Diversas institucións e organizacións teñen cuestionado nas últimas semanas a posición do Goberno galego sobre a incorporación de Galicia á UNESCO como membro asociado. Recollemos as opinións de Víctor F. Freixanes, escritor e expresidente da Real Academia Galega; a vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, e o director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, Daniel González Palau.  

Galicia na UNESCO 

Víctor F. Freixanes 

Di a Xunta de Galicia que hai cuestións máis importantes. Segundo a consellería da presidencia hai outras prioridades antes de poñérmonos a pelexar por unha representación internacional coma é o caso. Tamén deberiamos preguntarnos por que o goberno de España anuncia xestións para conseguir unha representación para Euskadi e Cataluña como membros asociados no organismo internacional e Galicia fica fóra. Razóns políticas? Sen dúbida. Euskadi e Cataluña teñen hoxe unha importancia no equilibrio de forzas para manter o PSOE no goberno do Estado que Galicia non ten, ou non exerce, porque o Partido Popular xoga outras bazas. Nese equilibrio ou tensión a forza política de Galicia é escasa e, polo que se ve, ao goberno de España non lle interesa. Alén disto, e sen desmerecer outras prioridades ou cuestións pendentes (a Ribeira Sacra, o Camiño de Santiago, o patrimonio inmaterial da lingua, etc) todo o que signifique visibilidade pública da nosa cultura e da nosa identidade nacional é importante. Unha cousa non exclúe outra. As relacións de Galicia coa UNESCO veñen de vello, mais considero importante avanzar en todo canto significa recoñecemento internacional de nós. A Xunta de Galicia non pode ignorar esta oportunidade. E o goberno de España tampouco.

 

#Pensalo2Veces: Galicia na Unesco e ONU Turismo 

Daniel González Palau 

O 26 de xaneiro de 2026, o ministro de Exteriores e o conselleiro de Acción Exterior da Generalitat, oficializaron o inicio do proceso para que Catalunya acade a condición de membro asociado na Unesco e en ONU Turismo. Anunciouse tamén que Euskadi seguirá o mesmo camiño. 

No Parlamento galego, o 28 de xaneiro, Diego Calvo, diante das preguntas do BNG e o PSdG ao respecto, afirmou que Galicia síntese ben representada por España e que non entrará “no xogo dos independentistas”, polo cal a Xunta non ten interese en participar na Unesco e ONU Turismo. 

Obviamente, o proceso inscríbese nas negociacións parlamentarias impulsadas polo PSOE para garantir estabilidade política até 2027. Porén, máis alá do seu contexto inmediato e circunstancial, estamos ante unha mudanza relevante no desenvolvemento do Estado autonómico na súa esfera exterior, polo que a resposta merece pensarse dúas veces.   

Especialmente en Galicia, xa que a Unesco e ONU Turismo operan en ámbitos onde posuímos activos singulares xa recoñecido globalmente—patrimonio, cultura, lingua, turismo, modelo territorial— con impacto directo no noso desenvolvemento, benestar e PIB. De verdade a Xunta non vai procurar a interlocución co Ministerio para seguir o proceso? Onde queda o noso status de nacionalidade histórica? 

Ao día seguinte da intervención do Conselleiro de Presidencia, a Xunta Directiva do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (1991-2026) expresou nun comunicado público, #Pensalo2Veces, a nosa preocupación ante esta negativa, animando á Xunta a reconsiderar a súa decisión. Tralo comunicado recibimos respostas desde representantes do PP, BNG e PSdeG, até empresas, centros galegos no exterior ou especialistas, que coincidiron na necesidade de abrir este debate con serenidade e visión estratéxica. 

O proceso aberto para Catalunya e Euskadi é un primeiro paso, cheo de incertezas e con efectos potenciais de grande impacto. A decisión final non chegaría até 2027, cando se celebren as Asembleas Xerais de ambas axencias de Nacións Unidas, que deben votar favorablemente. Até entón, polo tanto, poden acontecer moitas cousas e polo tanto existen diversos escenarios por diante ata que o camiño aberto cristalice. 

