Aínda que sigamos reos da pandemia -coa quinta onda cebándose entre a mocidade-, o ritmo da vacinación que a ciencia puxo ao noso alcance en tempo récord permite pensármonos o suficientemente protexidos como para sopesar o tempo da postpandemia. Para tomar posicións na desescalada afrontando, sempre nun marco de pensamento crítico, a realidade social, económica, cultural e propiamente sanitaria que nos deixa a crise, e tentar revertela no menor período de tempo posible. Co obxectivo de contribuir a ese debate, a revista TEMPOS NOVOS e o Concello de Outes convocaron esta xornada de reflexión no Náutico do Freixo.
texto e fotos Redacción TEMPOS NOVOS
A palestra inaugural das xornadas foille encomendada ao economista e xestor cultural Marcos Lorenzo, e levou por título “A cultura e o estado anímico da poboación galega”. Mostrou en primeiro lugar os datos de actividade do sector cultural en Galicia e o impacto nel das crises económica e pandémica, que contribuíron a agrandar as eivas estruturais do sistema cultural, como a atomización empresarial, a precariedade laboral dos axentes e a febleza e escasa formalización das políticas. Na segunda parte deu conta das estatísticas de satisfacción coa vida, escala de felicidade persoal, índice composto de calidade de vida global, taxa de suicidios e consumo de psicofármacos. Da análise comparativa por comunidades autónomas, puido deducir que Galicia presenta unha baixa satisfacción coa vida en termos relativos, ao tempo que se detecta un grave problema sanitario no que atinxe á saúde mental e ao volume de suicidios, combinado cunha deficiente dotación de profesionais e equipos especializados na sanidade pública.
As seis ponencias da Mesa social
Na mesa que se levou a cabo pola mañá tomaron parte seis grandes coñecedores do estado no que se atopan os sectores sociais máis directamente afectados pola pandemia, sinalando en cada caso o camiño a desbrozar para o tempo do postcovid.
Abordando a temática desde a perspectiva de xénero, a filósofa e activista Carme Adán abriu as exposicións con dúas interrogantes: a primeira, como resolver cuestión complexas nun marco global de pensamento neoliberal e aumento da intolerancia; a segunda, como modificar o sistema de produción desde unha perspectiva feminista. Ese marco comporta -dixo- un sistema de produción que neste momento choca de fronte cos intereses dun planeta habitable. Remarcou os datos que ligan ás mulleres co 70% das tarefas de coidados e co 84% dos servizos sociosanitarios, para subliñar tanto a importancia do colectivo no sector dos coidados como o grao de vulnerabilidade ao que se enfrentou durante a pandemia. E rematou planteando a necesidade de incorporar a ética do coidado e as propostas ecofeministas ao deseño dun novo marco conceptual: aquel que incorpore o valor do recoñecemento da vulnerabilidade e do coidado como unha acción política transformadora da situación actual.
“Galicia presenta unha baixa satisfacción coa vida en termos relativos, ao tempo que se detecta un grave problema sanitario no que atinxe á saúde mental e ao volume de suicidios, combinado cunha deficiente dotación de profesionais e equipos especializados na sanidade pública” (Marcos Lorenzo)
O pedagogo e profesor Miguel Vázquez Freire salientou varios efectos pandémicos inmediatos que tanto poden servir como advertencia para acometer cambios necesarios como reforzar inercias negativas xa existentes. Así, indicou, a substitución das clases presenciais por clases virtuais puxo en evidencia que nin os centros, nin o profesorado, nin o alumnado estaban preparados para as novas esixencias do ensino dixital. Déficits estes que agravaron as desigualdades que afectaban en especial ao alumnado procedente das clases sociais máis desfavorecidas. Por outra parte, a inicial redución obrigada, ata a case eliminación, das actividades paralelas e complementarias, e a adaptación como aulas de espazos esenciais como a biblioteca ou os laboratorios de ciencias nos centros de ensino secundario, reforzaron inercias derivadas dunha concepción do ensino reducida exclusivamente á asistencia a clase, e centrado nas disciplinas entendidas como competencia exclusiva do profesor ou profesora. Afrontar a etapa postpandémica debería ser, logo, unha oportunidade para solucionar estes e outros problemas que afectan ao noso actual sistema educativo.
Desplanificar ignorando o Plan de Saúde Mental existente, efectuar despois recortes sanitarios e sociais, negándose a recoñecer a importancia dos efectos que a crise financeira e eses recortes tiñan para a saúde mental da poboación, en particular nos máis empobrecidos, é o que segundo o psicólogo clínico e compoñente do Movemento Galego pola Saúde Mental, Miguel Anxo García, definiu o estado depresivo da sanidade pública nestes doce anos de goberno e maiorías absolutas do PP. Non foi ata as eleccións últimas que Feijóo dá a coñecer o seu plan de saúde mental, pero que prevé crear case a metade das dotacións (345 menos) xa recoñecidas como necesarias hai 24 anos nada menos. É, sostén o ponente, ese plan o que está en marcha en medio dunha crecente preocupación pola saúde mental da poboación como consecuencia da Covid-19. Nun contexto de necesidades urxentes derivados da propia pandemia e desas políticas neoliberais ás que se refiren informes como un recente do INE sobre condicións de vida, no que se dá conta de que un 25% da poboación galega se atopa en risco de pobreza ou exclusión social (cifras só comparables ñas de 2015).
