En 2022 chega a oídos da veciñanza da Ulloa e da contorna a nova de que a empresa portuguesa ALTRI fixouse na nosa terra para construír unha “fábrica de teas”, un negocio “eco” e “sostible” e que traería consigo 2.500 postos de traballo directos e moito progreso… para unha zona que “eles” consideran deprimida. Segundo foron pasando os meses a información que nos chegaba foi mudando, e dous anos despois as cartas están boca arriba.
Segundo o seu EIA, a empresa xa non é Altri, é Greenfiber (ALTRI+ GREENALIA). Pretende ser unha fábrica combinada, por un lado de celulosa soluble, cunha estimación de 400.000 toneladas de produción ao ano, e outra de lyocell, cunha produción de 200.000 toneladas ao ano. A materia prima que precisa é eucalipto, ocupará 366 ha, e terá unha canalización de 12,5 km. Os terreos son privados, pero grazas a ser nomeado “Proxecto Industrial Estratéxico” pola Xunta, esta empresa privada poderá expropiar os terreos e impoñer unha servidume na canalización de entre 10 e 6 metros de ancho. Pretende captar 46 millóns de litros de auga ao día do embalse de Portodemouros e devolver a un tramo do alto Ulla 30 millóns de verquido ao día con 62.010 litros de sustancias contaminantes como nitróxeno ou sulfatos. Din que é factible, e presentan un caudal do Ulla de 7,87 m3/s, engaden que son datos históricos do río, sen máis explicación. Terá unha cheminea de 75 metros a 2 kms do Camiño de Santiago, que botará ao día 8.754 kg de gases contaminantes, entre os que se encontran óxidos nitrosos e óxidos sulfuros. Agora os postos xa non son 2500, serán 500 e baixando.
Queren acabar coa nosa maneira de vida, xa que esta industria non é compatible con outros negocios existentes e sostibles, privatizar os nosos recursos, a auga a terra e contaminarnos o aire. Acaparar a man de obra que agora mesmo é moi cotizada polos empresarios da zona.
A realidade actual da contorna é que ten datos de paro 3 puntos por debaixo da media galega e con tendencia a seguir baixando, xa que a contorna contra cun tecido socioeconómico moi rico, de pequenas e medianas empresas que redistribúen a riqueza e son sostibles para o medio. Estas empresas producen alimentos de altísima calidade e tamén hai pequenas industria. Temos recursos naturais, estabilidade e pouca contaminación, o que fai que a calidade de vida sexa alta. Polo motivo que sexa, queren impoñernos unha industria pesada que non nos fai falta, que ninguén pediu.
Queren acabar coa nosa maneira de vida, xa que esta industria non é compatible con outros negocios existentes e sostibles, privatizar os nosos recursos, a auga a terra e contaminarnos o aire. Acaparar a man de obra que agora mesmo é moi cotizada polos empresarios da zona. E obrigarnos a vivir nun polvorín de eucaliptos, facéndonos perder máis biodiversidade da que xa se perde na zona na que queren instalarse, que non é unha zona calquera senón unha zona cun valor natural incalculable e proposta pola propia Xunta para ampliar Rede Natura, debido o seu solo único e no que ata viven tres plantas endémicas protexidas…
Sabendo isto creo que preguntar por que estamos en contra do proxecto de ALTRI é como preguntar por qu3 estamos en contra de arrasar co corazón de Galicia e co río Ulla, un río do que beben once concellos e nutre unha das rías máis produtivas do mundo, a de Arousa.
Os veciños queremos deixar claro que protexeremos a nosa contorna e o noso río, defenderemos a calidade de vida acadada polos nosos antecesores e deixarémosllela igual ou mellor aos nosos predecesores. ALTRI non ten cabida no noso futuro e esta moi lonxe do que nós consideramos progreso. De momento máis de 20.000 alegacións presentadas a este proxecto avalan a posición dos galegos e galegas: todos dicimos Altri non.