Cos datos do Informe de Mobilidade de Traballadores segundo o nivel académico, elaborado pola Xunta de Galicia para os dez últimos anos, podemos facernos unha idea de como é iso da Galicia que funciona. Pero debemos ter moi en conta que só se recollen os movementos dentro do reino de España, polo que a emigración e inmigración fora de España non está incluída, o que de facerse a bo seguro agravaría en moito o saldo neto migratorio que imos observar dentro de España. Fareino nunha próxima entrega.
Ten especial importancia focalizar a atención nas mozas e mozos que teñen rematados os seus estudos universitarios por ser, en principio, a poboación activa máis cualificada para traballar e na que se fixeron máis esforzos familiares e sociais.

Fonte: elaboración propia con datos da Xunta de Galicia [Ampliar gráfico]
Pode ter interese ver o que sucede no outro extremo da poboación activa: a menos cualificada ou con só estudos obrigatorios. Neste caso, no último quinquenio obsérvase unha inmigración neta de tres mil ocupados, ao revés do que sucedía nos que tiñan estudos universitarios nos que a emigración neta dende Galicia acadaba os doce mil. Somos sobre todo un país minguante en probabilidade de ocupados universitarios.
E se só avaliamos os datos do ano 2023, mentres que nos ocupados universitarios a emigración neta de galegos dentro de España era de catro mil persoas, no caso dos que teñen só estudos obrigatorios foron apenas mil. Estamos especializándonos en exportar traballadores altamente cualificados. Un síntoma de que andamos desnortados. A non ser que esas exportacións sirvan para presumir coa “Galicia que funciona”.