Xosé María Dios, da Asociación Galega pola Defensa da Sanidade Pública, deu conta das causas polas que o goberno de Feijóo decidiu durante a pandemia pechar centros de saúde e pediatría para amortizar prazas: ter trasladado á sanidade pública as estratexias neoliberais na xestión empresarial dos centros sanitarios e na colaboración público-privada na construcción e xestión de novas infraestruturas, beneficiando ás multinacionais do sector ao tempo que recortaba recursos, o que daba nunha acusada precariedade dos servizos de saúde pública e de loita contra as pandemias. E subliñou en concreto o abandono das residencias de maiores, que chegaron a concentrar o 50% da mortalidade total pola Covid en Galicia. Rematou a súa intervención avogando por un novo modelo de Atención Primaria, reivindicando unha mesa de diálogo coa administración na que se elaboren as súas bases, tal e como demandaron os sindicatos e o Comité de Folga en abril de 2019.
Na situación dos coidados e nas políticas de dependencia, centrou precisamente a súa intervención o médico epidemiólogo, e membro do Movemento Galego en Defensa das Pensións e dos Servizos Públicos, Francisco L. Vázquez Vizoso, quen aludiu a modelo de coidados sociais impantado durante anos, caracterizado polo infrafinanciamento público e un sistema de atención á dependencia mercantilizado e precarizado, que a pandemia puxo ao descuberto. A elección de políticas austericidas fronte á crise económica recortou o gasto nas residencias públicas, incrementou o déficit de prazas, reduciu o papel de entidades sen ánimo de lucro, e externalizou servizos a grandes empresas, aseguradoras e fondos especulativos, que viron na atención ás persoas maiores un mercado rendible para facer negocio. Rematou demandando un modelo público de atención á dependencia, integral e de calidade, ben financiado, xestionado e integrado na atención sociosanitaria pública.
Pechou esta primeira mesa da xornada a traballadora social Silvia Sanjurjo, do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, que subliñou de entrada a agravación da situación socioeconómica dos colectivos máis vulnerables durante a pandemia, polo que entende que o obxetivo principal agora deberá ser o de evitar o aumento da fenda social e o grave impacto que esta crise está a ter nestas persoas. Nesta dirección, o Colexio de Traballo Social ten formulado as vías para conseguilo. Entre as principais. cambio no modelo de servizos sociais, abandonando o asistencialismo e tramitación burocrática, para poñer o foco na intervención social; aprobación dunha Lei Estatal de Servizos Sociais; aumento de financiación e reforzo de plantillas no sistema de servizos sociais; consolidación dun sistema de garantía de rendas, como punto de partida para loitar contra a pobreza, situado fóra do sistema de servizos sociais; implantación de programas de intervención que atendan as situacións de vulnerabilidade que xorden da pandemia e que fomenten a cohesión dentro da comunidade e a resiliencia.
A economía e as políticas públicas
Na programación de tarde abordáronse tanto a dimensión económica da crise sanitaria como as políticas públicas a desenvolver ao servizo dunha cidadanía proactiva.
O catedrático de Estrutura Económica Xosé Carlos Arias asegurou no transcurso da súa conferencia que a pandemia intensificou o carácter disruptivo dalgunhas tendencias previas moi profundas, que anuncian cambios significativos no vixente contrato social, polo que é preciso afrontar liñas de transformación, entre as que están dous dos seus eixos que conforman a xa famosa dobre transición cara á dixitalización extensiva e unha loita contra o cambio climático. E subliñou outras tendencias e procesos de cambio: as dúbidas crecentes sobre o futuro do que coñecemos como globalización contemporánea; a dinámica de aceleración crecente na actividade económica; a cada vez máis manifesta tendencia cara ó estancamento económico; e a presenza dun extenso malestar cidadán con notabeis efectos sobre a definición das políticas e a marcha das economías. Cada un destes procesos incide sobre o resto, nun contorno xeral de marcada incertidume. Están ademais enmarcados por un cambio nalgunhas das principais ideas sobre o funcionamento do sistema económico e a súa relación coas políticas públicas, sen que se teña consolidado un novo paradigma de pensamento. Rematou afirmando que o panorama político dos próximos anos estará condicionado en alto grado por estas realidades mutantes.
“A pandemia intensificou o carácter disruptivo dalgunhas tendencias previas moi profundas que anuncian cambios significativos no vixente contrato social, polo que é preciso afrontar liñas de transformación, entre as que están as que conforman a dobre transición cara á dixitalización extensiva e unha loita contra o cambio climático”.
