A flexibilización da moratoria do eucalipto anunciada pola Xunta de Galicia deita dúbidas sobre o futuro do ecosistema forestal no país. A polémica especie, plenamente asentada, pode estenderse máis aínda que o Goberno galego asegure que procura diminuír a súa superficie total. Para analizar o escenario que se abre coa “moratoria flexible” a partir deste ano contamos con Serafín González Prieto, da SGHN; Xosé Veiras do Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) e o enxeñeiro forestal Xacobo Feijoo Lamas.
Ampliación das moratorias ao eucalipto
Serafín González Prieto, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN)
Hai poucos meses 26 organizacións ecoloxistas subscribiron unha declaración na que demandan a ampliación das moratorias ás novas plantacións de eucalipto en Galicia e Biscaia até polo menos 2030 e a implantación desta medida en todo o norte peninsular.
Segundo os datos dos inventarios forestais, as plantacións de eucalipto seguen a estenderse. Galicia é a Comunidade peor parada, con case 420.000 hectáreas de superficie de eucalipto; seguida de Asturias, cunhas 60.000 hectáreas; Cantabria, con máis de 39.000 hectáreas e o País Vasco, con máis de 26.000, segundo indican os diferentes inventarios forestais, non todos actualizados. A isto habería que engadir as máis de 810.000 hectáreas existentes en Portugal. No entanto, estas cifras só inclúen as superficies onde o eucalipto é dominante, pero non cando aparece como especie acompañante en masas mixtas, dentro de plantacións doutras especies ou noutros ecosistemas forestais onde se naturalizou.
Ao incumprimento da planificación forestal sumouse o incremento da superficie destas plantacións, motivado fundamentalmente pola substitución masiva de plantacións produtivas de coníferas afectadas por pragas forestais. Como resposta, as administracións forestais estableceron prohibicións temporais (en Galicia, desde 2021 até finais de 2025, e en Biscaia, desde 2022 até finais de 2025) para atallar a substitución masiva de coníferas por eucaliptos. Estas prohibicións sumáronse á xa existente desde 2017 en Portugal, vixente deica 2030, o que provocou que as papeleiras lusas estean a mercar e alugar plantacións de eucalipto en Galicia e Asturias, aumentando a presión nos territorios.
As organizacións asinantes piden tamén que o Plan Nacional de Restauración da Natureza de España inclúa proxectos de restauración de áreas afectadas por eucaliptos naturalizados dentro de espazos naturais protexidos.
A pesar das moratorias que expiraron en Galicia e Biscaia en 2025, o incumprimento e a persistencia das doenzas que afectan os piñeiros seguiron unha tendencia ascendente. Emporiso os ecoloxistas piden a ampliación e extensión das moratorias para paralizar o crecemento da superficie ocupada polo eucalipto no Estado, en tanto non se asegure o cumprimento dos obxectivos da planificación forestal, a diversificación das masas produtivas para toda a cadea de valor do sector e a salvagarda dos ecosistemas de alto valor e os espazos naturais protexidos. Esta declaración vén precedida por outra xa realizada en Galicia o pasado abril, onde organizacións sectoriais da madeira, as organizacións ecoloxistas, propietarios forestais e fundacións diversas asinaron unha declaración conxunta a favor da ampliación da moratoria do eucalipto, polo menos, até 2030.
Os ecoloxistas piden que se estableza, no seo do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (MITERD), un grupo de traballo multidisciplinar que aborde os efectos sobre a biodiversidade da expansión do eucalipto fóra das plantacións, en especial no interior dos espazos naturais protexidos, así como a avaliación dos custos económicos da súa erradicación en zonas de Rede Natura 2000. As organizacións asinantes piden tamén que o Plan Nacional de Restauración da Natureza de España inclúa proxectos de restauración de áreas afectadas por eucaliptos naturalizados dentro de espazos naturais protexidos, así como a redución progresiva das plantacións comerciais de eucalipto dentro da Rede Natura 2000.
De moratorias e eucaliptos
Xosé Veiras Garcia, membro do Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI).
