Sostiven durante a pasada campaña electoral que a estratexia do PP en Galicia consistía en agochar o seu desastroso balance social de pegada neoliberal centrándose en frear o suposto perigo de ruptura de España que supuña o partido socialista liderado por Pedro Sánchez (ver aquí). É manifesto que Feijóo se empregou a fondo nesta segunda parte da mensaxe secundado por un Rueda que pouco máis facía que repetir ao seu líder: Puigdemont, a amnistía, Otegui, Bildu, mesmo ETA, o independentismo, etc. foron as súas bandeiras mobilizadoras. O da Galicia que funciona a case ninguén lle pareceu máis que unha cortiña de fume.
Como ese era o plano da batalla, a data elixida para votar tamén tiña esa intención. Facela coincidir coa tramitación da amnistía por un lado e, por outro, non dar tempo a que os novos liderados do PSdG e de Sumar puidesen consolidarse, e así facer inviable calquera coalición alternativa liderada polo BNG (por moito que medrase a costa deles). Un BNG que sería presentado, faltaría máis, como unha nova ERC ou Bildu. Deste xeito conseguiríase un dobre obxectivo: mobilizar aos seus votantes e dificultar ao máximo que as esquerdas mobilizasen aos seus.
Á vista dos resultados do día 18, ¿conseguiron os seus obxectivos? Varios amigos me dicían que a estratexia de Feijóo contra Sánchez era un erro para o PP de Galicia, e mesmo cheguei a pensar que poderían ter razón. Pero os resultados son inapelables en sentido contrario. Feijóo-Rueda, coa bandeira da defensa da unidade de España, recrutaron e mantiveron os mesmos votantes en Galicia que xa tiveran nas eleccións xerais de xullo pasado (sen perder apoios malia a súa desfeita neoliberal no social, sanitario, dependencia, etc.), mentres o conxunto das esquerdas deixáronse no camiño cen mil votos a pesar do trasego espectacular de votos de esquerda cara ao BNG. E o que é tanto ou máis importante, conseguiron que as esquerdas non foran quen de mobilizar cento setenta e mil votantes que si o fixeran en xullo pasado para evitar que o perigo neoliberal chegase á Moncloa.
Ao final o resultado agregado das dereitas fronte as esquerdas inverteuse entre xullo pasado e este mes de febreiro. Daquela gañaran as esquerdas en Galicia por trinta mil votos, mentres que agora gañaron as dereitas por corenta mil.
Sobre esa base, ¿como encaixan e perfilan estes resultados de Galicia a estratexia neoliberal e dunha España de rexionalismos provincianos pola que traballan as dereitas e as redes de poder empresarial, mediático e xudicial que as apoian?
En Galicia comprobouse que no eixo centralismo–independentismo as esquerdas non presentan nin defenden unha alternativa conxunta e concreta, que só pode ser de ampliación da autonomía cara un Estado federal. Mentres que as dereitas si partillan con claridade unha involución centrípeta do Estado das autonomías fronte as demandas soberanistas de Catalunya e Euskadi. O BNG non centrou a súa campaña na súa folla de ruta nacionalista (que si se concreta no programa electoral) e o PSdG e Sumar non fixeron pedagoxía algunha sobre a súa vía federal de desenvolvemento autonómico. Entre a defensa da unidade da nación española por uns, e o silencio da folla de ruta dos outros, a opción hexemónica en Galicia segue a ser un rexionalismo provinciano (como o valenciano, madrileño ou andaluz). Nada que ver coa situación catalá ou vasca.
Este patriótico rexionalismo provinciano serve de tapadeira dunha estratexia neoliberal no económico e social (moi agradecida polos sectores empresariais e outras redes de poder) que mentres en xullo aínda permitiu ás esquerdas unha resistencia electoral agónica na Moncloa, todo parece indicar que avanza no tecido social de xeito imparable. Pois só co concurso do PNV e Junts esa resistencia é hoxe posible.
Pero o neoliberalismo provinciano español do PP (co afundimento do socialismo e de Sumar en Galicia) vén de comprobar que a súa ofensiva estratéxica é gañadora, ao tempo que observa á defensiva -por incomparecencia- a opción federal das esquerdas. O BNG puido así recoller boa parte do malestar social fronte as políticas neoliberais do PP. Mesmo foi reforzado para facer oposición e defensa contra das mesmas. Pero con estar a defensiva no social uns, e co silencio federal dos outros, non se augura nada bo dende Galicia para os dereitos da maioría social e das nacionalidades do Reino de España.