A Galería Dodo Dadá é o proxecto persoal de dous artistas, de dous compañeiros: Marita Carmona e Xosé Vila Moure. Sita en Ourense, no número 32 da Rúa Liberdade é o terceiro pé, en canto a galerías de arte se refire, da cidade. Nela non só se desenvolven exposicións relacionadas cos propios traballos de Marita e Xosé, senón que contan cunha ampla programación de artistas locais e visitantes que, desde a súa inauguración hai un ano, poboan as paredes e os recunchos deste local no corazón da cidade vella.
A galería Dodo Dadá alterna a promoción da arte plástica nacional e internacional con diferentes eventos culturais de diversa índole (…) Todo a se realizar na procura de ser outro pequeno corazón que manteña o sangue cultural de Auria en movemento, que non é pouco.
Nos primeiros días foron os traballos de Miguel Mosquera, a través da achega plástica Revisión, os que deron a benvida aos primeiros visitantes. A mostra, amparada por un relatorio a cargo de Camilo Franco, no que de seguro quen puidera estar recoñecería a importancia e o valor dos tarecos, marcaba o estilo de portas abertas da Dodo. Baste recoller parte das impresións da propia Marita cando manifesta o seu sentir cara esta primeira singradura.
“Agradecía Cortázar a novela Paradiso, de Lezama Lima, por facerlle volver á palabra escrita coa actitude do neno que lentamente viaxaba cun dedo polos mapas dos atlas, pola contorna das imaxes, que degustaba o sabor embriagador do incomprensible, das palabras que eran ensalmo, ritmos e ritos da paisaxe…Recorro así as obras de Miguel Mosquera, porque son das que permiten este tipo de viaxe. Véndoas, parecese que case estiveses a piques de descifrar o enigma dunha vida. E iso dáse cando o percorrido é veraz, cando resulta real porque é aberto. Porque é complexo, azaroso e, non fondo, segredo (para quen mira e para quen o fai) pois así é a vida. Como Cortázar, agradézoche a viaxe, Miguel”
É desde aquel día que a actividade dentro da galería alterna a promoción da arte plástica nacional e internacional con diferentes eventos culturais de diversa índole: faladoiros, obradoiros de gravado para adultas e para crianzas, experimentación da creación plástica desde a poesía, aulas de debuxo e pintura, música ao vivo, intervencións artísticas, presentacións literarias, etc… Todo a se realizar na procura de ser outro pequeno corazón que manteña o sangue cultural de Auria en movemento, que non é pouco. Ao tempo, polo espazo expositivo da Dodo, teñen pasado artistas coma Alejandra Pardo, Manolo Figueiras, Tono Carbajo, Katrina Biurrun, Pablo Orza ou Reme Remedios, combinados co catálogo de fondo de obras de exposición e, por suposto, venta ao público que manteñen como colección permanente nas gabetas das súas entrañas, envoltas no arrecendo da trementina e mergulladas no ar do bouquet meloso e graxo do pastel e a luz da tinta.
A exposición O libro de horas, no centro cultural Marcos Valcárcel, inclúe pezas da serie Deshoras, anterior 15 anos no tempo, a propia Libro de horas e achegas artísticas construídas arredor dalgúns poemas de Emily Dickinson.
Unha exposición: o preanuncio do devir creativo de Marita
Así, conciliando o seu labor de xestora da galería e mestra, Marita Carmona desenvolve a súa propia obra plástica. A artista leva desde os dezaseis anos sabendo que pintar era o xeito no que quería vivir todas as súas horas, e nesta achega á súa pintura demostra que a súa folla de ruta non coñece verdade que fique arredada da expresión pictórica desde a honestidade e a profunda liberdade surrealista do seu propio imaxinario. Nestes primeiros meses do ano 2024 vén de expoñer no Centro Cultural Marcos Valcárcel unha mostra que enlaza obra do pasado, do presente e as primeiras pezas do que poderá ser unha nova serie a se crear de poética explícita e interpretación gráfica da visión propia do poemario alleo.
O libro de horas, nome baixo o que se identifica a exposición, inclúe pezas da serie Deshoras, anterior 15 anos no tempo, a propia Libro de horas e achegas artísticas construídas arredor dalgúns poemas de Emily Dickinson, que ilustran os camiños polos que pode derivar o futuro creativo de Carmona. Nas palabras da comisaria da mesma, Olga Pastor, descubrimos unha Marita que procura os espazos intermedios, e quizais precisemos dese limiar da visión de quen artella os paus sobre os que repousar a obra para comprender con maior profundidade e, sobre todo pracer, a xeografía do lugar que visitamos cando entramos no universo de Marita.
