A sanidade pública galega: funciona? Como funciona?

 

O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de divulgar un conxunto de indicadores sanitarios referidos ao ano 2022 para Galicia (ver aquí) e coa referencia do conxunto do Reino de España. Cómpre avaliar algúns destes indicadores tendo moi en conta que a poboación galega maior de 65 anos supón un 7,3 % do conxunto de España, un referente acaído pois boa parte da nosa demanda sanitaria e hospitalaria procede desta franxa da poboación. Pois sucede que cando unha poboación é minguante (en termos relativos) e máis envellecida que a dun total que nos serve de referencia, como sucede en Galicia dentro do Reino de España, utilizar indicadores per cápita -como fai o IGE- sobrevalora e falsea esa avaliación.

Así, as camas hospitalarias dispoñibles para a poboación galega están moi por baixo daquela porcentaxe xa que son apenas o 6,3 % do total de España, unha porcentaxe que mesmo veu diminuíndo dende o 6,7 % que tiñamos no ano 2001. Para acadar a mesma porcentaxe que temos na poboación maior de 65 anos farían falla mil seiscentas camas a maiores das nove mil setecentas agora dispoñibles. Pois de pouco vale presentar un indicador de camas por mil habitantes mellor en Galicia que no conxunto de España (3,28 fronte a 2,95 camas) se a nosa poboación está moito máis envellecida i é minguante.

Tampouco no volume de compras e gastos do sistema estamos á altura da porcentaxe de poboación maior, pois acadamos un 5,8 % do total (e vimos minguando dende un 6,3 % en 2001). Esto quere dicir que precisaríamos gastar case mil millóns máis de euros en sanidade para ter o peso que temos na poboación maior.

No persoal total no conxunto do sistema sanitario galego a nosa cota é do 5,6 %, de novo moi por baixo do peso da poboación maior, sendo ademais minguante dende o 6,7 % que tivera no ano 2001. Sería preciso contratar nada menos que a once mil sanitarios máis para contar cuns recursos humanos á altura da nosa poboación de máis de 65 anos.

Con estes déficits de camas, persoal e recursos económicos no sistema de saúde en relación ao principal factor de demanda sanitaria (a poboación maior) chama moito a atención que a estadía media dos hospitalizados en Galicia sexa minguante e moi semellante a do conxunto do Reino de España segundo as cifras oficiais dispoñibles. Pois todo empurra a que fose maior. Esta “eficiencia” é todo un síntoma preocupante sobre a calidade asistencial recibida.

En suma: precisamos mil seiscentas camas a maiores das existentes, contratar a once mil sanitarios máis e mil millóns de euros máis ao ano de gasto sanitario. Se queremos que o noso sistema sanitario estea á altura das demandas dunha poboación galega moito máis envellecida que a media española.

Pero ben sei que os responsables máximos da sanidade de Galicia usan os datos como se di que fan coas farolas os borrachos: non para ver mellor, senón para agarrarse e non caer. Por iso non  avalían os datos sanitarios en relación á poboación que máis explica a demanda de tratamentos. E así nos vai. Deteriorando o sistema público de saúde, esgotando ao persoal sanitario (sobre todo na asistencia primaria) e empurrando pola rede privada. Neoliberalismo puro e duro que, para colmo de males, en Galicia segue a ter un rampante respaldo electoral.