Finalmente, a Xunta decidiu non prorrogar a moratoria de novas plantacións de eucaliptos que estivo en vigor desde 2021. Substituína por unha seudomoratoria até 2030 que torna aínda máis difícil o tímido obxectivo de reducir nun 5% no horizonte do ano 2040 a superficie cultivada con eucaliptos, que xa superou as 400.000 hectáreas, o 13% do territorio do país.
A “moratoria do eucalipto” foi un indubidábel avance, froito da contestación social a unha eucaliptización desmesurada, con efectos especialmente negativos sobre a biodiversidade. Tamén foi resultado da necesidade de protexer outras producións agrarias e forestais fronte á competencia pola terra. Aínda que algunha desas produción non sexa menos excesiva que a de madeira de eucalipto, e con efectos ambientais incluso peores, sen ben pouco percibidos socialmente e, en boa parte, exportados a outros territorios ou de ámbito global (crise climática). Falamos do “monocultivo do leite”.
Dous son os cambios que veñen de pór fin, de feito, á moratoria. A partir deste ano pódense establecer novos eucaliptais cando se substitúan eucaliptais existentes noutra parcela (até un 75% da superficie inicial, sen importar se pertencen a distintos propietarios), así como no caso de reemprazaren plantacións de piñeiro insigne (Pinus radiata) afectadas pola doenza fúnxica da “banda marrón” (cun límite do 50% da parcela e por unha quenda de corta). Esta nova “moratoria flexíbel” pode traducirse nalgúns miles de hectáreas máis de eucaliptos e no seu espallamento a terreos onde hoxe non están presentes.
Ademais da fin da moratoria, existen máis razóns para a desconfianza. Unha é a defensa teimuda do proxecto de celulosa de Altri, cuxa materialización xeraría máis “presión eucaliptizadora”.
As posibilidades de expansión dos eucaliptos a novas terras serán tanto maiores canto menor sexa o control real da aplicación da seudomoratoria. A capacidade da Xunta está en entredito. Non parece ter sido capaz de facer plenamente efectiva a sinxela moratoria, aínda que haberá que agardar até finais da década para dispormos dos datos sobre a evolución nos últimos anos da superficie cuberta por eucaliptos. Que acontecerá cunha “moratoria” máis complexa de aplicar?
Se realmente se pretende recortar a superficie de eucaliptais, a seudomoratoria faino máis complicado, pois haberá que compensar tamén os aumentos que induza. A deseucaliptización en espazos naturais protexidos podería ser unha vía para conseguilo. Disque se “fomentará” a eliminación dos eucaliptos da Rede Natura 2000 que sexan posteriores á regulación que os prohibe nestes espazos (por que non tamén os anteriores?). Mais, que se pode agardar dun goberno incapaz de reverter a eucaliptización incluso nun espazo tan reducido e con tanto interese natural como as Fragas do Eume, un dos nosos poucos Parques Naturais, declarado en 1997?
O termo moratoria é empregado a miúdo como un eufemismo para prohibición. Por exemplo, cando se demanda unha moratoria eólica, o que se pide na maioría dos casos é unha prohibición indefinida de novos parques eólicos, vistos tamén como “invasores” do territorio por quen semellan achar que o petróleo e o gas fósil que dominan o consumo enerxético galego xorden por arte de maxia nos nosos portos e non provocan cambio climático. O mesmo de cuxas consecuencias negativas falamos cada vez máis e que xa aumentou bastante a probabilidade de vagas de lumes devastadoras nos eucaliptais da Galicia suroccidental.
No pasado algunhas moratorias convertéronse en prohibicións, como a da caza de baleas ou a dos vertidos de residuos radiactivos no mar. O mesmo debería ter acontecido coa moratoria dos eucaliptos. Porque iso é o que se necesita se se quere conter e reducir a súa extensión. Mais hai que dubidar do compromiso real da Xunta.
