O último libro de Antón Baamonde (profesor e ensaísta, colaborador habitual de TEMPOS NOVOS) ten dúas partes diferenciadas: un breve e estimulante ensaio nas coarenta primeiras páxinas, e unha longa conversa cun singular empresario (Daniel Hermosilla, do Grupo Rodiñas) de non menor interese nas cen páxinas restantes. Un formato non habitual, innovador, de alto potencial divulgativo e informativo para quen queira abrir as fiestras e ventilar unha casa -Galicia- que anda non pouco desnortada.
A motivación está clara: “A mensaxe deste libro, querido lector, consiste en afirmar que non necesariamente o seu fillo ten que emigrar”, di Antón. E aínda que el non pon cifras, as miñas contas son que cada ano saen do país sobre quince mil mozas e mozos cun alto nivel educativo. Por iso seguimos a estar nun país minguante. Diante disto o optimismo do autor lévanos na procura dun “camiño practicable” para evitar esa desfeita, esa deriva minguante.
Os camiños quedan ben apuntados nesta primeira parte. Pasan por conformar unha rede ou anel urbano policéntrica e non radial, facelo partillando co norte portugués as non poucas actividades complementarias, tecer todo iso cunha modernización ferroviaria non de novos ricos senón multifuncional e de velocidade media, combinar vectores exportadores de alto valor engadido cunha cobertura de proximidade das manufacturas esenciais, facelo con iniciativas privadas pero tamén públicas para garantir obxectivos estratéxicos, de control dos recursos ou de autonomía financeira. E así entre outras consideracións oportunas que deixo no tinteiro.
Se existen os proxectos, onde está o problema? Na miña opinión, en que vivimos nunha sociedade de mercado (non nunha economía de mercado) cunha agulla de marear neoliberal e provinciana.
Claro que o problema non é tanto que non existan “proxectos de modernización galegos” elaborados por parte da sociedade civil. Imos sobrados deles. Eu mesmo teño coordinado unha proposta no ano 2007 para a Xunta de Galicia. Anos despois outra Xunta de Galicia ven presentando o RIS3 (2015, 2021) Estratexia de Especialización Intelixente, e o IGAPE (2015) faría outro tanto na súa Axenda de Competitividade de Galicia ou Industria 4.0. Pola súa banda o CES-Galicia (2018) consensuóu un solvente documento estratéxico titulado Por unha alianza do sector industrial galego coordinado por Xosé H. Vázquez, que na miña opinión non ten nada que envexar a outras propostas catalás ou vascas de modernización produtiva.
Se existen os proxectos, onde está o problema? Na miña opinión en que vivimos nunha sociedade de mercado (non nunha economía de mercado) cunha agulla de marear neoliberal e provinciana. Por iso non somos quen de tomar en serio un Estado emprendedor como si o fan nos Estados Unidos, Xapón, China ou Alemaña. Nós imos de monaguillos dando axudas sen criterio, non freando iniciativas disparatadas, mantendo instalacións irracionais, levantando proxectos de novos ricos sen contidos claros, facendo mix privado-público para pillar subvencións, con exemplos de sobra coñecidos (o Gaiás, o AVE radial, ENCE, Alcoa, peiraos exteriores, polígonos case baleiros…). Daquela os proxectos quedan en papel mollado, o papel aguántao todo e os planos de seguimento (por caso dos Planos Estratéxicos de Galicia) tamén. E de pouco vale falar de medidas transversais, de arborizar, de hibridar, de triangular, metáforas que apenas son fumeiras para que cada un (segundo o seu poder económico) faga e pille o que lle pete. Eso si, moito I+D+i de boquilla6, e moito estado emprendedor mal entendido.
Cando Antón sostén que as “renovables, os proxectos en curso orientados a produción de hidróxeno verde sería bo que servisen para facilitar a produción industrial de Galicia, máis que producir enerxía para ser exportada” define un proxecto, pero cando se asume que os planos da navieira global Maerks son unha opción, estamos diante da súa abdución neoliberal. Porque é xusto así como os nosos “ases na manga” se capturan por axentes globais depredadores, e a transición verde remata nunha nova fase do capitaloceno. Como xa sucede en Reganosa e Sogama (co mix Xunta-Naturgy), ou en Recursos de Galicia (Xunta-Abanca-Ence e outros).
