Louseiras de Valdeorras. 60 anos no salvaxe noroeste

A alcaldesa de Carballeda de Valdeorras (Ourense) declarou en certa ocasión que «Salvando as diferencias, non podemos esquecer que a uns quilómetros están as Médulas» fabulando que, como a antiga mina romana de ouro hoxe Patrimonio da Humanidade, a inmensa desfeita ambiental das louseiras no seu concello podería ser un reclamo para o “turismo industrial”. Na mesma liña, o Presidente do “Clúster da Pizarra de Galicia” salientou que queren ensinarlle á xente “o que foron e o que son as explotacións de lousa”. Pola súa banda, o Presidente da Deputación de Ourense seica non puido ocultar a súa fascinación ao coñecer o lugar: «É algo único e como único merece ser apoiado» e viu na zona non só un polo de atracción turística, senón mesmo un espazo cinematográfico. Non especificou se pensaba en escenarios post-apocalípticos tipo Mad Max ou en comedias do estilo de The Cannonball Run, á vista das súas velocidades conducindo o coche oficial. 

Acceso a San Vicente de Leiría (Foto de S. Prieto – valdeorrasdecerca.com)

As declaracións non quedaron aí. Entusiasmada coa presenza do Conselleiro de Industria e Vicepresidente 1º da Xunta de Galicia, a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras dende hai 32 anos deixou para a posteridade un par de frases realmente inesquecibles. Sen pestanexar nin ruborizarse, asegurou que «A lousa non é destrución, é progreso e beleza». E recorreu de novo ás Médulas como “exemplo de beleza que a minería debidamente ordenada trae ás contornas nas que se desenvolve”. Nada dixo de que fixeron falla dous mil anos para que a vexetación fose quen de colonizar e naturalizar as Médulas (cunha topografía e un substrato xeolóxico moito máis desfavorables, nas louseiras aínda levaría máis tempo).

Na realidade paralela de feitos alternativos na que estes e outros gobernantes semellan vivir (ou na que nos queren facer vivir), as louseiras son fermosas e os cráteres mineiros cheos de auga son “lagos”. En calquera momento son capaces de dicir que as entulleiras e cráteres das louseiras son ambiental, paisaxística e xeoloxicamente tan importantes como as morrenas e lagoas glaciais do macizo de Trevinca. 

Dous mil anos non son nada 

Aos catro protagonistas destas novas de prensa (alcaldesa, presidente do Clúster, presidente da Deputación, Conselleiro e Vicepresidente 1º da Xunta) seica é necesario lembrarlles algúns “pequenos cambios” ambientais, demográficos e legais acontecidos nos últimos dous milenios. Na Hispania romana (España + Portugal) ao morrer Augusto habitaban uns 4,15 millóns de persoas, cunha densidade duns 7 habitantes/km2, cifras que na actualidade son case 14 veces máis altas (57,5 millóns e 97 habitantes/km2); ademais, compre ter en conta que a pegada ecolóxica por habitante é moitísimo maior na actual sociedade de consumo. Por outra banda, a superficie das Médulas é dez veces menor que a ocupada polas louseiras tan só no concello de Carballeda de Valdeorras (2.451 hectáreas). Por último, nas Médulas empregáronse escravos e abandonáronse sen máis cando deixaron de ser rendibles; de seguro que moitos botarán de menos ditas “vantaxes” empresariais, pero a escravitude en España aboliuse hai séculos e a restauración ambiental das louseiras é obrigatoria pola normativa europea, estatal e autonómica dende hai décadas. 

Ao Presidente da Deputación de Ourense, que concedeu 30.000 € a un convenio co Clúster da Pizarra para promover o turismo, cómpre lembrarlle que os veciños de San Vicente de Leiría levan máis de 23 anos sen acceso asfaltado, agardando que a Deputación esixa á louseira San Vicente que repoña a estrada OU-807.  

Ao Presidente da Deputación de Ourense, que concedeu fachendoso 30.000 € a un convenio co Clúster da Pizarra de Galicia para promover o turismo, seica compre lembrarlle ademais que os veciños de San Vicente de Leiría tamén son ourensáns e levan máis de 23 anos sen acceso asfaltado, agardando que a Deputación (hoxe presidida por el, antes polo seu pai) esixa á louseira San Vicente que repoña a estrada OU-807, que é competencia da Deputación e que deixou inservible dita louseira.  

O Conselleiro de Industria, na súa condición de máximo responsable da minería en Galicia, tamén debera ter algo que dicir e que facer para que a louseira San Vicente repoña dita estrada, así como para que a louseira da Campa asuma todos os custes de reposición da estrada LU-651 que afundiu pola súa culpa o ano pasado en Folgoso do Courel (Lugo). 

A explotación de lousa en Valdeorras iniciouse no s. XVIII pero mantívose a moi pequena escala ata finais da década de 1960 cando foi impulsada pola demanda dende Francia. “… os franceses, co fin de manter o seu nivel de distribución nos mercados internacionais, dirixiron os ollos cara outras rexións que contaban con recursos louseiros abondosos … España, e en particular Galicia e Castilla-León, con bos xacementos explotables a ceo aberto, numerosa mán de obra barata e escasa sensibilidade á contaminación medioambiental, convertéronse nunha boa alternativa … comerciándoa case a metade de coste…” (Lindoso Tato, 2015). Mesmo en 2011 as exportacións españolas de lousa fixéronse a un prezo un 21% inferior á media internacional (Lindoso Tato, 2015). Folga dicir que unha boa parte desa diferenza débese ao incumprimento das obrigas ambientais.  

