Teño argumentado recentemente que a proxectada fábrica de celulosa e lyocell na Ulloa nos convertería na reserva celulósica do Reino de España. Campións nun asunto problemático por moi diversos motivos. Vou centrar aquí a miña atención nun deles: o consumo de madeira de eucalipto.
Na actualidade as dúas celulosas de ENCE (Lourizán e Navia) consumen dous millóns e medio de metros cúbicos de eucalipto para facer pasta de papel para exportar. Iso supón case a metade das cortas de eucalipto de Galicia (Asturias non chega a quinta parte das nosas). Unhas cortas e unha superficie ocupada por este cultivo forestal que deberan reducirse á metade, por motivos ambientais, agrolóxicos e para facilitar a súa boa xestión.
Pois ben, a nova factoría da Ulloa podería supor, segundo os seus deseñadores, uns consumos desa mesma magnitude: outros dous millóns e medio de metros cúbicos. Permítome reproducir aquí a pasaxe do Diario Oficial de Galicia (DOG 4.3.2024 páxina 16839) onde se recoñece este disparate:

DOG do 04/03/2024, páx. 16839 [ampliar texto]
A miña conclusión é que de aprobarse esta iniciativa entre outras moitas cousas terían que limitarse os seus consumo de madeira de eucalipto a un millón de metros cúbicos. Para non alimentar unha demanda e extensión destes cultivos xa hoxe desbocados e para non colisionar con outros usos desa especie.
Pero hai outro motivo non menos importante para proceder a esta limitación cuantitativa. É este un motivo cualitativo que reclama nada menos que o maior consumidor de fibras textiles químicas de celulosa de eucalipto (lyocell) do mundo: Inditex. Tamén neste caso permítome reproducir unha pasaxe dun dos seus Informes Anuais:

Uso de lyocell por Inditex [ampliar texto] Fonte: Inditex (Anual Report 2016)
Vemos que, entre outros moitos reaxustes do proxecto de celulosa-lyocell para a Ulloa, este da súa dimensión e consumo de eucalipto non é de segunda orde. Nin cuantitativa, nin cualitativamente.
Deixo para outra ocasión ocuparme de como cumprir con outro requisito que marca Inditex a quen lle venda lyocell, iso do “circuito cerrado que permite reutilizar el agua” para o caso alarmante da collida e vertido ao río Ulla.