Suxeitos despezados

Para un observador desapaixonado e imparcial, o decorrer das case cinco décadas de democracia mostra que as estruturas que configuran a identidade dos suxeitos non logran cristalizar nunha forma de convivencia íntegra e satisfactoria. As identidades persoais están en proceso de despece e reconstitución en algo inédito. Que?

A formación e aprendizaxe das habilidades para a convivencia democrática é lenta, gradual. Require tempo histórico. Ademais, coincide cun mundo difícil de asimilar polos suxeitos: globalización, Internet, dixitalizacións deshumanizadoras, formas de traballo precario, dominación xeopolítica, guerras híbridas, crises alimentarias, sanitarias, climáticas, entre outras. O suxeito democrático está mergullado nun proceso de reterritorialización subxectiva no que, ás veces, rebusca azos e trazos nas antigas identidades (particulares, comúns). Porén, non encontra un territorio no que habitar, vimes cos que reconstruír unha identidade máis saudable.

Esta busca malograda ten un duplo efecto. Por un lado, o ego dilátase: tende a engulir o mundo enteiro, apresa referentes e sentidos, inxire e destrúe outros egos. Interesado só en si mesmo, practica o canibalismo imaxinario co mundo. Por outro lado, o ego tende a encoller: diminúe, tórnase vítima de calquera dos afectos e discursos que emanan do mundo. A súa fraxilidade érguese en categoría simbólica. Percibe ser devorado por todo o que o rodea, síntese como o elemento cero dun cálculo que o desconta. O resultado da acción conxunta destas forzas contraditorias é o despece do suxeito.

O eu expansivo tende a bater contra os outros, estende a hostilidade como forma xeral de relación interpersoal. O eu encollido espalla a desconfianza cara os outros, concíbeos como ameaza que nunca cesa. Conflito imaxinario e receo simbólico colonizan o real. Como? A dupla dinámica do eu fornece os alicerces da queixa estéril e delirante, dá razóns ao incumprimento e transgresión da lei, lexitima a trampa, o cinismo, a mentira, a picaresca e o darwinismo social. O mal irreal, imaxinado e simbolizado, dá o seu aval a comportamentos que destrúen a convivencia democrática e corroen as utopías de xustiza.

O  movemento síncrono de expansión e encollemento creba os suxeitos. Fican fendidos por causa dos aparellos de captura do estado e o capital, cuxa función é acelerar, parar, retardar, reorientar, o movemento de pinza. Con frecuencia, o suxeito, para sobrevivir, adopta modelos alleos á súa historia, xeografía, cultura e lingua propias. Para salvarse proxecta a súa identidade abalada sobre a cosmopolis virtual e interioriza o desarraigo do non-lugar no elemento espectral-dixital. Tentando encontrarse, desfáise máis. Buscándose no real, reenvíase a si mesmo ao imaxinario e o simbólico cun xesto de desterritorialización salvaxe. O envés desta liña de fuga son os lamentos da acción levada ao paroxismo alucinatorio e, a un tempo, á catatonía da inacción. Pulsacións caotizantes e patoloxías da orde en aumento.