Ademais da fin da moratoria, existen máis razóns para a desconfianza. Unha é a defensa teimuda do proxecto de celulosa de Altri, cuxa materialización xeraría máis “presión eucaliptizadora”. Outra é o excesivo papel atribuído ás absorcións de CO2 (debidas en boa medida aos eucaliptais) na planificación para o logro da neutralidade climática en 2040, en detrimento dunha transición ecolóxica rápida. Outra razón máis, relacionada con esta, é a aposta entusiasta pola creación dun mercado galego voluntario de carbono (non confundir co mercado europeo de emisións), un incentivo máis para as plantacións forestais de eucaliptos (e doutras especies) a través da venda de créditos de carbono para “compensar” emisións.
Da moratoria ao acordo: O eucalipto no seu sitio
Xacobo Feijoo Lamas, enxeñeiro de Montes
No debate sobre o monte galego están en xogo árbores pero tamén recursos para quen habita o rural e coida do monte. Por iso, antes de responder por inercia ante o termo “eucalipto”, convén deterse e analizar datos con serenidade e razón.
Empecemos porque se repite que o eucalipto campa sen regra, e acontece que é o xénero de especies máis regulado en Galicia desde antes da moratoria de 2021: non se permite en terras agrarias nin en masas de frondosas autóctonas, non se admite na Rede Natura e debe gardar as distancias regradas con vivendas e infraestruturas. A propia moratoria non foi un cambio de normativa, senón un freo á súa expansión en dous casos moi taxados: sobre solo forestal abandonado a matogueira, e sobre solo forestal con piñeiros, unha vez que estes se cortan para o seu aproveitamento.
Que motivou a moratoria? Pesou decisivamente a presión da cadea de valor do piñeiro, que interpretou o avance do eucalipto como a causa do declive das masas de Pinus. Agora ben, se atendemos aos datos, vemos un cadro non tan claro: nos últimos 12 anos o piñeiro perdeu unhas preocupantes 10.500 hectáreas anuais, e só unhas 3.400 ha se repoboaron con eucalipto. Dous terzos do retroceso do piñeiro non se explican, pois, por substitución de especie, senón por abandono e falta de xestión. A decisión partiu dun suposto erróneo.
A maiores, a partir especialmente de 2022, xurdiu un factor novo: a aparición dunha nova doenza forestal “as bandas marróns”, fungos moi virulentos que están a afectar gravemente os piñeirais de Pinus radiata, especialmente en Lugo e na Coruña. Sen variedades de radiata seleccionadas, e por tanto sen planta tolerante nin resistente, os propietarios forestais destas zonas vense acurralados e non poden plantar eucaliptos pola moratoria.
Por iso unha medida de flexibilización dunha moratoria de 5 anos máis a partir deste mes, cun alcance tan limitado como permitir aos propietarios afectados polas bandas marróns plantar un 50% da súa superficie enferma con eucaliptos, e o restante 50% con especies coníferas menos produtivas que o radiata, ou con frondosas autóctonas, non debería de alarmar a ninguén porque lonxe de restar espazo ás coníferas, vai restar moitas destas superficies dun seguro abandono.
Vaiamos á realidade forestal. As frondosas ocupan preto do 43% da superficie arborada, pero achegan apenas arredor do 3% da produción anual de madeira polo abandono e falta de rendibilidade e xestión destas especies. Piñeirais e eucaliptais, que case empatan en Galicia en presenza (aproximadamente 30% e 28% da superficie arborada), xeran xuntos uns dez millóns de toneladas anuais de madeira, máis da metade da produción española en apenas o 1,6% da superficie forestal do Estado. Hai aquí unha realidade produtiva que convén ter en conta despois de analizar se esta produción é compatible co risco de incendio, a sustentabilidade e a biodiversidade do territorio.
Comezando polo vínculo automático entre eucalipto e incendios. Os rexistros de tres décadas amosan algo moi diferente: só unha fracción menor do 12% da superficie queimada corresponde a eucaliptais; o problema maior -viuse nos incendios récord de Ourense, onde o eucalipto non ocupaba nin o 1% da superficie queimada- non está nas especies “boas ou malas”, está na continuidade do combustible que xera o abandono da agricultura e a gandaría, o desorde do territorio e o sotobosque sen manexo.
