Xoves, Abril 18, 2019

Home Outros Rescate condicionado

Rescate condicionado

Contra o que manifestan o goberno español
e os seu delegados, como é o caso do goberno de Núñez Feijóo, que gozan do
apoio incondicional de moitos medios de comunicación e dunha troupe de
faladoiros, o rescate bancario terá graves consecuencias tanto para o
Estado como para a maioría dos seus cidadáns, especialmente os de rendas medias
e baixas.

Comezando polo que derive do que sen
dúbida representa para o Estado unha nova perda de soberanía a prol da troica
comunitaria –Comisión Europea, BCE e FMI. A pouco que analicemos o sucedido,
quedan ao descuberto dúas consecuencias. En primeiro lugar, o rescate virá
acompañado dun maior control da economía española –xa intervida de facto– por
parte tanto da burocracia comunitaria como dos organismos financeiros
internacionais. Amais diso, as autoridades españolas perden poder de iniciativa
e de xestión sobre o seu propio sistema financeiro, no que están a orixe, a
causa e o fundamento da crise económica que nos ten sobrecollidos.

Por mor desa perda de soberanía, a
economía e a sociedade sufrirán novamente os efectos dun aínda máis brutal
sometemento ás necesidades e intereses dos bancos, e aos dos especuladores,
tanto internos como foráneos. Non é de estrañar a progresiva e imparable contestación
social, que ve como todo se supedita a tapar con diñeiro público o inmenso
cráter bancario, sen que ninguén asuma responsabilidades. Ten moi claro a
opinión pública que a crise veu provocada polo estoupido da débeda privada, que
ten nos activos tóxicos xerados polo ladrillo –e polas políticas que o
avaliaron desde os gobernos de Aznar e Zapatero– o seu verdadeiro cancro. Como
ten claro que son os bancos os que seguen freando o crecemento económico, por
paralizar a concesión de créditos e provocar coas súas esixencias de fondos o
incremento exponencial das débedas pública e privada.

Se algo quedou xa suficientemente
explicitado é que son os intereses financeiros e non as necesidades da
cidadanía as que ocupan a axenda de banqueiros, da troica comunitaria e de
gobernos como o de Rajoy. Malia a seren os bancos os que unha vez máis estiran
a goma ata colocar a economía ao bordo do abismo, laminando a pouca confianza
que xa tiñan nela investidores e prestamistas internacionais. Sen que teña a
política a máis mínima posibilidade de revalidar a autonomía coa que marcar e
xestionar en democracia a súa propia axenda. A dos gobernos elixidos en urnas e
a das políticas económicas que deberan ter sempre na cidadanía, e unicamente
nela, a vara de medir e priorizar. O rescate déixao de novo en evidencia. Coa
confirmación engadida de contar coa complicidade dos gobernos e das
institucións europeas.

Malia os malabarismos cos que o goberno
conservador e o PP tentan enmascarar o que non é senón un rescate en toda
regra, non nos cabe a menor dúbida: ese sometemento aos intereses dos axentes
financeiros prolongará a agonía da economía española, deteriorando aínda máis
as condicións de vida de millóns de cidadáns, españois e galegos. As
experiencias grega e portuguesa din moi ilustrativamente como lonxe de seren o
bálsamo de Fierabrás, os rescates levan os países nos que se aplica ao desastre
económico e social.

Digan o que digan os propagandistas da
Moncloa e do Ministerio de De Guindos –e por algo Durão Barroso se tivo que
empregar a fondo, como vén de confesar nunha entrevista, para que Rajoy acabase
solicitándoo–, o rescate terá gravísimos efectos sobre o déficit e a débeda
públicos. Velaí o interese que puxeran en evitalo –dous días antes, o ministro
de Industria xuraba que o Goberno non o pediría. E todo leva a pensar, contra o
que nos queren vender, que non vai eliminar as dificultades de acceso ao
crédito, enquistándose aínda máis os problemas que impiden o reverdecemento
económico. Unicamente servirá –e ogallá nos equivoquemos– para tapar o cráter
bancario, que ten en Bankia o seu principal núcleo ígnico, sen que deixen de
seguir especulando coas débedas soberanas. Acabaremos constatando o que está na
mente de todos: será o Estado, e non os bancos, quen finalmente devolva os
arredor de cen mil millóns de euros prestados.

Ben analizado, habemos de convir en que o
rescate forma parte das políticas de axuste fiscal, o que convida a pensar en
novas esixencias de recortes que afecten aínda máis ás funcións públicas de
benestar social, ás pensións, aos salarios e ao mercado laboral. Cun temido e
inxusto corolario: poñendo ao bordo da exclusión social a un número cada vez
maior de cidadáns con rendas medias e baixas.

Polo demais, o rescate bancario traerá
aparellada unha reactualizada reestruturación do sistema financeiro español,
apoiada nunha maior concentración e, xa que logo, nun menor número de
entidades. O melindre que agardaban os grandes bancos desde o momento en que á
fin conseguiran a desaparición da maior parte das caixas. Repartiranse o
mercado. Un reparto que irá en prexuízo das economías periféricas. Por caso, a
de Galicia. Cada día está máis claro que ten tódalas bazas negativas para
quedar sen entidades financeiras propias. E xa se sabe que unha autonomía que non
as teña é unha autonomía débil, coutada. En definitiva, unha falsa autonomía.

Pero aínda hai máis. Porque todo o que
relatamos e analizamos procésase cun cada vez máis progresivo e altísimo custo
democrático. Porque ao dito en relación co sometemento da política aos
intereses dos especuladores, os bancos entre eles, hai que sumarlle o
comportamento autoritario e escurantista do goberno do PP, que ignora o
Parlamento e oculta a verdade. Velaí o que explica o recurso aos decretos/lei,
a instrumentalización da maioría absoluta para impedir a creación dunha
comisión de investigación que determine as responsabilidades derivadas do
cráter, ou para negar a comparecencia inmediata do presidente Rajoy para que
informe e explique as características do rescate.

Ese tipo de gobernanza e de gobernantes
xustifica plenamente o progresivo distanciamento que achegan as enquisas
demoscópicas entre a cidadanía e os responsables políticos. E a mesma
desvalorización da política como espazo e sobre o que resolver os problemas que
sofre a cidadanía. Entra, pois, na lóxica que o líder da oposición peor
valorado nestes últimos 35 anos, Mariano Rajoy, non dea conseguido tampouco
como presidente do executivo español os mínimos de credibilidade e confianza
esixibles. Que o mesmo día en que se facía oficial o rescate viaxara fóra de
España para presenciar o partido da Eurocopa que a selección española empatou
con Italia, é unha mostra de frivolidade o suficentemente agresiva como para
descualificalo. Ao tempo que contribúe como ningún outro dirixente a xustificar
o desafecto que as enquisas amosan pola política e polos políticos.

 

Novedades