Feijoo desvestido
A performance de Alberto Núñez Feijoo para simular que podía acadar a presidencia do goberno pasou, e foi ben longa. Fíxose coma un partido dun equipo adestrado por ese home, Bordalás, que emprega todas as ferramentas do xogo antideportivo para tratar de acadar o mellor resultado para o seu equipo. Ese estilo bordalasista é o que importou o PP durante os dous meses que pasaron desde as eleccións. Primeiro, Feijoo buscou o prazo máis longo posible para organizar o fake de que podería acadar os cinco votos que todos sabíamos que non podía acadar; despois, virou as cartas para que non se falara da investidura, senón da de Pedro Sánchez, poñendo na diana as negociacións cos partidos independentistas cataláns; e, finalmente, empregou o Parlamento para o seu propio interese que, agora mesmo, só pasa pola súa propia supervivencia como líder do PP. O ex presidente da Xunta sabe que necesita consolidarse á fronte do partido. Para que a dereita se merende aos seus líderes non é necesario demasiado tempo. Lembren que en outubro do 2021 o PP de Pablo Casado organizou unha convención política na que estivo todo o partido de onte e hoxe, para apuntalar o seu liderado; e só cinco meses despois, chegou a operación lóstrego de Díaz Ayuso para liquidalo. Por tanto, a posición de Feijoo hoxe é feble, e a sombra de Ayuso é moi escura. Non esquezan que é a lideresa á que os militantes aclaman diante de Génova. A última vez, co propio Feijoo presente. O PP non necesitaba botar a Casado para estar máis centrado. De feito, desde que Feijoo ocupa o despacho principal de Génova, o PP pechou coalicións con Vox en cinco gobernos autonómicos e máis en ducias de concellos. Se iso era centrarse, desde logo Feijoo non desmerece a Casado.
Na vida política, por moita cobiza que un teña, hai que manter unha certa coerencia. Por exemplo, non se pode presumir de ser bilingüe, e ter máis experiencia que os teus adversarios na rede autonómica, e despois votar en contra de que se empreguen as linguas cooficiais no Congreso dos Deputados.
Linguas
Cando insinúo que Feijoo pode ser devorado por Díaz Ayuso non é por malmeter. Certamente, creo que é así. É máis, estou convencido de que pasará, máis cedo ou máis tarde. Malia todo, vostedes non me teñen que crer, porque eu non son un crego. Só son un xornalista, e o noso oficio consiste en contar e explicar o que sucedeu, e non en adiviñar o que acontecerá. Por iso, é probable que me equivoque. E por que penso tal cousa? Preguntarán vostedes. Pois porque na vida política, por moita cobiza que un teña, hai que manter unha certa coerencia. Por exemplo, non se pode presumir de ser bilingüe, e ter máis experiencia que os teus adversarios na rede autonómica, e despois votar en contra de que se empreguen as linguas cooficiais no Congreso dos Deputados. Non direi que con esa decisión Feijoo agredeu a autonomía galega, porque o verdadeiramente importante sería que o galego se falase e se prestixiase en Galicia, pero votar non é unha triste mostra de que a lingua galega, xunto co catalán e o euskera son un patrimonio que se defende, pero de xeito subalterno. Non escondo que ese voto negativo resultou ferinte para min, que falo tres das linguas cooficiais no Estado. É máis, Borja Semper, a quen sinceramente aprezo no persoal, dixo que o Congreso non se debía converter nunha “torre de Babel”. El mesmo, o día do debate, empregou un chisco de euskera, cousa que, toma do frasco, tampouco lles prestou aos seus compañeiros. Desde entón, Semper desapareceu como voceiro, sustituido polo mediocre Bendodo.
Chintófanos
Os de Vox guindaron os chintófanos no escano de Pedro Sánchez, como mostra de desprezo ao plurilingüismo. Para que vas falar en galego, “se todos nos podemos entender en español”, din os cosmopaletos do barrio de Salamanca. Outra idea con predicamento entre a elite facha é que empregar traducción simultánea supón gastar cartos públicos a esgalla. Quen os escoitaría se no Parlamento europeo só se puidese falar en inglés e francés. Xustamente, na pasada edición do Festival Internacional de Cine de San Sebastián, unha directora gipuzkoana, Jaione Camborda, gañou a Concha de Prata por unha película filmada en galego, “O corno”. A quen se lle ocorre, eh! Podendo facer a película en castelán, para que a vas facer en galego? Non ves que costa moito poñerlle subtítulos?
Primeran
Euskadi acaba de estrear unha plataforma dixital de contidos en euskera. Chámase Primeran, que ven sendo algo así como “perfecto”, e na que se atopan todo tipo de creacións como películas, teleseries, programas e documentais preferentemente en lingua basca. Hai tamén noutros idiomas, pero o proxecto é de País, co obxectivo de competir con Netflix ou HBO. Responde á demanda dos bascoparlantes que, no infinito e selvático mundo dixital ven como as linguas minorizadas están a ficar sen espazo. Mentres aínda buscamos como encaixar galego, catalán ou euskera na vida social e institucional, atopámonos con que a mocidade vive en plataformas dixitais ás que non lles importa se hai respeto ás minorías: YouTube, TikTok ou Instagram xa non é que fagan o máis mínimo esforzo por protexer aos minorizados, senón que tampouco teñen moito aprezo polos principios democráticos máis elementais. Debería ser unha demanda máis potente que se conforme unha plataforma semellante en Galicia.
Felipistas
Pedro Sánchez pertence a esa parte do progresismo español que só accede ás demandas nacionais cando precisa dos votos dos indepes. Ben está o que ben acaba, pero mellor estaría que esta sensibilidade non dependa de votos nas Cortes. Isto, ao igual que unha posible lei de amnistía (ou o termo que se empregue á fin para Cataluña), son interpretados como ataques persoais por parte daqueles que se teñen a si mesmos por ser os únicos protagonistas e artífices da transición e a democracia en España. Os vellos felipistas andan por aí rosmando todo o día, convidados pola Cope, El Mundo e calquera da grada de animación pepeira a cuspir na cara de Pedro Sánchez, sen a máis mínima lealdade ao seu partido. Fronte a eles, emerxe de novo Rodríguez Zapatero, o único disposto a erguer o facho dun Partido Socialista que, malia ter moitos inimigos, é o único aliado posible daqueles que ansían unha España diversa e integradora, aberta e tolerante. Poden seguir buscando “Tamayos”.
Amnistía
Persoalmente, son un fan total da amnistía pola concordia en Cataluña. Os indultos xa axudaron e desinflamar a tensión. Pero faltan aínda por resolver a situación de Puigdemont e varios procesos xudiciais abertos. A amnistía implica xenerosidade, empregouse con atino no posfranquismo, e cometendo un erro para limpar fraudes á facenda pública. Ese perdón non pode ser un indulto, porque estes son individuais e só para quen foron xa condenados. Coa ela, quedarían libres moitos policías que ostiaron a persoas pacíficas e desarmadas. E tamén Puigdemont, que foi President da Generalitat. Non é certo que implique recoñecer que o que fixeron estivo ben: non estivo ben matar como mataba ETA, e moitos presos se beneficiaron da amnistía; nin tampouco estiveron ben a persecución e as torturas dos franquistas. A amnistía é reencontro. A favor.