E digo eu… en decembro

Crónicas vascas 

Euskadi volve chamar á porta da atención política. Unha morea de persoas influintes en Madrid proveñen das provincias vascas, e o papel relevante que desempeñan o PNV e EHBildu desde que Pedro Sánchez acadou a presidencia do goberno indican que se pode albiscar un ronsel con aroma a pil-pil. Aí teñen a Josu Jon Imaz na cúspide de Repsol, a Goirigolzarri á fronte de Bankia, a Garamendi presidindo a CEOE, e como contrapeso, a Unai Sordo liderando o sindicato CCOO; Iván Redondo, asesor de presidencia ata hai un tempo, e que agora segue marcando a axenda desde fóra. Historicamente, sempre se deu un tirapuxa máis ou menos soterrado entre cataláns e vascos por acceder aos espazos do poder capitalinos. A decadencia catalana post-procés permite que moitos vascos colonicen agora postos que antes tiñan marcado sotaque catalán.  

ETA 

Na memoria vasca, ETA é un recordo gardado no patio traseiro. Está moi preto no tempo, pero moi lonxe nas prioridades. Non hai nada máis humano que esquecer o malo canto antes. O duelo que se enquista non permite avanzar. Por iso, en Euskadi, despois do que significaron 40 anos de franquismo, seguidos doutros 40 de violencia e terrorismo, precisaban algo tan primario e comprensible como desfrutar do benestar. Falamos dun territorio cunha enorme potencia industrial, que ten unha refinería, varias aceirías, fábricas de Mercedes, Michelín e outras multinacionais, sede de Petronor e Iberdrola, de feito, case o 25% do PIB é de orixe industrial. Co país en paz, e co Guggenheim como imán de atracción, o turismo medra ano a ano, e representa outro 8% da riqueza xenerada. O País Vasco é hoxe un gran pintxo, o recuncho do planeta con máis estrelas Michelín por metro cadrado. Foi o punto de saída do Tour de Francia deste ano, e acadou o posto octavo no Índice de Desenvolvemento Humano que elabora a ONU, só por detrás de Noruega, Australia, Suiza, Dinamarca, Países Baixos, Alemania e Irlanda.  

Fendas 

Malia todo, a estabilidade social, política e económica dos últimos anos tamén está permitiendo que saian á vista algunhas fendas que agochaba esta sociedade, que non está libre de padecer problemas que afectan a outras sociedades occidentais e, sobre todo, europeas. A pospandemia amosou que as costuras da sanidades pública vasca (Osakidetza), a gran xoia da coroa do autogoberno, estaban comezando a rachar: escasez de médicos de familia, persoal de enfermeiría e especialistas de pediatría e outras áreas. O medre das listas de espera e o envellecemento da plantilla está a levar á opinión pública a concluir que a xestión non está sendo boa. Ademáis, un caso de OPEs irregulares, que aínda está nos tribunais ante a sospeita de que os exames estaban dirixidos, fixo que na etapa do lehendakari Urkullu (12 anos á fronte do Goberno vasco) pasaran xa tres conselleiros de saúde, un deles dimitido. Na educación, unha nova lei pretende corrixir os vicios dun sistema deseñado para o País hai catro décadas, pero que agora perpetúa unha realidade que segrega as escolas por riqueza, condenando as públicas a integrar ao alumnado migrante, mentres as concertadas se manteñen como niños de crianzas brancas. A cuestión é que aquí o ensino concertado e privado acolle ao 49% dos rapaces, un dato insólito. Ademáis, a Ertzaintza, outro motivo de orgullo da Euskadi autonómica, está hoxe trufada de axentes que están moi afastados da idea romántica de formar parte dunha policía de País, apegada á terra e a identidade. En fin, no oasis vasco non todo é auga potable.  

