As servidumes de ser “la bien pagá”

É ben sabido que a chegada de Manuel Fraga a Xunta de Galicia (1990) inaugurou unha etapa, que aínda dura, de boas relacións entre o Partido Popular (PPdeG) e a maioría dos medios de información e comunicación privados quen dende aqueles anos actúan como auténticos botafumeiros do goberno galego, sempre que goberna aquel partido, ao tempo que fustrigan a oposición de esquerdas sen que, neste caso, lles doan as prendas á hora de sementar mentiras e trolas. Un comportamento que converte a estes medios en auténticos servidores do Partido Popular, o que da unha imaxe dos mesmos que produce bochorno e vergoña allea.

Unha servidume que se apoia en moi zumarentas transferencias directas en forma de pagamentos por publicidade, convenios… que suman globalmente unha moi relevante cantidade de fondos públicos. Transferencias e axudas que se regatean, cando non se negan directamente, a outros medios de información e comunicación independentes. Así, e por caso, no ano 2023 a Xunta de Galicia presupostou case 2 millóns de euros en subvencións ás grandes empresas xornalísticas galegas (DOG núm. 64 do 31 de marzo de 2023) a pesar de que todas editan os seus diarios en español. Mentres, destinaba 200.000 euros aos pequenos medios que si empregan integramente a lingua galega. Unha práctica que se vén sucedendo dende que o señor Núñez Feijóo accedera á Presidencia da Xunta de Galicia (2009) e que, ao día de hoxe, supón globalmente o desembolso de 45 millóns en fondos públicos segundo algunhas informacións periodísticas.

Unhas servidumes que loxicamente teñen as súas consecuencias e as súas vítimas. Entre estas últimas está a propia credibilidade destes medios e, como engadido, un dos dereitos fundamentais como é o dereito dos cidadáns a estar ben informados. En relación ao primeiro, e a pesar do bombardeo dos medios subvencionados (”la bien pagá”), o grao de confianza dos galegos non é alta: o 56% dos/as galegos/as desconfían de que os medios sexan realmente libres e independentes, e un 60% pensan que non ofrecen, en xeral, unha visión veraz e fiable da vida política e social.

Entre as consecuencias desta actitude subvencionadora interesada está a enorme dereitización (que chega incluso a adoptar formas reaccionarias) da información en Galicia. Algo que se plasmaba recentemente, por exemplo, na análise que estes medios facían das causas da alza da inflación, da que se responsabilizou ás subas salariais ignorando o decisivo papel das enormes ganancias das rendas altas; ou a información sobre a guerra en Ucraína, onde se terxiversa o papel da OTAN e se ignoran as súas provocacións a Rusia; ou a visión do xenocidio en Gaza e o papel de Occidente; ou tamén as causas da imparable alza da extrema dereita en Europa e, en especial, o seus continuos ataques ao goberno español de quenda e aos directivos e dirixentes dos partidos da coalición de goberno (PSOE, Podemos, Sumar) que contrasta co trato de botafumeiro á actual Xunta de Galicia (PP).

Servidumes de ser “la bien pagá”.