Chus Iglesias é o nome da orgullosa picheleira detrás da marca Acivro Xoias. Artista artesá de vocación, atopou o seu lugar na ourivaría cando a xente menos ousada ca ela se acomoda. A súa recuperación artística das culleres de prata é xa historia recente da nosa ourivaría, apostando por deseños que sempre teñen un pé ancorado nunha identidade que se forxa na terra, na lingua e en séculos dunha tradición artesanal que olla con fondo respecto. Feminista, galeguista, muller inquedísima en procura perpetua, Chus de Acivro desborda palabras para demostrar que os compromisos nunca descansan.
Es de texto ou de audio?
Son de texto, non teño corrector no móbil e escribo as palabras enteiras coma se escribise unha carta. Si uso emojis porque aportan a expresividade que necesita ese medio, o whatsapp, porque lle falta emoción.
En cantos grupos de whatsapp participas?
En ningún. Se teño que estar nalgún por traballo, axiña me borro.
Que é o que fai esmendrellarse de risa a Chus de Acivro?
Mil cousas, todas as parvadas que lle fan graza a un neno. Son a típica adulta á que lle segue pasando iso de non poder aguantar a risa en determinadas situacións nas que, xustamente, está mal visto rir.
A última vez que dixeches “quérote”?
Todos os días. Non se pode vivir sen dicir quérote.
A última vez que quixeches queimar un contedor?
Practicamente todos os días tamén, cando vexo inxustizas sociais. Pero de momento, non o fago!
Esa vez que dixeches “terra trágame”.
Tantas! Unha vez, xogando aos birlos metinme na pista doutra xente. Estragueilles a partida.
Esa vez que te sentiches verdadeiramente frustrada, maltratada, indignada.
Varias veces ultimamente, nas redes sociais, cando lle digo explicitamente a alguén, polo xeral un varón, que se trata dunha ferramenta de traballo, e non só me ignoran senón que insisten e me faltan ao respecto. Hai unha constante inxerencia na nosa intimidade.
Que música hai na túa lista de reprodución?
Teño formación musical, e iso fíxome moi de ópera: hai que ir á ópera polo menos unha vez na vida. Tamén son de guitarristas, e gústame o soul, o gospel e o jazz, e Metalica! Pero nunca nunca me falta Guadi Galego: “Matriarcas” é un himno.
Que consideras politicamente irrenunciábel?
A liberdade.
Como chega unha muller da túa xeración a facer da ourivaría unha profesión?
Por traballar no ano 2010 con Ricardo Rivas, un dos meus mestres e un dos meus mellores amigos. Velo crear no obradoiro foi fundamental. El é a familia que escolles, e é un xenio. Imaxínate que entras a traballar no obradoiro de Dalí ou de Picasso: eu sentín esa necesidade de facer o mesmo. Antes diso gustábame a ourivaría como usuaria, e o paso a querer facelo eu foi ter clara a idea de que quería expresarme coas mans, e nese momento puiden traballar con el e aprender como se aprenden os oficios, dun mestre.
Se puideras volver comezar…?
Volvería ser ourive pero comezaría a miña formación dende o bacharelato como fixeron os meus mestres, porque estes oficios apréndense desde novos, pero tentaría compatibilizalo con algunha cousa máis, como coser, a cerámica, a xardinaría…
Que é a “xoiaría con alma”?
É facer o que realmente che gusta e facer pezas que expresen algo, que teñan un porqué, unha explicación.
Como ves este momento da artesanía galega?
Malia o difícil que é, é un bo momento. Temos unha artesanía galega espectacular, a pesar da dificultade de loitar contra as multinacionais. Este país podería ser unha potencia artesanal: temos as redeiras, Camariñas, os ebanistas…, hai que facer país co noso.
Ese traballo teu do que te sentes especialmente orgullosa é…?
A recuperación das culleres, pero sobre todo os culleróns, e poder plasmar na ourivaría cousas que veñen doutras artes, como por exemplo o Colar Choiva.
Ese libro que recomendas sempre.
O Quixote. Shakespeare. A obra de Castelao, indiscutibelmente. Son fan absoluta de Miguelanxo Prado, e tamén de Teresa Moure, Rosa Aneiros e María Xosé Queizán. Considero que o traballo editorial que fan en Apiario é fascinante. E gusto da obra incipiente de Cristina Pato.
É posíbel unha artesanía feminista?
Por suposto. De feito, unha das cousas que máis orgullosa me sinto e que fixen como declaración de principios, foi un traballo colaborativo de mulleres para as fotos do meu espazo web en Artesanía de Galicia: quería reivindicar os corenta anos como idade esencial de forza profesional, así que escollín como modelos e fotógrafa a mulleres, coma min. Contei, por iso, con Rocío Cibes como fotógrafa, e as belísimas e estilosas mulleres con rostros naturais coa marca do tempo, María Feijoo, artesá da seda, e Luísa da marca Belategui e Regueiro que fai un traballo en tear espectacular.
Como compostelá, cres recuperábel a tradición do acibeche?
Coido que o derradeiro foi o meu mestre Ricardo Rivas. Ten que haber apoio institucional porque para que iso se recupere fai falla un proceso lentísimo porque a aprendizaxe é de moitos anos e se rompeu o traspaso xeracional.
Que clase de vellez imaxinas?
Encantaríame ser economicamente moi solvente para erguerme polas mañás, visitar os museos do mundo e aprender todo tipo de actividades, coma Leonardo Da Vinci.





