O regreso do arco da inestabilidade: dende Ucraína a Gaza, Irán ou Taiwan

 

Hai case dez anos, o profesor de socioloxía da Universidade de Oregón, e editor da Monthly Review, John Bellamy Foster, nun pequeno ensaio titulado “O novo imperialismo“, concretaba a súa hipótese sobre este asunto co concepto de arco da inestabilidade. Fíxoo con estas palabras:

“… A estratexia da OTAN, liderada polos Estados Unidos, para abarcar o vasto arco xeopolítico que agora se coñece como o “arco da inestabilidade“, que se estende desde Europa Oriental e os Balcáns ata Asia Central e Oriente Medio e o Norte de África na esfera de influencia da triada. Isto débese a que considera que este territorio está a disposición de quen o poida tomar tras a saída da Unión Soviética do escenario histórico a comezos dos noventa. Este avance imperial foi tan agresivo no escaso cuarto de século transcorrido desde o colapso da URSS que xa parece que se está a desenvolver a que se chama Segunda Guerra Fría con Rusia”.

Dez anos despois, o risco dunha apocalipse nuclear entre esta triada dos Estados Unidos e Rusia, co seu epicentro en Ucraína, e entre Israel (con armas nucleares) sobre Gaza e Irán, ou entre a triada e China sobre Taiwán, non fixo máis que ser amplificado ata extremos inimaxinables naquel momento. Pois día tras día coñecemos novos acontecementos que alimentan esta escalada.

No ano 2022, este mesmo investigador nun artigo titulado “A guerra por encargo dos Estados Unidos na Ucraína” debuxa así o trasfondo a longo prazo para iso:

“Ucraína como trixésimo primeira nación da alianza da OTAN daríalle á organización unha fronteira de case 1.900 quilómetros con Rusia, a mesma ruta pola que os exércitos de Hitler invadiran a Unión Soviética, pero neste caso Rusia enfrontarase á maior alianza nuclear do mundo. Isto cambiaría todo o mapa xeopolítico e daríalle a Occidente o control de Eurasia, ao oeste de China”.

E como casuística inmediata para o caso de Ucraína resúmeo así, nun relato que pouco ten que ver co que nos reiteran os medios masivos por estas latitudes:

“O resultado é unha guerra por poderes entre os Estados Unidos, xunto coa OTAN, e Rusia que se libra en Ucraína, que se desenvolveu a partir dunha guerra civil na propia Ucraína que, á súa vez, foi iniciada por un golpe de Estado orquestrado polos Estados Unidos”.

Pero que pretenden os Estados Unidos teimando na entrada de Ucraína na OTAN? Neste punto crucial é fundamental comprender a diferenza entre dous tipos de guerras nucleares alternativas. Así o explica o analista que veño citando:

“En esencia, hai dous tipos de ataques nucleares. Un deles é un contravalor que se dirixe ás cidades, a poboación e a economía do adversario, é a destrución mutua asegurada. O outro tipo é a guerra de contraforza dirixida a destruír as forzas nucleares do inimigo antes de que poidan ser lanzadas. Por suposto, unha estratexia de contraforza refírese a quen dá o primeiro golpe” (as negriñas son miñas).

Bases americanas no arco da inestabilidade. Fonte: https://lacasaeditora.org/bases-militares-de-los-estados-unidos-en-el-mundo/ [ampliar mapa]

Sendo así que ese primeiro ataque da tríada estaría moito máis garantido cun despregue nuclear ao longo da fronteira de Ucraína con Rusia. De xeito que esta estratexia de contraforza pasa necesariamente por achegar cada vez máis armas a Rusia, para reducir o tempo que Moscova tería para lanzar unha resposta. Como tamén se lle estará a facer a China nas súas costas. É fácil imaxinar que isto provocase unha reacción en Rusia e China para reforzar as súas defensas antisatélite e con armas hipersónicas menos doadas de neutralizar.

 Porén, aínda cunha estratexia tan sofisticada e selectiva de contraforza xeneralizada, os efectos globais serían devastadores para a humanidade no seu conxunto, pois, sigo citando:

“Está moi claro en termos científicos que nun intercambio termonuclear global toda a poboación da Terra morrerá, con quizais algúns restos da especie humana sobrevivindo nalgún lugar do hemisferio sur. O resultado será un omnicidio planetario… Isto significa que os principais analistas nucleares, que están profundamente comprometidos coas doutrinas da contraforza, promoven a demencia total. Os planificadores desta guerra nuclear teiman en que poden triunfar nunha tal guerra”.

Pero é esta unha tolemia total que vai tomando corpo pouco a pouco en decisións que teñan ese claro fío condutor,

“É por iso que Washington retirouse dos tratados nucleares como o Tratado ABM (sobre mísiles antibalísticos) e do Tratado de mísiles nucleares de alcance intermedio. Pois foron vistos como bloqueadores de armas de contraforza, interferindo co impulso do Pentágono cara esa supremacía nuclear”.

***

Como veño de lembrar neste breve resumo, o arco de inestabilidade actual combina guerras frías con China (vía Taiwán), guerras quentes con Rusia (vía Ucraína) ou paulatinamente con Irán (vía Israel e Gaza). Pois Rusia, China e Irán son hoxe os nodos críticos para alimentar a hexemonía da contraforza a escala global. Nótese como os catro submarinos Trident do mapa que reproducimos debuxan este escenario (o “arco” entre Rusia, China, Irán) á perfección.

Por suposto que -ao mesmo tempo- estes conflitos alimentan un mercado mundial de armas que favorece tanto a economía exportadora norteamericana como a revitalización dunha OTAN que andaba en decadencia, sen esquecer un estratéxico descontrol dos mercados globais (alimentos, enerxía … Suez, Ormuz) que non a favorece menos.

O resultado combinado está sendo unha contracción económica en Europa e China, ao tempo que un boom da economía dos Estados Unidos, cunha ruptura proteccionista da vella globalización e un renovado poder da moeda norteamericana e da súa atracción de capital.

E aínda que os riscos desta entolecida folla de ruta son xigantescos para a humanidade, os dividendos que está a sacar o que ata hai pouco semellaba ser un imperio en decadencia -dentro da tríada- están a ser espectaculares.