“Marita naceu en Madrid, pero deseguido se mudou cos seus pais e irmáns á cidade da Coruña. Alí creceu entre os pinceis co seu pai (Cheché Martín) e o revolto dunha familia numerosa á que observou sempre con esmerada atención”. Froito desta observación percibimos detalles nos lenzos que a propia artista recoñece como trazos propios da intención creativa desta obra: os xestos. A Marita observadora manifesta o gusto polos pequenos detalles que identifican a intimidade da persoa a través da comunicación xestual, o xeito no que repetimos un determinado movemento, unha expresión, cando exercemos a intimidade no discurso, ou na propia soidade, na reflexión. Desde esa perspectiva, moitos dos rostros identificados na súa obra semellan capturados de fotografías. A intimidade, segundo Carmona, fica nun espazo difícil de acadar máis aló de dúas persoas. Porén, os seus cadros xeran en quen escribe unha necesidade de procurar a intimidade coas irrealidades das personaxes que se representan neles, salvar a distancia soster a ollada dos mesmos ollos que asexan desde o lenzo, en diferentes posicións, mais que sempre semellan seguir os pasos da observadora. Establecer unha conexión ou buscarlle un xeito de transgredir o segredo da artista para ser quen de, como ela ben atina, retirar a máscara coa que protexemos as verdades e ollar, na superficie interior, probablemente cuberta de espello, prata e da suor dos verdaeiros pensamentos, a simboloxía fragmentada empregada na súa obra.
Repítense as ideas relacionadas coas ligazóns, os fíos, as liñas que poden ser reais, enerxéticas ou materializadas desde a idea da vexetación e coa textura do tecido, entre seres dispares que comparten expresións infantis en rostros adultos e olladas adultas en rostros de paxaros.
Libro de horas, segundo as palabras de Carmona, comparte nome con aqueles vellos cadernos de apuntes relixiosos nos que se marcaban os momentos para rezar xunto coa oración ou salmos específico que serían máis acaídos a cada momento. Déitase, pois, a idea de que a arte podería ser unha guía para coñecer e coñecérmonos hora a hora, para entendérmonos hora a hora. No diálogo que manteñen Marita con Pablo Otero, e que queda parcialmente reflectido no catálogo da propia exposición, analízanse as motivacións da creadora para cada unha das propostas da mesma malia que Marita, en conversa con TEMPOS NPVPS, recoñece que o mellor xeito de entender a arte é exercendo o dereito a sermos espectadoras. Así, desde a nosa perspectiva, poremos os medios para interpretar cos nosos propios ollos esa información onírica, colorida, surrealista das pezas de Carmona e, a través da proxeción do noso propio coñecemento, e así quizais sexamos quen de relatar e encadernar o noso propio libro das horas.
A exposición percibida polos ollos dos espectadores
Para transitar a pintura deste libro das horas cómpre reflexionar sobre algunhas cuestións como o emprego dos fragmentos como símbolo que regresa aparentemente semellante a si mesmo. e que fica imbuído dun novo significado con cada nova ollada, sendo obxecto e experimento a un tempo, case froito da teoría cuántica, deixando que o principio de incerteza lle outorgue esa marca indeleble que condena a observación da obra á súa modificación de xeito instantáneo, só coa mediación matemática. A autora xoga coa idea do mito, do arquetipo e da súa profundidade. Recoñece que ao pintar gusta de exploralos intuitivamente, “coma quen se desliza por un mapa que non entende, pero que intúe porque ten a sensación de ter estado alí”. Nalgún caso, estivo alí, como no paralelismo establecido entre os dous cadros nos que representa a situación co seu pai observándoo hai quince anos, e lembrando esa observación na reinterpretación daquel momento.
Repítense tamén as ideas relacionadas coas ligazóns, os fíos, as liñas que poden ser reais, enerxéticas ou materializadas desde a idea da vexetación e coa textura do tecido, entre seres dispares que comparten expresións infantis en rostros adultos e olladas adultas en rostros de paxaros. Poderían ser pantasmas xurdindo de elementos básicos, do vento, do mar, das propias memorias, ou poderían ser aquelas imaxes que adiviñamos escondidas dentro dos obxectos que traen a seguridade, a luz. A repetición e a contención do símbolo dentro do símbolo, desde a necesidade de proxección da posibilidade desde quen observa no ovo, ate O xogo da oca obra que podería facer agromar sentimentos relacionados coa idade menstruatoria e a capacidade, a decisión sobre o corpo, da perpetuación da especie.
Trátase, está claro, dun misticismo galaico, oceánico, cuxos arrebatos non conducen ao Paraíso senón ao bordo dun cantil en cuxo fondo se perfila o fin do mundo que é, á súa vez, o inferno de Marita.
Porén, o unico xeito de serlle fiel a experiencia do Libro das horas é posuír un libro das horas ou, o que é o mesmo, visitar a obra de Marita Carmona. En palabras de Javier Ozón:
“Marita volveuse mística, é dicir, do revés. Como unha luva. Se a coñecen vostedes, non se sorprenderán. Se non teñen o pracer, comprobarano nos seus cadros. En verdade sempre foi unha pintora mística. Como revelou, gústalle pasear no bico dos pés dentro da súa cabeza. E en ocasións, mentres camiña, fai a vertical ou asubía a Foliada de Tenorio. Marita é persoa e paisaxe. Trátase, está claro, dun misticismo galaico, oceánico, cuxos arrebatos non conducen ao Paraíso senón ao bordo dun cantil en cuxo fondo se perfila o fin do mundo que é, á súa vez, o inferno de Marita. Por iso os seus cadros sempre parecen a piques de arder, mesmo cando só mostran escuridade. Marita é así, fondo e lume, como se debuxa na súa obra”.