Das políticas públicas ocupáronse precisamente os cinco ponentes da mesa política. Xaime Subiela, sociólogo e membro do gabinete da vicepresidenta segunda do goberno español, fixo fincapé nas políticas coas que o ministerio de Traballo tentou deter os efectos destrutivos da crise pandémica sobre as empresas e sobre os traballadores (ERES, salario mínimo…), poñendo asemade o acento na acción política pendente pero que asegurou estar poñendo en marcha, a reforma laboral.
Patricia Vilán, abogada e ex voceira parlamentaria do PSdG, concretou as iniciativas políticas máis urxentes: transformación das administración (máis transparentes, abertas, sen corrupción, modernas e democráticas); poñer no centro os servizos sociais da administración social coa finalidade de acadar a equidade na carteira de servizos en toda Galicia; xerar emprego como ferramenta básica contra a vulnerabilidade social en base a tres eixes: un plan de emprego feminino, un plan de emprego xuvenil, e un plan demográfico.
Manuel González López, alcalde de Outes e profesor de Económicas na USC, comezou dicindo que as políticas públicas de ámbito municipal deben axustarse á realidade territorial e socioeconómica á que se dirixen. No caso concreto dun concello rural da Galicia costeira, como é o caso de Outes, un dos principais retos a enfrontar é o de fixar e a ser posible atraer poboación nova, e se ben a tendencia estrutural é moi negativa, a crise da Covid-19 pode actuar -asegurou- como unha oportunidade. E concretou para iso as actuacións básicas a desenvolver: acometer políticas sociais para a conciliación dirixidas en particular aos estractos de poboación máis novos, e políticas de apoio ao desenvolvemento económico -a máis ambiciosa, e na que a consecución de obxectivos é máis complicada, requerindo dotarse de estruturas de apoio ao emprendemento e a empregabilidade. E deu conta do realizado ata agora nesa liña de políticas locais no seu concello, subliñando entre outras actuacións a extensión das redes de alta prestación a todo o territorio rural e, en segundo lugar, o impulso de espazos de coworking que sirvan para xerar sinerxias entre os profesionais.
Goretti Sanmartín, concelleira en Santiago do BNG e profesora da UDC, asegurou que se algunha aprendizaxe debemos quitar desta pandemia é a necesidade de reforzar os servizos públicos, e tamén que as solucións teñen que ser de proximidade, situando ás persoas no centro das políticas, os coidados, e non á economía. Ademais dese reforzamento, apunta liñas de actuación para afrontar este tempo de crise: desenvolver verdadeiras políticas de conciliación, apostar pola promoción da diversificación económica; pór en valor a sustentabilidade ecolóxica, o rural, o monte; e promover outro modelo de accesibilidade e mobilidade.
Pechou as intervencións Antonio Acevedo Prado, director xeral de Atención Integral Sociosanitaria da Xunta, quen destacou como a pandemia obrigou a dar un paso adiante para estreitar a coordinación entre os ámbitos social e comunitario, prestándolle especial atención ao que definiu como novo modelo de coidados, que deberá dar resposta ao que cada persoa maior precisa, con independencia de que viva nunha residencia ou na casa, na cidade ou no rural. Trataríase de centrarse na calidade de vida do maior antes de que chegue a cronicidade ou os primeiros síntomas de deterioro cognitivo, e para iso -dixo- cómpre superar o modelo reactivo para consolidar o proactivo. Reafirmouse asímesmo na necesidade de continuar achegándolles ás persoas maiores (un 25% da poboación) os servizos que demandan atendendo ás súas necesidades específicas. Porque, rematou, non só se trata de vivir máis, senón de vivir mellor e de aproveitar o desexo dos maiores de ter un envellecemento activo saludable.
A intervención do director xeral, que na súa textualidade expositiva foi valorada positivamente, provocou un debate final no que varios dos ponentes que fixeran pola mañá diagnósticos moi críticos a respecto da política sanitaria da Xunta nestes últimos 12 anos, e xa que logo moi escépticos a respecto do que o sistema pode dar de si para un tempo postpandémico, contrastaron ese discurso de intencións coa realidade. Tanto para o epidemiólogo Francisco V. Vizoso como para o portavoz da asociación en defensa da sanidade pública, Xosé María Dios, o historial das políticas coas que o goberno conservador veu enfrontando as crises económica e sanitaria amosa ir en dirección oposta a aqueloutras que poderían asegurar a prestación de servizos das que falou Antonio Acevedo na súa ponencia. Os procesos privatizadores tanto nas infraestruturas sanitarias como no sistema de coidados (coa práctica totalidade das residencias de maiores nas mans de empresas especulativas, cuxo nivel de seguridade se mide polo 50% dos mortos que a covid se cobrou en Galicia), un orzamento que está a moita distancia da media que sinalan como imprescindible os organismos internacionais, ou estado de depresión profesional derivado dos durísimos recortes de persoal e de servizos sociosanitarios durante as crises…
O debate segue aberto.