Euskadi: dun Estado Autonómico a Federal ou Confederal

Contexto desta análise

Hai dúas vías para facer que a lóxica do mercado, e do que un poida pagar, deteriore o acceso igualitario aos servizos públicos nun país. A primeira, privatizando a súa cobertura (segundo o peto recibes ou non); e a segunda, non mutualizando os servizos (daquela as nacións e rexións máis pobres terán menos servizos ao non poder pagalos), algo que si se faría dentro dunha estrutura federal. Tamén hai lóxica de mercado nunha deriva de concerto-cupo de perfil confederal no facendístico (mentres se mantén autonómico e de mercado único no resto).

Habería que rachar esta lóxica neoliberal cun pacto fiscal federalizante que supere o modelo autonómico actual por centrípeto e asimétrico a un tempo. Por deixar demasiados recursos do réxime común en máns do Goberno Central e por coexistir cun encaixe confederal de Euskadi e Navarra. Que nin é federal nun caso, nin federal no outro.

Así, se contextualizamos o modelo de distribución dos ingresos orzamentarios actuais do Reino de España co que sucede noutros países de estrutura federal (datos da OCDE de 2022), observamos que os ingresos do Goberno Federal (Estado máis Seguridade Social) no reino de España están sen dúbida nun nivel moi alto (72 %), mentres que en EE.UU. ou Alemaña cae ao 60 % e en Canadá ao 45 %, pero nunca por debaixo dese nivel. E, pola contra, que os das nacionalidades (ou estados federados) no Reino de España é certamente baixa (só o 28 % do total) pero en ningún caso supera o 55 % (no caso de Canadá) e mantense no 40 % en Alemaña ou os Estados Unidos.

Deixar ao Goberno Federal sen un volume substancial de ingresos orzamentarios (para políticas de nivelación, cohesión e redistribución) (se o cento por cento dos ingresos tributarios os recadan as nacións ou Estados), levaríanos a un acordo confederal que, aínda que non supón a independencia pura e dura, concreta a soberanía e a autodeterminación dun xeito menos fraternal que un pacto federalizador como o aquí defendido. Pois este marco confederal, cunha distinción radical entre “nós” e “os demais” no ámbito das finanzas e dos servizos públicos, deixa moi pouco terreo para o esforzo colectivo. A pesar de que no mercado, nos fluxos comerciais, nas pegadas ambientais ou no aproveitamento dos recursos naturais, suponse que se mantería unha unidade española na que todos serían “nós”. Unha curiosa cidadanía compartida para unhas cousas, pero para outras non. Algo que sucede tamén no conxunto da Unión Europea que no orzamentario e moi confederal e moi pouco federal.

Que din as preferencias sociais?

Nun recente Sociómetro vasco (marzo 2024) a porcentaxe da poboación que se identifica tanto como vasco e como español, ou mesmo máis español, acada o cincuenta por cento; mentres que os que se consideran máis vascos están no corenta e tres por cento, o resto son indecisos (grupo que vai minguando a medida que soben os que se consideran tanto españois como vascos). Complementariamente a tendencia deste segundo grupo é minguante dende 1995 (do 46% ao 43%), sobre todo no subgrupo dos que se consideran só vascos (que cae do 31% ao 19%). Non é de estrañar que estean de acordo coa independencia só un 22 %. De xeito que o substrato social máis federalizante semella superior ao confederal (50 a 43 puntos), e moi por riba do independentismo (22 puntos).

Nunha recente sondaxe preelectoral de El País (marzo, 2024) para Euskadi os resultados resumidos sobre o asunto que nos ocupa recóllense no seguinte recadro:

Obsérvase que o independentismo reduce a súa preferencia social (do 22% ao 13%) respecto do Sociómetro, fronte a unha preferencia por un encaixe dentro do Estado distinto ao actual (37,5%) case do triplo. As dúas últimas porcentaxes (máis autonomía ou independencia) roldan o 60 % en Bildu, PNV ou Sumar, mentres que só no PP o estatus actual supera o 70 %. Pero estas opcións non permiten deslindar de xeito claro preferencias federalizantes doutras de orientación confederal.