Penso que a atinada afirmación industrial do país deste ensaio (“a pesca en Galicia non é un sector primario, senón industrial”) ten hoxe a fronteira da cuarta parte do PIB, da lóxica da produtividade, da dixitalización e do mercado global. Unha lóxica que non debera ser transferida ao conxunto dos servizos (tres cuartas partes do PIB) se queremos definir un proxecto social para este século XXI sostible social e ambientalmente. Porque moito me temo que a aplicación neoliberal da intelixencia artificial non será a solución se non vai da man dunha intelixencia colectiva fóra da lóxica do mercado (e isto serve tamén para as bio tecnoloxías ou a xenética).
Malia que o oligopolio financeiro, enerxético, dos seguros e das concesións públicas non o pon nada fácil, na automoción, na confección e noutras actividades compróbase que naquela cuarta parte do PIB adicado a produción material hai moita vida intelixente.
O modelo Sargadelos (“deseñamos, producimos, distribuímos e vendemos”), todo un clásico campión oculto do consumo duradeiro, puido ser clonado con éxito a escada xigantesca do consumismo reiterado (Inditex-Zara), pero deixará de ser sostible e, ao tempo, caerá na lóxica dos grupos financeiros globais (cousa que evitou Ikea). Esta lóxica (en Stellantis, Naturgy-Iberdrola, BSCH-BBVA, …) abducirá ao seu servizo macanudos proxectos de modernización pagados con diñeiro público que se regatean ao Estado de Benestar. A tradución celtibérica do estado emprendedor.
A longa conversa entre autor e empresario
Dito isto sobre o contexto, paso máis brevemente á segunda parte: a longa conversa-entrevista entre autor e empresario. Como argumento polo miúdo nun ensaio en fase de publicación, a economía e a sociedade galegas levan tempo desnortadas e minguantes. Certo que se non fose polo feixe de empresas (“campións ocultos”) que se cartografian nestas páxinas, as cousas poderían ser moito peores. Pois malia que o oligopolio financeiro, enerxético, dos seguros e das concesións públicas non o pon nada fácil, na automoción, na confección (tractoras Stellantis e Inditex) e noutras actividades compróbase que naquela cuarta parte do PIB adicado a produción material hai moita vida intelixente. Mesmo así, e ben orientadas estas empresas ao mercado global, seguimos en Galicia a ter unha cota de empresas exportadoras fora de España por baixo do noso peso no PIB (4,5 e 5,2 %) e deberamos pasar de 8.500 empresas exportadoras galegas en 2022 a 10.000.
Tamén se comproba que as cousas poderían ser mellores se aqueles oligopolios deixasen de selo e se esas empresas “deixan de depender totalmente dos traballos” que fan para as tractoras. Deixar de depender como clientes dominantes ou exclusivos, pero tamén das orientacións estratéxicas e funcionais das mesmas. Por caso nas auxiliares de coches e furgonetas particulares pasando a selo de material móbil de transporte colectivo, da estrada ao ferroviario e do fósil ao renovable. Ou de centrarse en facilitar a robotización ou comercio masivo (confección) e lonxano (frío industrial) a mellorar os servizos de base persoal e o comercio e loxística dos produtos de proximidade (da terra e do mar). Son o tipo de cousas que debera propiciar un Estado emprendedor (Central e Xunta de Galicia) que non temos, porque andamos demasiado atentos aos intereses daqueles oligopolios extractores e do turismo masivo.
A boa nova deste libro é comprobar que hai un formigueiro empresarial fervendo, que precisaría dun capital social e institucional8 á súa altura. Un capital que anda secuestrado por un grupo neoliberal de amiguetes moi centrípetos en asociacións e lobbies ben engraxados. A mala noticia é que mentres as cousas sigan así, as mellores enerxías do país ou se suman a esa conga extractiva, ou se amañan pola súa conta. E así vai ser máis difícil deixar de ser un país desnortado e minguante. Con quince mil emigrantes ao ano.
Galicia, distrito industrial
Conversas con Daniel Hermosilla
Antón Baamonde
Editorial Galaxia
Vigo, 2024