A axenda do ‘punto e aparte’

| Carta de axuste

Antes e despois de confirmar Pedro Sánchez que, malia estar seguro de que a enxurrada antisanchista non vai parar, seguiría á fronte do Goberno de España, non quedou adxectivo vivo co que deostalo. Pola famosa Carta propia dun dirixente compunxido -certamente inusual e sorprendente- e polos cinco días de retiro que nos mantiveron en vilo a todos -estrés político a todas luces inxustificable: todo un país a expensas do que decidira un dos seus homes-. No día despois, todo son cábalas. Pero, máis alá das formas, cómpre recoñecer unha cousa: estratéxico ou non, o seu órdago persoal, tan aderezado de compoñentes sentimentais, provocou un auténtico tsunami no espazo e no debate público. Porque, se ben o que o forzou en última instancia foi o acoso ao que está sendo sometida a súa parella, o envolvente discursivo poñía a frecha na diana do que, agás os seus inspiradores/conspiradores, ninguén nega: o estado pregolpista no que se afana unha tríade de poderes fácticos -xudicial, político e mediático-, que conta ademais co alento de determinados grupos empresariais, co obxectivo de impedir que un goberno progresista de coalición siga mantendo o poder e a lexitimidade que lle outorgaron as urnas.

Tres son as iniciativas imprescindibles para desabastecer de osíxeno o golpismo xudicial e mediático: liberar o CXPJ do secuestro no que o mantén o PP mediante un cambio na lei que o regula, unha lei de medios que garanta o dereito constitucional a unha información veraz, e meterlle man ao enxendro da chamada Lei Mordaza.

Porén, a decisión de seguir, que atribuíu en boa medida ao movemento de empatía expresado nas rúas e en manifestos ideoloxicamente transversais, veu acompañada dun ‘punto e aparte’ que Sánchez subliñou na súa comparecencia do pasado día 29, e que só cabe entender como un antes e un despois na súa acción de goberno contra esa enxurrada antidemocrática. De ser así, hai que interpretalo como unha autocrítica, e en consecuencia, tamén como un rearme democrático para desactivala.

Empecemos pola autocrítica. A campaña de bulos, falsidades, desinformacións e acoso que el e o seu entorno familiar sofren non é de agora. Chega, pois, tarde e arrastrado pola indignación que sinte cando experimenta en propia carne a tortura dunha persecución política sen límites, por máis que os seus instigadores a enmascaren, como segue facendo Núñez Feijóo, de redentorista. O seudosindicato de extrema dereita Manos Limpias e a asociación ultracatólica Hazte Oír, acusadores sen probas contra a súa esposa, só transportan ata un xulgado cómplice o explosivo previamente fabricado por unha corda de medios e seudomedios que militan con impunidade nesa cruzada, ao que lle prenden a mecha PP e VOX, institucionalizando o eco dentro e fóra do Parlamento.

Pablo Iglesias tiña unha clara visión do que operaba detrás dese conglomerado cando lle advertira: “Pedro, prepárate, porque cando terminen con nós, irán a por ti”. Podemos foi, en efecto, a primeira vítima. Nunca se vira tanta crueldade na acción destrutiva dun partido democrático. O acoso político tivo tamén unha secuela familiar que durou meses ás portas da casa de Galapagar. Coa policía patriótica de M. Rajoy e do ministro Fernández Díaz montando operativos contra a organización e os seus dirixentes a base de policías corruptos, xornalistas comprados e xuíces afinadores. Operativos mafiosos, en definitiva. Moi eficaces, sen dúbida, malia decaeren nos xulgados tódolos seus arrebatos conspirativos. Os mesmos arrebatos que os levou a inventar historias delitivas contra os independentistas cataláns, co obxectivo de descabezar o movemento pola brava.

Pero non se viu daquela xesto algún de solidariedade que lles chegase aos afectados desde Ferraz, primeiro, e xa posteriormente desde a Moncloa, malia o ruído que producía neses anos a máquina de triturar. O que deu para pensar mal. A morte política de Iglesias e a do seu partido a mans dos facinorosos representaba moito máis que a morte dun competidor molesto. Con eles caería a pedazos o espírito do 15-M, ese espello refractario do que tanto o felipismo como os principais portavoces do socialismo orgánico querían desfacerse. E ata que foron imprescindibles para facilitar a conformación do goberno de coalición actual, tampouco os independentistas puideron contar con Sánchez e co seu partido para desactivar a cacería da que foron obxecto.

Tamén vén de vello o lawfare, pero nin Sánchez nin o PSOE lle puxeron nome ata que os pillou polo medio. Agora ten unha compoñente patriótica, co xuíz García Castellón botándolle guindas ao método para obstruír o proceso de reconciliación social e política de Cataluña. Pero foi desde hai tempo un aliado nos momentos en que a política solta amarras cos postulados ultraconservadores do pasado, e consegue nas urnas capacidade para experimentar vías constitucionais que rompen co establishment que derivou dunha transición controlada. É na que militan aínda hoxe moitos representantes da xudicatura, algúns deles empoderados coas togas dos máis altos tribunais. Coisidó puxérao branco sobre negro na mensaxe aos seus compañeiros senadores do PP: “Controlaremos a sala segunda (do Supremo) desde atrás”. E nótase. Mónica Oltra e Victoria Rosell sábeno ben.

Unha democracia con esa carga reaccionaria detrás é unha democracia tolleita. Así que benvido, Pedro Sánchez, á tarefa de darlle a batalla facendo un ‘punto e aparte’. Pero con axenda. Porque os cinco días de abril, como os tres días de Feijóo en xuño do 2018 retirándose para decidir se seguía na Xunta ou se ía para Madrid (píllase antes a un cínico que a un coxo) ao parecer non foron suficientes para detallala. Sen comprometer unha axenda, esa caída do cabalo non sería crible. Con tres iniciativas cando menos, imprescindibles para desabastecer de gasolina a máquina do fango, e para desabastecer de osíxeno o golpismo xudicial e mediático que máis de tres mil xornalistas de todo o Estado denunciabamos nun recente manifesto.

En primeiro lugar, a democratización da xustiza. Empezando por liberar o CXPJ do secuestro en que o mantén o PP, para o que é urxente cambiar a lei que o regula. E en paralelo, levar ao Parlamento unha lei de medios, para garantir o dereito a unha información veraz, tal e como estipula o artigo 20 da Constitución. Vímola reclamando algúns desde hai tempo, porque sen ela é imposible acadar o pluralismo, a transparencia e a independencia que aquela esixe. A única maneira de poñerlle tamén coto nas redes, sen por iso deixar de defender como intocable a liberdade de expresión, aos desaprensivos promulgadores de bulos que se esconden no anonimato dunha ben nutrida, e financiada, troupe de feirantes dixitais. Mentres, teno fácil o Goberno: adiántese en facer súa a lei de medios aprobada o pasado 12 de marzo no Parlamento europeo. Creando, para vixiar o seu cumprimento, o Consello Español de Servizos de Medios de Comunicación, independente do Goberno e con capacidade sancionadora. Por último, métanlle man ao enxendro da chamada Lei Mordaza.

Sen afrontalos, todo quedará nun punto e seguido.