Que propoñen as alternativas políticas ?

É ben sabido que fronte a un apenas 30 % de recursos fiscais propios do réxime común das Comunidades Autónomas no Reino de España o concerto das Comunidades Forais (País Vasco e Navarra) ten un carácter confederal pois reteñen o cento por cento dos recursos e só aportan un cupo para cubrir os gastos comúns (poñamos por caso defensa, etc.). Como xa se avanzou nun sistema federal nunca superarían o 60 %. Sendo así que na miña opinión a conformación dunha cidadanía federal no reino de España non se vai a construír -como vén de propor o pasado (20/3/2024) o President da Generalitat- replicando nesa nación o modelo vasco: una sobirania fiscal total per tal que la Generalitat passi de recaptar el 9 % dels impostos al 100 %”.

Esta asimetría entre autonomismo e confederalismo para o sistema de financiamento, que o President quere trasladar a Catalunya, para o caso de Bildu en Euskadi trataríase de trasladala progresivamente a maioría das funcións de Goberno. Vexamos o que sosteñen no seu programa electoral para as eleccións autonómicas ao Parlamento Vasco do ano 2024. Nas súas dúas últimas páxinas (“Nuevo estatus político“) aparece explicitamente o concepto confederal en dúas pasaxes. Son estas co horizonte do ano 2028 (as negriñas son miñas):

* “Relación de carácter confederal basada en la bilateralidad que pueda desarrollarse sin ninguna subordinación al Tribunal Constitucional, al Congreso español o a los tribunales españoles y sin ninguna injerencia por parte de los mismos“.

* “Compromiso de impulsar el debate institucional mediante la reactivación de la ponencia en el seno del parlamento vasco en el plazo de tres meses desde el inicio de la nueva legislatura. Compromiso de plantear la propuesta confederal como proyecto de ley. Consulta vinculante acordada en el caso de lograr mayoría absoluta en el Parlamento“.

Noutro apartado anterior sobre “Refuerzo de la identidad comunitaria” fanse propostas sobre políticas linguísticas, culturais, sistemas de comunicacións (audiovisual, EITB, …) ou políticas internacionais. Eixos que se deben considerar prioritarios daquel encaixe confederal. Sen esquecer o apartado “Reforzar la soberanía estratégica” na que concretan propostas con semellante percorrido no enerxético, alimentario, industrial, servizos, dixitalización, finanzas e fiscalidade.

Sendo esta a súa proposta (representando o 28 % dos votos en 2020), unhas liñas antes remítense a un “amplio acuerdo sobre Bases y Principios para un nuevo Estatus político alcanzado en la legislatura 2016-2020 con los votos de EH Bildu, Elkarrekin-Podemos y PNV“. Para mín é obvio que a viraxe programática cara o enfoque confederal algo terá que ver coa constatación de que entre a súa base electoral  (28% dos votos) sú unha parte (o 13% segundo a sondaxe de El País) declara preferir a independencia. Esa sondaxe mesmo cuantifica entre o electorado de Bildu unha maior porcentaxe prefiren máis a autonomía (por caso confederal) que a independencia.

Non é menos importante ver o que se propón por parte do PNV (39 % dos votos en 2020) nestas mesmas eleccións. Pois por xunto con Bildu suporían case o setenta por cento da maioría popular daquela nación. Tendo en mente que máis arriba dicíamos que o substrato social federalizante  semellaba superior ao confederal (50 a 43 puntos), e moi por riba do independentismo (22 puntos).

No programa electoral do PNV non hai unha soa referencia ao concepto “confederal” como si a viamos no de Bildu. Pero o máis estraño é que do concepto “federal” só hai unha referencia aplicada a Unión Europea e tres a “federación” no mesmo ámbito. Pero ningunha aplicada ao Reino de España. Sintomático porque inmediatamente a estas catro referencias ábrese un apartado titulado “La actualización del autogobierno vasco” onde poderían ser retomadas, pero tal cousa non sucede. Concrétase a necesidade de corrixir certas regresións autonómicas e completar-culminar o actual Estatuto de autonomía (“Ampliar el quantum competencial en relación a todas las competencias previstas en el vigente Estatuto“, páxina 68). De xeito que no curto prazo (no prazo no que Bildu quere abrir camiño a un proceso confederalizante) o PNV nin sequera fala dun proceso federalizante. Aínda que explicitan o “dereito a decidir” e, sobre todo, un reclamo de “bilateralidade” que pode concretarse ben nun encaixe federal ou confederal (como propón con claridade Bildu). É neste punto, e nesta encrucillada onde o resultado das eleccións deste ano 2024 pode definir qué folla de ruta se fai maioritaria nesta cuestión.

