Rosendo Salvado non vía monos

Agora que nos estadios e competicións deportivas do Reino de España algúns espectadores presuntamente civilizados chaman “monos” a participantes (con frecuencia futbolistas) que non son brancos como eles, paga a pena lembrar que hai cento cincuenta anos noutros estadios (neste caso na Australia controlada por colonos brancos) as cousas transcorrían doutro xeito. Ao menos nun caso, e da man do galego Rosendo Salvado.

Wegnola, o capitán da equipa en 1879

Como lembro no meu libro “O país dos sen alma. Rosendo Salvado en Australia 1846-1899” (esgotado en papel pero agora en acceso libre na web da Universidade de Vigo) a misión australiana da que Rosendo fora artífice e abade en Nova Nursia, foi quen de organizar un equipo de aborixes, capitán incluído, que competiu con éxito con rivais europeos cando corría o ano 1880. Un equipo que chegaría a vencer na cidade de Fremantle aos colonos brancos.

Rosendo decatouse  moi cedo do enorme prestixio social que entre os europeos da colonia tiña ese deporte, e de como a competición colocaba a todos os participantes en igualdade. Na súa valoración do asunto decatouse de que para os ingleses calquera que xogase ben ao cricket sería considerado máis civilizado -nas súa palabras textuais- que se demostrase coñecer de memoria a filosofía de Santo Tomé de Aquino.

A afección a este deporte entre os aborixes da misión chegaría a ser tal que o equipo viaxaba a pé a Fremantle ou a Perth para disputar os seus partidos. No ano 1881 gañarían o trofeo Toodyay, e por unha razón semellante chegarían a ser obxecto dunha reportaxe na revista inglesa The Graphic (do 17 de maio de 1875). A conclusión de Rosendo fora contundente:

“Os indíxenas demostraron aos ingleses que non son parvos e moito menos unhas bestas, senón que son capaces de seren civilizados e de asimilaren a cultura intelectual que moitos lles negaron.”

Por este e outros motivos de actualidade, ao fío dos feitos acontecidos naquelas terras hai século e medio, recomendo a lectura da miña breve crónica que ven de divulgar en aberto o Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo.