Finalmente, Pedro Sánchez continúa.
Continúan tamén as conxecturas. Os cinco días de Abril, foron unha escenificación?. Foron só un modo de crear tensión dentro dun esquema de fotonovelización da política? Unha maneira de que o foco pousara sobre a trama xudicial-mediático-política? Esa que enlama, seguindo a doutrina de Steve Bannon, as sociedades occidentais, creando odio e polarización?.
Tal vez nunca o saibamos. Cabe, dende logo, a hipótese Macron, que enunciou Guillem Martínez: que Pedro Sánchez busque facerse co electorado de Sumar/Podemos creando unha corrente de simpatía en torno a si mesmo que desborde o electorado do PSOE. Ou que fose un movemento táctico en relación ás eleccións en Cataluña.
Non me parece verosímil, non obstante. Agora o PSOE e o goberno están peor que antes do anuncio. Todo é máis complicado de amañar ou reconducir. Sumar non precisa de ninguén para facerse o harakiri. E en Cataluña xa estaban botadas as cartas. Pedro Sánchez é a condición e o instrumento para pecharlle o camiño á dereita. Pero non atesoura un capital de lexitimidade propia, persoal. E agora, aparentemente, acaba de mostrar un calcañar de Aquiles.
En realidade, é moi improbable que se tratara dunha xogada calculada. Se foi ese o caso, necesita un xiro de guión. O heroe aflixido ten que transformarse en heroe redentor. Necesita que se produza unha catarse.
Se Pedro Sánchez continúa pasivo en relación ao CXPX e ás tramas xudiciais; se non move o taboleiro mediático dalgún modo –sorprende ver en TVE un programa deificando a Jiménez Losantos-. Se o goberno deixa que a dereita política lle marque o ritmo sen iniciativa algunha, entón, eses cinco días de Abril non foron más que un inmenso erro.