubidoso coas probables maiorías do Congreso dos Deputados do Reino de España.

Neste contexto considero que federalizar o encaixe fiscal, aínda nun marco formalmente autonómico (sen reformas estatutarias), e ao tempo pactar propostas políticas (consultivas, redistributivas, culturais, institucionais) federalizantes[10] de aplicación inmediata nas nacionalidades con maior conciencia de seu, poderían ser un bo punto de encontro “pragmático” para progresar na integración plurinacional.

Ao menos mentres non se conforma unha maioría política e social no conxunto do actual Reino de España que abra camiños constitucionais federais a unha “nación plurinacional” onde a igualdade, a fraternidade, a solidaridade, a empatía, ou a axuda mutua nos permitan a todos (máis ricos nunhas cousas e menos noutras) saír ganando nunha unión federal, xa non autonómica.

______

[1]     Ver aquí: https://luzes.gal/03/04/2024/temas/politica/federalizar-cara-arriba-e-cara-abaixo-o-reino-de-espana-e-a-union-europea/

[2]     Ver aquí:  https://temposdixital.gal/a-contratempo/as-claves/eleccions-euskadi-federaliasmo-estado-autonomias.html

[3]     En cada caso deben ponderarse -e comentarémolas nesta orde- en función do peso electoral que teñen no actual Parlament: PSC (23%), ERC (21,3%), Junts (20,1%), Comúns-Sumar (6,9%); deixo fora desta análise VOXPP-Cs (17%) e tamén a CUP (6,7%) (neste último caso por non ser quen de acceder ao programa electoral na súa web consultada o día 28 abril de 2024: https://cup.cat/)

[4]     Ver de novo aquí: https://temposdixital.gal/a-contratempo/as-claves/eleccions-euskadi-federaliasmo-estado-autonomias.html

[5]     Aínda que neste punto o PSC semella rachar a súa declarada lóxica federal por unha confederal ao reclamar o cento por cen dos ingresos públicos “posada en marxa del Consorci Tributari per recaptar tots els impostos conjuntament…  El Consorci haurà de permetre recaptar i gestionar tots els impostos que es generen a Catalunya i establir els mecanismes de traspàs amb l’Estat.” (páxinas 9 e 15), pois como xa quedou anotado en Estados Federais de logo percorrido os seus membros non superan nunca o 60% dos ingresos recadados.

[6]     Pois “La solució és la independència, però alhora cal evidenciar i combatre des de la Generalitat, sense cofoismes inútils, els límits de la dependència” (páxina 6). Certo que cunha filosofía social de claro pouso neoliberal.

[7]     O concepto “plurinacional” reiterase case vinte veces neste programa.

[8]     Analizo polo miúdo para Galicia esta cuestión no número 323 da revista Tempos Novos nas páxinas 38-42. A mesma posición que levou a este partido a emprazar ao TC contra do Estatut de Catalunya.

[9]     Ver a primeira parte desta análise publicada en Tempos Dixital en datas recentes: https://temposdixital.gal/a-contratempo/as-claves/eleccions-euskadi-federaliasmo-estado-autonomias.html

[10]   Ver aquí: https://www.sinpermiso.info/textos/autonomias-federalismo-y-autodeterminacion