Nestas circunstancias sobre todo o PSE-EE (14 % dos votos) e Sumar Euskadi poderían ser o complemento social e estratéxico para dirimir esta disxuntiva. Pero no caso do programa electoral socialista nas súas cento corenta páxinas tampouco hai ningunha referencia ao concepto “confederal“, o que é lóxico. Claro que tampouco a “federal” ou “federación” para o Reino de España, nen sequera para a Unión Europea. E no apartado titulado “Un autogobierno mejor para el siglo XXI” (páxinas 130-133) decántase por un desenvolvemento pleno do Estatuto actual sobre a base do encaixe confederal de facto nos ingresos, pois nese eido seguirían a ser “una de las regiones europeas con mayores niveles de autogobierno y responsables de administrar 96 de cada 100 euros que recaudan las Haciendas Forales” (páxina 131). Como se observa, asúmese esta asimetría confederal/autonómica sen despregar unha solución federalizante explícita. E moito menos confederal como fai Bildu.

Si se fala de encarreirar unha reforma modernizadora e actualizadora do actual Estatuto de Guernika pero cos límites de non aceptar “las pretensiones nacionalistas de orientar el resultado a una superación del marco estatutario hicieron imposible su culminación” (páxina 132). O que semella excluir as opcións federais ou confederais, pero tamén as que eu chamo federalizantes. E iso a pesares de non “renunciar a la posibilidad de una actualización de la Constitución Española, resuelva las carencias y ambigüedades del texto vigente“. A indefinición é, como ben se observa, moi calculada, pois a reforma pasaría entre outras cousas pola plurinacionalidade do Reino de España no preámbulo, e por concretar os mecanismos de relación co Estado. En ausencia de maiores avances, os acordos co PNV neste eido semellan máis factibles que con Bildu. Que reitero mantén unha postura confederal clara fronte a indefinición federal de PNV e PSE-EE.

As propostas do programa de Sumar Euskadi para as eleccións ao Parlamento vasco deste ano con máis de cento oitenta páxinas adican tres (106-108) a cuestión que nos ocupa. Non consideran a opción confederal e refiren o concepto federal oito veces (sendo daquela a excepción a norma de silencio sobre esta opción no resto dos partidos vascos). Nación, plurinacionalidade do Reino de España, e federalismo como xeito cooperativo e solidario de articulación, pois sosteñen é a opción preferida pola cidadanía vasca. A este federalismo queren avanzar con un novo Estatuto dende o texto consensuado no 2019 debatido pola cidadanía centrado nos dereitos sociais e nacionais que será aprobado cun “acuerdo previo, mayoritario y transversal en la sociedad vasca como paso previo al pacto con el Estado”.

No punto 403 do seu programa a federalización do Reino de España ten unha folla de ruta clara:

“Abordaremos, de forma simultánea, un proceso compartido en todo el Estado para la reforma constitucional del Estado autonómico sobre las siguientes bases: modelo republicano, federal cooperativo y solidario entre el Gobierno federal y las Comunidades federadas… policentrismo y descentralización efectiva que permita ubicar los organismos federales fuera de la capitalidad” (as negriñas son miñas).

É unha magoa que o PSE non teña avanzado cara unhas posicións federalizantes semellantes a estas, pois o seu peso político (no conxunto do Reino de España e para gobernar en Euskadi) abriría ben seguro un roteiro necesario dende un autonomismo esgotado a un modelo federal de amplo respaldo. Na súa ausencia a dialéctica confederal ou independentista seguirá capitalizando o debate político.