Tampouco resiste a comparación histórica a idea dun acurralamento do bosque autóctono: desde mediados do s. XX a súa superficie medrou un 500%, desde as 110.000 ha que reflicte o voo fotogramétrico de 1955, ata as 629.000 ha do inventario forestal continuo de Galicia de 2023.
Con rigor técnico, que unha especie gañe terreo por criterios socioeconómicos non a converte, sen máis, en invasora en sentido ecolóxico. O eucalipto, especie de luz, non se sucede a si mesma en sombra e, ao igual que nos casos do piñeiral abandonado, cede paso as árbores do sotobosque se non se xestiona. Isto tecnicamente descártao como invasor, e sitúao no seu lugar: unha peza máis do mosaico forestal, que como calquera especie esixe regras e coidados adaptados. E non perdamos de vista que os eucaliptos son o xénero que no monte galego máis CO₂ acumula, retirándoo da atmosfera e contribuíndo á loita contra o quecemento global.
Queda o plano económico, que se adoita despachar con caricaturas e displicencia, tanto máis canto máis lonxe se está do rural, e canto máis preto se está dunha posición económica folgada: a produción de madeira de eucalipto achega cada ano 200 millóns de euros a particulares e comunidades de montes. Non o tópico do “señor do puro e chapeu de copa”, senón milleiros de fogares rurais que completan ingresos grazas á corta.
E non digo que “hai que tolerar o eucalipto porque deixa cartos”; ao revés: se non podemos responsabilizalo dos incendios, nin cualificalo como especie invasora, nin acusalo de desprazar o bosque autóctono, entón é inxusto para o rural ignorar o seu papel económico cando está onde debe.
Galicia pode e debe ser produtora de madeira nunha Europa deficitaria. O eucalipto necesita normalizarse na súa percepción social.
Onde situalo? Onde din as normas: non en terras agrarias, non en ribeiras nin fontes ou espazos protexidos, non a menos de cincuenta metros das vivendas ou substituíndo frondosas caducifolias. E, dentro dos límites, cunha xestión esixente: descontinuidades de combustible, diversidade de idades e copas, prevención de pragas, planificación e cumprimento dos instrumentos de xestión forestal, certificación, e incentivos á boa práctica e sancións á irregular.
Un monte galego presenta un mix de especies razoable, onde o 43% de especies autóctonas garanten a biodiversidade do territorio con presenza de bosque autóctono como en poucas zonas da UE, aínda que precisan non obstante de xestión forestal para que non sexan un risco de incendio (como comprobamos tristemente este verán) e onde medidas de flexibilización da moratoria que só afectan a cambios entre as superficies de mato, ou entre piñeiros e eucaliptos con suma cero, non deben alarmar a ninguén, se as cousas se fan ben.
O decisivo para garantir o futuro da cadea do valor do piñeiro non é presionar á Xunta para que resolva prohibindo o que ten que ter solución técnica e económica: conseguir a través de I+D planta de conífera resistente a pragas, modelos selvícolas que protexan as coníferas dos problemas fitosanitarios, plans de xestión orientados a madeira de calidade que poidan remunerar os seus coidados ao propietario, e axudas europeas encamiñadas a financiar este novo marco que devolva a rendibilidade económica. Nisto é no que hai que traballar como sector nos próximos anos de moratoria, que ten que comprar tempo para resolver unha problemática, non un fin en si mesma, nin un comodín que sirva para evitar afrontar os problemas.
Galicia pode e debe ser produtora de madeira nunha Europa deficitaria. O eucalipto necesita normalizarse na súa percepción social. É unha especie forestal introducida que se adaptou moi ben ás condicións climáticas e de solo do país que lle dá unha vantaxe singular, que pode ser controlado nos seus riscos mediante unha regulación equilibrada. Demasiadas sombras se cernen sobre o rural para que engadamos máis por preguiza para pensar, ou por instalarnos por inercia mentais en paradigmas que non se corresponden coa realidade do que hai, do que somos e do que podemos chegar.





