E digo eu… en febreiro

| E digo eu...

oosDúas hipóteses 

Para cando estes comentarios estean a disposición das persoas que dedican sete minutos do seu tempo a ler esta sección, o escenario galego estará xa decantado. De maneira que as ideas de hoxe van ter unha vixencia limitada e, de momento, non teño a capacidade de ver o futuro. De maneira que vou debuxar as dúas posibles realidades que van saír das urnas o vindeiro 18 de febreiro. Unha pasa pola alternancia no poder, e a outra, a máis plausible, que o Partido Popular acade a maioría absoluta, e perpetúe o seu poder. 

Opción A 

O máis probable é que o Partido Popular sume máis de 38 representantes no Parlamento galego e manteña o seu poder en Galicia. O PP é unha máquina perfectamente engraxada para gañar eleccións autonómicas e transmitir a imaxe dun país que, no seu día a día, non existe. A voracidade do PP nos órganos de poder autonómico e os seus satélites ten poucos émulos a día de hoxe. En Euskadi ou noutras autonomías sería inimaxinable a maneira de devourar ámbitos de influencia minimizando aos adversarios. Simplemente, é algo que se atopa fóra do tempo na Europa de hoxe. A relación que mantén cos medios de comunicación ou cos diferentes órganos fiscalizadores fálanos dunha calidade democrática moi baixa. Erosionar iso esixe moito esforzo e recursos, e non todas as forzas da oposición están dispostas a implicarse niso. O PSdeG debería aliñar a medios progresistas, alcaldías, deputacións e toda a estructura a nivel federal para animar aos seus potenciais votantes e, sen dúbida, facer pedagoxía en España sobre a necesidade de poñer as luces longas sobre Galicia. O BNG, e chegará algún momento histórico no que se complete o proceso que xa está en marcha, precisa dunha transición: de denunciar o negativo, a propoñer en positivo. O resto da esquerda ten que aprender o que é a renuncia e a xenerosidade. É dicir, o PP ten todas as de gañar porque para que perda débense aliñar todos estes satélites.

Galicia vén sendo nas últimas décadas unha autonomía con axenda e discurso propio, afastado do ruido de Madrid, sen semellanzas con Euskadi e Cataluña e cuns sinais de identidade marcados. Se Rueda é presidente, pasará a ser un máis do comando da froita que lidera Ayuso. Ese si sería un risco para a identidade política galega.  

Se gaña o PP 

Polo tanto, se o PP acada o escenario máis probable, pasarán tres cousas: unha, Feijóo terá un sucesor feito á súa imaxe e semellanza, con todo o que iso supón. A calidade democrática de Galicia seguirá a ser calquera cousa menos exemplar; dous, o proxecto do PP poderá renovarse e rexenerarse co mesmo patrón de ignorar a pluralidade interna; e tres, e aquí estamos ante a verdadeira novidade: a Xunta pasará a ser non un elemento autónomo no deseño do Estado das autonomías, senón un puntal para axudar a desgastar á Moncloa mentres estrea Pedro Sánchez de presidente. É dicir, con maior ou menor éxito, Galicia vén sendo nas últimas décadas unha autonomía con axenda e discurso propio, afastado do ruido de Madrid, sen semellanzas con Euskadi e Cataluña e cuns sinais de identidade marcados (de aí o enorme descoñecemento que existe sobre a Galicia política en Madrid). Se Rueda é presidente, pasará a ser un máis do comando da froita que lidera Ayuso. Ese si sería un risco para a identidade política galega.  

Protagonistas 

Cabe pensar que Rueda, a pesar das súas discretas expectativas, entraría a formar parte do eixo “contrasalamanca”. É dicir, eses pepeiros fieis a Feijóo que non queren un partido servo do barrio de Salamanca, senón unha cousa máis plural, moderada e comprensiva coas diferentes realidades que agocha España. Máis incerteza se abriría no BNG, que por vez primeira ten unha lideresa con posibilidades de gobernar. Ana Pontón fixo un enorme esforzo estes catro anos por facerse visible e gañarse simpatías, e a pregunta que debería contestar é a de se se ve con forzas para estar outros catro anos bogando contra unhas rochas que non lle van deixar nin unha soa oportunidade de ser protagonista. Os socialistas, por contra, teñen menos problemas: só saben vivir no medio do caos e os liderados vaporosos, e de seguro que poden agardar outros catro anos sen que pase nada. 

Opción B 

A opción menos probable é que o PP non chegue aos 38, e polo tanto se poida establecer un goberno alternativo que peche a etapa que se abriu por unha morea de votos no 2009 coa primeira vitoria de Alberto Núñez Feijóo. Hai un mes esta posibilidade non era máis que un soño húmido nas cabezas dos máis mobilizados da oposición, pero hoxe xa é unha posibilidade que chega a verbalizar, incluso, o propio Núñez Feijóo cando advirte de que ningún voto pode faltar, non vaia ser que gañe o sanchismo. Hai poucas dúbidas de que, de ser real, o BNG sería, por vez primeira en 40 anos, o encargado de liderar un novo executivo. E iso implicaría que todo sería novo. O Partido Socialista, con máis ou menos entusiasmo, veríase obrigado a apoiar a Ana Pontón e, daquela, poderíamos ter unha auténtica perestroika autonómica. 

Se goberna Pontón 

Un goberno con presidenta nacionalista buscaría aliñar todas as forzas do País nunha nova secuencia. Enfrontaríase a numerosas resistencias, e a moitos elementos tratando de poñer paus nas rodas, pero contaría cunha certa simpatía desde a Moncloa, seguramente agora máis das que tivo no seu momento Pérez Touriño. Abriríanse as fiestras, e coa entrada de aire fresco moveríanse novas enerxías, hoxe reumáticas ante os temores a un cambio. Co BNG na Xunta habería tamén unha España periférica que amosaría un colorido alternativo ao que temos de Madrid abaixo. Boten contas: un goberno BNG+PSOE en Galicia, un goberno PNV-PSOE en Euskadi, PSOE+nacionalistas en Navarra, ERC en Cataluña, e o PSOE en Asturias; fronte a PP-Vox en Aragón, Valencia, Estremadura, Castela e León e Baleares, e as absolutas do PP en Madrid e Andalucía. E despois, por aí, rosmando, García Page. A realidade sociolóxica galega está máis cómoda no primeiro grupo que no segundo. Agora ben, para iso é fundamental que a esquerda e os progresistas galegos comprendan que é fundamental acudir a votar. 

A participación 

As catro maiorías absolutas de Feijóo edificáronse en participacións electorais máis ben baixas. Agás a primeira (63%), as maiorías claras que acadou estiveron en participacións inferiores ao 60%, subliñando a última, que foi cun 48%, ben é certo que no medio da pandemia aínda. É dicir, se en Galicia non pasa nada, o PP varre. Por iso teremos media campaña no entroido e debates embarullados nos que non se discuta sobre a capacidade de xestión de Rueda e o PP, senón sobre Puigdemont, amnistía e sanchismo. Pero a Feijóo as campañas electorais estánselle a facer moi longas, e tanta turra coa amnistía pódeselles voltar en contra se pasan cousas, como os pellets, que amosan que ser unha maquinaria perfecta para apañar votos non equivale a ser un eficaz xestor. Ollo.