A cedeirense Guadi Galego é unha das músicas máis recoñecidas de Galicia. Deuse a coñecer como pianista, vocalista e gaiteira no grupo Berrogüeto, mais en 2008 inicia novos camiños en grupos coma o dúo Espido, o conxunto Nordestin@s ou aCadaCanto. No ano seguinte, publica o seu primeiro disco en solitario, Benzón, un éxito para o público e a crítica que recibiu, entre outros, o premio Opinión ao mellor disco folk do ano. Sempre preocupada pola capacidade da música para vehicular distintos compromisos políticos, a súa canción “Matriarcas” recollida no seu segundo álbum en solitario, Lúas de outubro (2014) converteuse nun himno feminista das galegas. Despois deste, aínda publicou outros catro discos, amosándose coma unha das músicas galegas de maior relevancia estatal.
Es de texto ou de audio?
Depende, pero ultimamente máis de audio.
En cantos grupos de whatsapp participas?
Uns 30.
E un deles é un grupo con amigas, cun nome ridículo que só podedes explicar as participantes?
Exactamente.
Podes contárnolo?
Noooon!
Que é o que fai esmendrellarse de risa a Guadi Galego?
Son moi pallasa, gústame rirme de min mesma.
A última vez que dixeches “quérote”?
Dígoo case todos os días.
A última vez que quixeches queimar un contedor?
Poucas veces, é pouco cívico.
Esa vez que dixeches “terra trágame”.
Un día que lle dixen a unha coñecida “Estás grávida”, ao que contestou, “Não, estou gorda”.
A música pode salvarnos?
Desde logo, varias veces na vida, incluso varias veces ao día.
Que cousa consideras politicamente irrenunciábel?
Feminismo, que o resume todo.
Se puideras volver comezar…?
Faría cancións….
Como ves este momento da música galega?
Bonito, bonito, e tamén ilusionante.
Cal vén sendo esa canción túa da que te sentes especialmente orgullosa?
“Creo” [Canción do álbum de 2020 Costuras]
De que música, grupo ou artista é fan Guadi Galego?
Heheh, de moitos. Mais o Zeca Afonso foi moi importante para min.
A que te dedicarías se non puideses ser música?
Sería panadeira.
Ese libro que recomendas sempre?
Mociñas, de Louisa May Alcott.
Cando tes que entregar un currículo e revisas a túa impresionante traxectoria, que ves?
Moito traballo e moito cariño da xente.
Como te ves dentro de vinte anos?
Cantando para moi pouca xente que aínda queira escoitarme.