E digo eu… en abril

| E digo eu...

Euskadi

As eleccións en Euskadi serán a segunda parada da maratón electoral que imos ter no primeiro semestre do 2024. Galicia en febreiro, Euskadi en abril, Cataluña en maio, e as europeas en xuño. Se despois desta tunda aínda queda algo en pé, será un milagre. Se cando chegue xullo aínda quedan cidadáns dispostos a escoitar un discurso político, e políticos están dispostos a facer política, será un éxito do sistema democrático. Pola contra, creo eu que os únicos que poderán gañar á fin deste ronsel serán precisamente aqueles que menos cren no sistema. Pero é o que temos e, no caso vasco, as eleccións non semellan ter moito misterio. Se o mapa electoral galego é un dos máis estables de Europa, Euskadi tampouco é un dragon khan de novidades. O maior misterio do 21 de abril será se, como indican algunhas enquisas, é certo que EHBildu está en diposición de loitar contra o PNV pola vitoria. Podería ser unha vitoria en escanos, pola mínima; porque en votos o máis probable é que venza outra vez o vello partido vasco. Malia todo, non hai moitas opcións de que EHBildu poida gobernar, pois a chave recae no Partido Socialista, que mantén un acordo estable co PNV e, aínda no caso de que non acadara a vitoria, permitiría ao seu candidato renovar mandato unha vez máis.

Non hai moitas opcións de que EHBildu poida gobernar, pois a chave recae no Partido Socialista, que mantén un acordo estable co PNV e, aínda no caso de que non acadara a vitoria, permitiría ao seu candidato renovar mandato unha vez máis.

Renovación

O concepto clave das eleccións vascas é o da renovación xeracional. Todos os candidatos dos principais partidos estréanse o 21 de abril, despois do anuncio sorpresa por parte do PNV de que o seu lehendakari nos últimos 12 anos, Íñigo Urkullu, sería relevado. Aquela nova, que estoupou o 25 de novembro do ano pasado, obrigou a mover ficha ao seu principal adversario, EHBildu, que barallaba a opción de presentar a Otegi como cabeza de lista. Os estrategas do PNV pensaron, despois de dous resultados negativos (municipais e xerais), que unha mudanza a tempo podía osixenar a súa situación, e optaron por un home de 48 anos, Imanol Pradales, de perfil puramente jeltzale (do PNV de sempre), con experiencia de xestión e novas claves comunicativas. Fronte a iso, EHBildu desbotou a opción Otegi (que, como Urkullu, xa pasa dos 60 anos de idade), e deu paso a Pello Otxandiano, un enxeñeiro de telecomunicacións que ata entón estaba chamado a ser o sucesor de Otegi, pero non no eido institucional, senón no seo do propio partido. O xiro de guión obrígao a tunear lixeiramente a súa imaxe e presenza pública. Xunto a eles, o Partido Socialista que, sendo o terceiro partido, será a chave que decida as maiorías, ten como líder a Eneko Andueza, un home tamén nos 40 anos, da quinta de Eduardo Madina e outros que, sendo mozos, viviron a ameaza de ETA, e que agora lideran a nova Euskadi da reconciliación. Moi por detrás, o PP de Euskadi estará representado por Javier de Andrés, un home da liña Feijóo; e as esquerdas terán a duplicidade Sumar e Podemos, con poucas opcións de influír.

O sistema

Da mesma maneira que para comprender o sistema galego hai que saber cal é o sistema electoral, en Euskadi é fundamental saber como se vota e de onde saen os representantes. O parlamento vasco componse de 75 representantes, distribuidos de xeito equitativo por cada territorio histórico: 25 Biscaia, 25 Guipúscoa e outros 25 para Álava. Este aspecto non é menor, dado que en Biscaia, o máis poboado, vivimos máis de 1.100.000 habitantes, fronte á circunscripción alavesa, que non chega aos 350.000. No medio está Guipúscoa, con algo máis de 700.000. Por iso, o representante biscaíño é máis caro en votos que o alavés. Se a iso lle engadimos que o límite para acceder á cámara está no 3%, atopámonos con que calquera exotismo político pode entrar se o votan unhas 4.000 personas, como é o caso de Vox, que ten unha representante, e como foron antes UpyD e outros experimentos semellantes. Aparte diso, actualmente os partidos abertzales suman case o 70% da representación (31 o PNV, 22 EHBildu), mentres o PSE ten 10, o PP 6 e a coalición que liderou Podemos ten outros 6, aparte da xa citada parlamentaria de Vox. Curiosamente, cando máis nacionalista é o parlamento, menos pulsión independentista existe. Segundo a enquisa oficial do goberno vasco, un 22% estaría a favor da independencia fronte a un 37% que se amosa contraria.

Cambio?

É posible un cambio en Euskadi? Esa opción é moi remota. Se ben é certo que o PNV entrou nunha fase de certa debilidade electoral, non é menos certo que aínda gañou as municipais, por pouco, e que foi segunda forza nas xerais, por detrás do PSE. O exceso de confianza dun partido que mandou en case todas partes desde o 2012 está, en boa medida, detrás deste bache. O PNV foi protagonista absoluto en Euskadi, ao tempo que era actor principal en Madrid con Rajoy, primeiro, e con Sánchez, despois. EHBildu entendeu entón que se non competía coas mesmas ferramentas, xamais habería alternancia. Por iso, deixaron atrás a vella imaxe do partido supeditado a ETA, e centráronse en competir en Madrid abordando temas como as cuestións laborais ou as políticas de vivenda. O seu eixo con Podemos e máis ERC funcionou como palanca do goberno de Sánchez e a cidadanía vasca, que ve con simpatía ao goberno de coalición, e que cada vez está máis en posicións progresistas. O PNV, daquela, xa non é o único conseguidor para Euskadi. Agora tamén o é EHBildu. Aparte de todo isto, hai que suliñar o papel do lehendakari Urkullu nesta nova etapa da Euskadi en paz. Un home que ten como palabra de referenza “estabilidade”, que ten sona de aburrido e previsible, pero que, precisamente por iso, nun tempo no que a política mundial toleaba (Trump, Brexit, Cataluña, corrupción en España, extrema dereita…) mantivo a orde e o progreso económico. Urkullu era case invencible nunhas eleccións, pero o deterioro dalgúns servizos públicos, nomeadamente a sanidade, abriu novas expectativas que veremos se se confirman nas urnas.

Unha estimación

Hai que ver como callan os novos candidatos, aínda pouco coñecidos pola cidadanía, pero é factible un retroceso do PNV en 4 ou 5 representantes, que serán probablemente os que gañe EHBildu. Os socialistas poderían avanzar un ou dous escanos e, por detrás, o PP manterá os 6 ou como moito un máis, con Sumar rabuñando uns 3. Esta é a miña aproximación a un mes vista: 27-27-11-7-3. Esta foto sería distinta, pero non mudaría nada. Agora ben, un só escano abaixo para o PNV ou para o PSE, e xa non chegarían á cifra máxica dos 38, de maneira que conformarían un goberno de coalición en minoría. E iso, cunha EHBildu cara arriba, podería ser o mellor trampolín cara un cambio que, en todo caso, tería que agardar outras catro anos. E catro anos hoxe sonche moitos en política.