Cris Iglesias (A Coruña, 1991) é unha muller multifacética que representa unha xeración de actrices galegas moi ben formadas nas diversas facetas das artes escénicas (ademais de titulada en Arte Dramática, é percusionista e bailarina) e especialmente comprometidas co feminismo. Comezou a súa carreira da man do teatro, na produción Eroski Paraíso de Chévere, pero a súa proxección co gran público chegou pouco despois, co personaxe de Leticia Charlín na popular serie Fariña, en cuxa versión teatral tamén participou. Dende entón, centrouse fundamentalmente no audiovisual, protagonizando a curtametraxe 16 de decembro, e participando en series como Clanes, Valeria ou Auga Seca, e películas como Eroski Paraíso, Ons, Tres, ¡Salta!, ou Tratamos demasiado bien a las mujeres. O seu último proxecto é, tamén, un dos retos máis importantes da súa carreira: a interpretación do personaxe de Virxinia Pereira en Antes de Nós, dirixida por Ángeles Huerta.
Es de texto ou de audio?
Son de audio para o día a día e de texto para as cousas importantes. E por certo, estou descubrindo o audiovídeo e véxolle moitas posibilidades!
En cantos grupos de whatsapp participas?
En moitísimos. Teño grupos de todo tipo: amigas variadas, familia diversa, agasallos, proxectos, un grupo Fogar coa lista da e contrasinais, outro grupo comigo mesma…
E un deles é un grupo con amigas, cun nome ridículo que só podedes explicar as participantes?
Absolutamente.
Podes contárnolo?
É un grupo con dúas das miñas mellores amigas e chámase “A cona coma unha balleta”. Que a ninguén se lle ocorra copiárnolo para un grupo musical ou un título de algo…
Que é o que fai esmendrellarse de risa a Cris Iglesias?
Encántanme as imitacións, pero cando se trata de xente próxima, non necesariamente persoeiros coñecidos.
A última vez que dixeches “quérote”?
Antes de vir a esta entrevista.
A última vez que quixeches queimar un contedor?
Cando me subiron o IPC do alugueiro do piso.
Esa vez que dixeches “terra trágame”.
Penso iso cada vez que alguén opina sobre o meu físico, concretamente comentando se engordei ou adelgacei. Incomódame porque é algo que xa sei eu, que me visto e me miro no espello, e porque son comentarios que, aínda feitos sen mala intención, demostran que somos incapaces de non xulgar as mulleres polo seu corpo, especialmente na miña profesión. Síntome tan observada e exposta, que me dá vergoña. Co fácil que é dicir un “Gustoume ou non me gustou o teu traballo”, ou un “Véxote contenta”, ou un simple “Como estás?”
Esa vez que te sentiches verdadeiramente frustrada, maltratada, indignada.
Teño tantas! Pero hai unha interesante porque acabou converténdose en algo artístico. Un día, tomando algo cunha compañeira, uns tíos puxéronse a dicirme cousas, acosándome, así que ocorréuseme encaralos. Díxenlles: “Coñécesme de algo? Con que dereito me falas así?”. O caso é que, despois desa frase, quedaron sen saber moi ben que dicir, pero deu a casualidade de que cando volvín á miña mesa entrou a policía no local, e eles pensaron que a miña amiga chamara, así que marcharon, pero eu seguía sentíndome maltratada e indignada. A anécdota acabou sendo parte da curta 16 de decembro e desde entón uso a frase “Coñécesme de algo? Con que dereito me falas así?” cada vez que vivo unha situación dese tipo.
Que música hai na túa lista de reprodución?
De todo. Moitos estilos e procedencias: bailable, portuguesa, galega. Mariana Froiz, Silvia Pérez Cruz, Rigoberta Bandini, Stromae, Patti Smith, Rodrigo Cuevas, Mondra…
Que consideras politicamente irrenunciábel?
Estar do lado das minorías vulnerables ou non privilexiadas, por xénero, raza ou lingua.
Para que serven hoxe as historias que contamos no audiovisual?
Para construír referentes.
Se puideras volver comezar…?
Recomezaría a miña relación coa música. Teño con ela unha relación traumática despois de 12 anos de conservatorio, e dirixiríame a ela desde un lugar máis popular. Agradezo moito como actriz todo o que me deu a música (oído, ritmo e disciplina), pero condicionou moito a miña relación coa esixencia e coa arte: sentinme moi pouco libre.
Como ves este momento do audiovisual galego?
Medrou moito, pero é cada vez menos galego (lingüisticamente), o que non deixa de ser curioso, pero representativo.
Ese traballo teu do que te sentes especialmente orgullosa é…?
Virxinia Pereira en Antes de nós. Facéndoo, sentinme nun momento de madurez, pola complexidade do personaxe, pola historia, e polo meu momento persoal.
Ese libro que recomendas sempre.
Varios, segundo momentos da visa. Mudoume Se isto é un home, que lin de moza. Foi moi especial, porque me aledou a pandemia, O froito prohibido de Liv Strömquist. Os de Chimamanda Ngozi. E sempre recomendo o texto de Eroski Paraiso.
Que implica ser actriz e feminista?
Ser incoherente todo o tempo.
Cando tes que entregar un curriculum e revisas a túa impresionante traxectoria, que ves?
Vexo moitos agasallos, moito esforzo, para que negalo, e moito proxecto con pouco título formativo: empecei a traballar ao mes seguinte de graduarme.
Es moi nova, mais que clase de vellez imaxinas?
Envellecer en Galicia, coa xente que teño derredor agora, cunha pensión, e gustaríame poder facer cousas que sempre quixen e ás que non puiden dedicar tempo.