E digo eu… en novembro

Oriente 

O conflicto do Oriente Próximo é irresoluble. É imposible acadar unha solución. Penso que nin tan sequera é doado acadar un amaño que permita unha convivencia imperfecta. Hai múltiples razóns históricas e políticas para concluir isto, pero hai, por riba de todo, un motivo: non se poden establecer convivencias razonables, e moito menos democráticas, se a base son escrituras relixiosas. Se para xustificar que Israel ten dereito a existir onde está agora hai que basearse no que di a Torá, ou a Biblia, ou o texto sagrado que sexa, entón vai toda razón intelectual ao tacho. Non hai máis. Por iso, pensar que son viables dous Estados, un israelí e outro palestino, é unha perda de tempo.  

Guerra?  

A operación lóstrego que lanzou Hamas contra Israel, na que causou 1.300 mortos e secuestrou a máis de 200 cidadáns o sábado 7 de outubro, foi unha operación moi preocupante. De feito, cada día que pasa aumenta a sensación de que, se Hamas é capaz de facer algo así desde un territorio balizado e controlado, no mundo musulmán pode haber sectores extremistas que se estean preparando para ofensivas semellantes non só contra Israel, senón contra outros países occidentais aos que consideran inimigos. Pero antes de ir tan rápido, é evidente que ningunha organización clandestina ou terrorista, como esta facción islamista palestina, pode organizar unha acción semellante sen o apoio de exércitos profesionais. Todos miramos a Irán, que é un país co que occidente renunciou a ter unha relación non xa normal, senón mínima. Polo empeño dos Estados Unidos, Irán foi proscrita e empuxada a unha situación de aillamento que tivo, como consecuencia, un descoñecemento total do que acontece alí dentro e, o máis dramático, a consolidación dun rexime totalitario que masacra ás mulleres. Non hai dúbida de que Irán quere sustentar a causa palestina non porque lles interesen os palestinos, senón porque o seu obxectivo é destruir Israel. Semella o mesmo, pero non o é. Pódese, entón, falar dunha guerra de Israel contra Palestina? Non o creo.  

A esquerda  

A esquerda europea segue lendo a realidade mundial coma se o muro de Berlín non fora historia desde hai décadas. Calquera elemento que se asocie aos Estados Unidos é visto como adversario. Neste caso, Israel. Así é moi complexo adaptarse aos cambios mundiais. Por exemplo, vemos moitas manis de respaldo ao pobo palestino por parte de grupos que non moveron un pé en defensa das mulleres iraníes. De maneira que voltamos a caer en contradicións como as que, esa mesma xente, tivo cando comezou a invasión rusa de Ucrania. O sentimentalismo socialista leva a esas persoas a mirar de esguello a un absolutista como Putin simplemente porque é o reverso tenebroso dos Estados Unidos. Que máis teñen os dereitos das persoas homosexuais, o envelenamento dos opositores políticos, os abusos dos oligarcas. Se non son ianquis, son os nosos amigos. Pois ben, non se pode vivir de costas ao fanatismo relixioso; non se pode ser híper crítico coa Conferencia Episcopal, e calar ante o islamismo; non se pode reclamar sociedades laicas, e ao mesmo tempo ser suaves e comprensivos co burca ou coa hiyab. Non. Se. Pode. A esquerda baséase na razón e, sobre todo, na liberdade. A relixión é o oposto á esquerda. E hai que confrontar coas dúas relixións máis reaccionarias hoxe en día: sectores do mundo musulmán, dos que aínda agardamos o seu Concilio Vaticano II, e as elites dos xudeus que mandan en Israel.  

E Israel que? 

Chegados a este punto, haberá lectores, abofé, que se pregunten se acaso son un deses satélites que simpatizan co Estado hebreo. A resposta é non. Estiven alí, pasei baixo a casa que Ariel Sharon mercou no barrio musulmán de Xerusalén, pendurando das fiestras dúas bandeiras israelíes para humillar aos palestinos que (aínda) viven alí; vin aos colonos e aos ultraortodoxos; a apisonadora militar que é Israel, e o seu propósito de esmagar toda presenza palestina mediante unha calculada estratexia de demografía dopada. Non hai nada que me faga pensar que a democracia israelí sexa superior moralmente aos reximes autoritarios dos países árabes. A causa sionista é nociva para a convivencia, pero os seus defensores son insaciables. Xa non ten moito sentido voltar ao momento no que os principais países do mundo pactaron darlle terra ás víctimas do Holocausto nazi para compensalos por aquel horror, pero ver o que ciclicamente acomete contra os palestinos fai inevitable mirar atrás polo retrovisor, porque erros así non se poden volver a repetir. Estamos condenados a unha guerra eterna.  

Palestinos 

Abba Eban, quen fora representante de Israel ante a ONU, dixo nunha ocasión que os árabes nunca perden unha oportunidade de perder unha oportunidade. A frase acotouse tempo despois só aos palestinos, particularmente a Yasir Arafat. O líder histórico palestino faleceu hai case vinte anos. Polo tanto, tempo houbo para endereitar este ferro, e non hai maneira. A situación, máis alá de prexuizos politiqueiros pasados de moda, é a seguinte: a propia comunidade palestina está dividida en dous, Hamas e Fatah; Exipto négase a abrir a porta para que saian refuxiados; cada vez máis países árabes establecen relacións normalizadas con Israel, agora é o turno de Arabia Saudí; é dicir, non hai nin sequera un mínimo consenso interno árabe sobre a causa palestina. De maneira que non están para dar leccións tampouco nin a occidente nin á propia Israel. O primeiro sempre é segar a herba na casa.  

Sofisticación 

O que agora está de moda na dereita española, que durante un tempo tivo un obxectivo compartido coa esquerda, que era o de traballar pola paz nesa rexión, é ser fan de Israel. Con Díaz Ayuso sempre de primeira como inspiradora desa trapallada ideolóxica, o fashion é ir contra Hamas e o terrorismo, e xustificar calquera vinganza que organice o goberno hebreo. Na lóxica da nova política populista, calquera incidente armado no conflito é responsabilidade palestina, e se hai 400 nenos e nenas palestinos mortos por disparos da artillería israelí, pois vaia, que se lle vai facer. Se eles non empezaran, pois isto non tería pasado. A dereita barriosalmantina dinos que o sofisticado intelectualmente é ser proisraelí por riba de todo. Chatarra.  

Xornalismo 

15 reporteiros morreron nos primeiros dez días do conflito. Israel proíbe o acceso dos informadores a Gaza. Uns e outros pídennos que fagamos actos de fe para crer as súas versións, porque non as podemos contrastar, pero o xornalismo non consiste en rezar, senón en contar o que vemos. Desconfíen un chisco de case todo.