O PNV 

Na política vasca, a principal referencia leva sendo o PNV desde a morte de Franco. O vello partido centenario nunca perdeu unhas eleccións autonómicas, agás no ano 1986, cando foi superado polo PSE que, malia todo, non puido formar goberno ao non poder acadar unha maioría estable. Só foi expulsado de Ajuria enea, no 2009, cando o PSE se apoiou no PP para establecer unha maioría alternativa. Ben é certo que aqueles comicios aínda se celebraron en situación excepcional, con ETA ameazando aos militantes socialistas e populares, e coa súa póla política fóra da legalidade por agocharse baixo as saias da violencia. Cal é o segredo para que este partido, que pertence á era analóxica, sexa capaz de pervivir no tempo dixital, por riba de crises e mudanzas? O PNV ten un olfacto inigualable para saber cales son as correntes que moven á sociedade en cada momento. Isto permítelle ir adaptándose en función das demandas cidadáns, e acollelas de xeito natural: igualdade, ecoloxismo, autogoberno, xestión pública. O PNV é todo e nada en concreto, partido de clases medias, acomodades e populares. Pero sempre Euskadi por diante. A súa xestión era sinónimo de fiabilidade, ata que apareceron as fendas. Ante iso, a sociedade vasca sitúase en todos os parámetros como progresista (aínda que logo cadaquén na súa vida privada teña as súas contradicións). 

Arnaldo Otegi comprendeu que ao PNV só se lle pode derrotar no seu terreo. Primeiro, EHBildu posicionouse en Madrid como socio fiable para as esquerdas. E os votantes premiaron a aposta. Agora, en Euskadi medra a súa imaxe de alternativa: fronte a un PNV esgotado, un novo modelo.  

EHBildu 

A desaparición de ETA permitíu que, por fin, o PNV tivera unha alternativa no seu mesmo terreo de xogo: o nacionalismo. O Estatuto de Gernika permite a Euskadi xestionar o esencial do servizo público e, ao tempo, o histórico réxime de concerto económico, dominar o espazo fiscal e a política de impostos. Nestas condicións, e dentro da Unión Europea, é complexo estirar as tensións Euskadi-España. Lémbrese a distancia coa que se mirou o procés catalán desde aquí. Por tanto, Arnaldo Otegi comprendeu que ao PNV só se lle pode derrotar no seu terreo. Primeiro, EHBildu posicionouse en Madrid como socio fiable para as esquerdas. E os votantes premiaron a aposta. Agora, en Euskadi, medra a súa imaxe de alternativa: fronte a un PNV esgotado, un novo modelo.  

Primavera 

A primavera vasca terá eleccións autonómicas (seguramente coincidindo coas galegas, pois a análise é que, se volven a coincidir, o foco madrileño se dispersará cara a Galicia, onde PP e PSOE repetirán, a escala, un segundo asalto tras a investidura de Sánchez). O PNV parte con vantaxe, pero grazas ao seu fuciño privilexiado, entendeu que os dous últimos baches electorais (maio e xullo), a xente lle estaba a enviar unha mensaxe. Así que hai reacción: mudan de candidato por sopresa. Urkullu pechará o seu tempo, e chegará un novo perfil, pero moi semellante ao do lehendakari: Imanol Pradales. “Katea ez da eten”, disque (a cadea non se rompe). Un recambio a tempo para fabricar un líder en catro anos, sabendo que, de momento, os socialistas non entrarán en pactos estables con EHBildu (o pasado está lonxe, pero aínda marca), e iso garante a permanencia no goberno. Pero EHBildu non caerá en ansiedades. Otegi pensa que o ronsel lle favorece, e que acadará un resultado histórico, que seguirá propulsando a súa alternativa. Agora non será. Dentro de catro anos, seguramente si. A froita vai madurando. Aínda así, convén non subestimar ao vello partido. Os retratos que estes días fan del en Madrid están, sorprendetemente, afastados da realidade. Ao PNV non se lle pode caricaturizar. Sempre volve. Pero Euskadi xa é multicolor. Bizkaia pertence ao PNV, EHBildu colleita a súa hexemonía en Gipuzkoa. O resultado estará aberto.