Con datos do Instituto Nacional de Estatística (PERE-INE), os novos residentes no estranxeiro procedentes de Galicia (novas inscricións de galegos residentes no estranxeiro) ofrecen unha tendencia sostida e estable en arredor dos dez mil cidadáns anuais. Con dúas excepcións: o intenso crecemento anotado despois da crise financeiro-inmobiliaria (2010-2014) e a caída do ano posterior á pandemia da Covid (2021), tal como se recolle no seguinte gráfico para o intervalo de idade entre 16-65 anos.
No ano 2011 da Grande Recesión chegamos a expulsar fóra de España a 24.000 galegos, un 20 % do total migratorio español. Todo un récord de peso negativo dun país desnortado. E aínda que no ano 2021 post-pandemia baixamos a 5.000 emigrados, mesmo así seguiamos nun descontrolado 10 % do total español. Moito peso no malo: desnortados.
Unha tendencia histórica de dez mil emigrantes galegos anuais fóra de España que nunha década (2014-2023) totaliza nada menos que cen mil persoas, datos que supoñen un máis que preocupante 10 % da emigración total dende o Reino de España para ese tramo de idade (cando sabemos que a nosa poboación no conxunto español é minguante e está na metade desa porcentaxe).
Hai que deixar á marxe destas cifras a poboación inscrita no estranxeiro de menos de 16 anos, pois en boa medida serán descendentes de cidadáns previamente emigrados. Así, se para o conxunto de España no ano 2023 se anotan 58.000 menores inscritos no estranxeiro, son 104.000 os inscritos entre 16-65 anos (dos que, reiteramos, 9.428 foron galegos). Cousa seria: arredor de dez mil emigrantes anuais fóra de España. Un dez por cento do total: así se constrúe un país minguante. Esta seica é a Galicia que funciona. ¡¿Como será a que non funciona?¡
Se a eses dez mil anuais fóra de España lle engadimos os cinco mil titulados universitarios de saldo neto cara o resto de España –que revisabamos aquí nunha análise anterior– situámonos nuns quince mil emigrantes anuais. Unha cifra que encaixa como unha luva na evolución decrecente da poboación galega máis moza. Algo que se comproba coa Enquisa da Poboación Activa do INE para Galicia para a última década.