O custe paisaxístico e ambiental de seis décadas sen lei para Valdeorras, O Courel e Galicia é simplemente inmenso. Abonda mencionar un dos prezos pagados por Carballeda de Valdeorras: leva sacrificado nada menos que o 11% do seu territorio nos altares da minería e o “progreso”.  

As loitas legais das louseiras contra os espazos protexidos 

A comezos de xuño de 2001, a Consellería de Medio Ambiente declarou espazos naturais en réxime de protección xeral provisional ás zonas incluídas na proposta de Rede Natura 2000. De inmediato, o “lobby” mineiro tentou impedilo con dez Recursos Contencioso-Administrativos presentados pola Asociación Galega de Áridos, Asociación Gallega de Pizarristas, Cupiga, S.A., Canteira do Penedo, S.A., CEDIE, S.A., CUPIRE-PADESA, Ferlosa, S.L., Pebosa, S.A., Pizarras de Villarbacú, S.L. e Pizarras Quiroga, S.A. 

Dez meses despois, en abril de 2002, a Consellería de Medio Ambiente deu inicio ao Plan de Ordenación de Recursos Naturais (PORNa) de Pena Trevinca. Pizarras San Gil, S.L. recorreu nun Contencioso-Administrativo ao consideralo “Un claro ejemplo de visión estrecha y fanática por la conservación a toda costa para el desarrollo turístico de sus provincias” (sic). O Recurso desestimouno o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia tres anos despois (sentenza de 20-04-2005), pero o PORNa de Pena Trevinca leva 20 anos durmindo o sono dos xustos nalgún caixón da Xunta. 

En 2012, cando xa levaban destruídos seis quilómetros dos ríos Valborraz, San Xil e Casoio, os louseiros pretenderon tamén desviar canles fluviais, protexidas pola lei de augas, para “acoller entullos”. O entón Presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que debera defender os nosos ríos, foi “receptivo á idea”.  

En 2012, cando xa levaban destruídos seis quilómetros dos ríos Valborraz, San Xil e Casoio, os louseiros pretenderon tamén desviar canles fluviais, protexidas pola lei de augas, para “acoller entullos”. O peor é que o entón Presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que debera defender os nosos ríos, foi “receptivo á idea” segundo declaracións recollidas en prensa. 

 “Rescates ambientais” das louseiras con cartos públicos 

Hai vinte e dous anos, mentres os louseiros alardeaban de que o sector en Ourense facturaba uns sete millóns de euros, a Xunta de Galicia, o Ministerio de Medio Ambiente, a Confederación Hidrográfica de Norte e a Asociación Galega de Pizarristas asinaron o 10-07-2001 un Protocolo Xeral de Colaboración cunhas condicións extraordinariamente vantaxosas para as empresas: a Confederación (con fondos FEDER da UE) pagaría un 70% dos gastos da restauración hidrolóxico-forestal das xigantescas entulleiras das louseiras, a Xunta un 10% e as empresas tan só un 20%. Esa distribución de gastos mantívose tamén no convenio para a asistencia técnica á dirección dos proxectos e obras das actuacións de restauración hidrolóxico-forestal, pero para a execución das obras a cofinanciación FEDER subiu ata o 75% de acordo cos datos recollidos no Programa Operativo Integrado de Galicia 2000-06. 

Na súa recente visita a Carballeda de Valdeorras hai un ano, o Conselleiro de Industria e Vicepresidente 1º da Xunta de Galicia salientou o interese pola restauración do entorno que amosa o Clúster da Pizarra… E acto seguido anunciou o investimento de 1,5 millóns de euros públicos para restaurar dúas louseiras abandonadas nese concello. Malia as súas competencias máximas en minería como Conselleiro de Industria, nada dixo de esixir o cumprimento dun dos principios básicos da Unión Europea: quen contamina, paga. En Valdeorras e no Courel as louseiras destrúen e pagamos os cidadáns. Ata cando? 

Unha vintena de canteiras do antigo grupo CUPA mercounas en 2016 o fondo de investimento Carlyle dos USA, que as revendeu en febreiro de 2022 ao fondo de investimento Brookfield do Canadá. Outras dúas louseiras pertencen ao grupo alemán Rathscheck Schieffer. Os “rescates ambientais” das louseiras fixéronse pois en beneficio de fondos de investimento estranxeiros.  

Na actualidade, case a metade das louseiras en Carballeda de Valdeorras pertencen a capital estranxeiro. Unha vintena de canteiras do antigo grupo CUPA mercounas en 2016 o fondo de investimento Carlyle dos USA (filial Carlyle Europe Partners IV), que as revendeu en febreiro de 2022 ao fondo de investimento Brookfield do Canadá. Outras dúas louseiras pertencen ao grupo alemán Rathscheck Schieffer. Xa que logo, é lícito concluír que os “rescates ambientais” das louseiras con fondos públicos (autonómicos, estatais e europeos) finalmente se fixeron para maior beneficio de fondos de investimento estranxeiros.