En definitiva, hai tempo. Non se trata de confrontación nin de mimetismos, senón de responsabilidade institucional e modernización institucional no mundo, na España e na Galicia do segundo cuarto do S.XXI. Pensalo dúas veces é estar á altura do momento. Hai tempo para reconsiderar a decisión, modelar a resposta e abrir vías de comunicación orixinais que abran un tempo novo para a nosa Acción Exterior. 

 

Aproveitar as oportunidades 

Dolores Vilavedra 

A polémica provocada pola negativa do PP a solicitar que Galicia entre a formar parte do panel de países membros asociados da Unesco semella tan estéril que nin tal consideración -a de polémica- merece. Xurdida ao abeiro da decisión do Executivo español de promover a presenza de Catalunya e Euskadi no devandito panel, e aínda que arestora carecemos de información relevante sobre o caso (o Goberno central non ten nada que dicir ao respecto? Por que Galicia non figuraba a canda Euskadi e Catalunya na solicitude inicial? Sobra silencio e faltan explicacións), semella que ninguén minimamente obxectivo pode atopar argumentos para manifestarse en contra de que Galicia fose tamén promovida a esa categoría de países. 

Que un Goberno (o galego, neste caso) alegue ter ‘outras prioridades’ di pouco das súas capacidades executivas, pois non semella esta ser unha tarefa ímproba e resulta evidente que, neste asunto, a complicidade con Catalunya e Euskadi sería un apoio importante no deseño dunha estratexia común no seo do organismo internacional. 

En canto ao argumento económico (a Xunta di ter outras áreas de máis interese nas que investir recursos), é coma aforrar na fariña para gastar no farelo: semella pan para hoxe e fame para mañá e, en tanto non foron aínda cuantificados os gastos que a solicitude en cuestión orixinaría, non resulta aceptable como tal argumento. 

Que Galicia debería formar parte dese grupo de países é algo tan obvio que, como xa apuntei, o asunto non dá para polemizar. A decisión do noso Goberno de renunciar a que Galicia acade a categoría de membro asociado afecta á nosa autopercepción colectiva e á nosa participación, en pé de igualdade con outras culturas do Estado español, na articulación dunha verdadeira España plural. Porque esta será resultado non só de como nos vemos senón tamén de como nos ven: accións coma a que estamos a comentar permitirían que Galicia fose visible por outros axentes da esfera internacional, en moitos casos, mesmo por vez primeira. E o Goberno galego podería aproveitar os pasos xa dados nesa dirección por institucións de noso como o Consello da Cultura Galega que -con moita anterioridade a esta ‘polémica’- iniciou conversas coa Secretaría General da Comisión Nacional Española de cooperación coa Unesco, co obxectivo último de abrir unha canle estable de cooperación entre ambos organismos. Trátase de crear sinerxías, non de rivalizar. 

Pero cando digo que o asunto non dá para polemizar é porque penso que vai, sobre todo, de valores. Alén das preferencias políticas de cadaquén, quero crer que os partidos que nos gobernan, aquí e en Madrid, están firmemente comprometidos coa educación, a ciencia, a cultura e a comunicación como ferramentas imprescindibles para o desenvolvemento dun mundo no que a paz sexa posible. Xa que logo, todas as posibilidades que teñamos por avanzar na consecución deses valores dende un internacionalismo fraterno (que sexa máis ca globalización voraz) deben ser aproveitadas non só por pragmatismo político senón tamén pola mensaxe que xestos coma ese transmiten ás novas xeracións, que van gobernar este país en nada. A decisión de apostar ou non por esa oportunidade de termos voz e presenza nun órgano coma a Unesco di moito, moitísimo, do país que somos e do país que queremos ser, de cales son as nosas conviccións e as nosas prioridades, e da confianza que temos en nós como comunidade de seu. 

Nun mundo no que cada vez resulta máis evidente a crise dos vellos modelos estatalistas verticais, aproveitar oportunidades coma esta para construírmos novos espazos de cooperación transversal é -tamén- contribuír á cancelación das lóxicas imperialistas e defender o dereito de todas as comunidades a participar na construción do futuro da humanidade que, ou será compartido, ou non será.