Domingo 1, Outubro 2023
HomeActivismo e SociedadeViolencia e maltrato infantil

Violencia e maltrato infantil

A crise agravou a situación

Xosé Manuel Suárez Sandomingo Texto

As últimas dúas décadas foron decisivas para o cambio que se produciu ao redor da consideración dos dereitos da infancia. A nivel internacional, isto veu marcado primeiramente pola aprobación da Convención dos dereitos do neno (1989), e despois pola Carta Europea dos Dereitos do Neno, establecida en 1992, e á que España tamén se adheriu. Neste panorama global, a situación española é tamén plural xa que, aínda que todas as comunidades autónomas cumpren folgadamente cos requisitos mínimos establecidos por ambas, manteñen entre si algunhas diferenzas. As causas derivan das súas distintas posibilidades económicas, da súa dotación de infraestruturas e programas de atención, do apoio que poidan recibir das súas universidades, da iniciativa social ou das outras administracións territoriais coas que poidan tecer unha rede que abra novas posibilidades estratéxicas para solucionar os problemas presentes e, mesmo, previr os futuros.

Todo o anterior está subordinado á lexislación que cada autonomía propuxo para crear a súa oferta protectora. E aquí as disparidades son evidentes. Por unha banda, están as comunidades que interpretan o ámbito dos dereitos dos menores de forma sucinta e cínguense ao dito polas normas internacionais, mentres que outras aprecian esta adhesión como insuficiente, abrindo os seus propios horizontes ao recoñecemento doutros dereitos. Neste punto estarían a maioría das comunidades españolas, e entre elas, a de Galicia. A este respecto, aínda cabería facer distincións entre as que contemplan os dereitos dos seus menores dunha forma especial, entre as que hai que sinalar a de Baleares, que lle dedica unha sección a cada un dos seus dereitos, A Rioxa e Navarra, que lle dedican un título completo, e Castela e León e Euskadi, que lle consagran 15 e 17 artigos, respectivamente, das súas leis.

E, por último, están as que tomaron como referencia os dereitos da infancia para, ao redor deles, presentar as medidas de protección e os órganos que comisionan para a súa execución e control. Este é o modelo seguido por Madrid e Cataluña. A primeira xa emitiu a súa lei de garantía dos dereitos da infancia en 1995, mentres que a segunda sancionouna fai tan só uns anos baixo o título de Lei de dereitos e oportunidades. Esta forma de actuar fai que os nenos españois dependan do lugar en que residan para que se lles recoñezan determinados dereitos.

 Incremento de nenos vítimas do maltrato intrafamiliar

Pero se todo isto é de por si importante, aínda o é máis o cambio conceptual que se produciu durante esas mesmas décadas respecto a que menores se dirixen aos servizos sociais españois e, por ende, galegos. Se antes da convención, os nenos atendidos eran os cualificados como menores en situación de desamparo, é dicir, os nenos e as nenas que sufrían carencias familiares nas súas condicións básicas de vida que lles impedían conseguir un desenvolvemento integral nos seus ámbitos persoal e social a causa do incumprimento, do imposible ou inadecuado exercicio dos deberes de protección por parte dos seus pais ou titores, eses parámetros foron redefinidos posteriormente, e así se seguen constatando na actualidade.

Atopámonos agora con que aos nosos servizos sociais acoden moitos outros menores por causas como o divorcio ou separación dos seus pais, utilizando para iso servizos públicos como os Gabinetes de Orientación Familiar. Igualmente, vemos que cando as relacións entre os pais divorciados son tensas, os seus fillos poden asistir aos Puntos de Encontro, onde se lles garante o seu dereito para relacionarse con ambos pais e/ou outros familiares, cando eles non conviven con algún deles pola aplicación de medidas de protección xudicial.

Observamos, ademais, un feito que é paradoxal: que o fogar, que debe representar o espazo primario de protección para os nenos, nenas e adolescentes, con frecuencia pode converterse nun lugar onde se vulneran os seus dereitos e onde se producen a maior parte dos malos tratos, (abuso sexual, violencia física, psicolóxica e por neglixencia ou abandono), o que leva a que tamén lles haxa que dar outro tipo de coberturas.

Aínda que existen moitos estudos sobre a violencia intrafamiliar infantil, aquí só daremos unha mínima pincelada para visibilizar en certa medida a transcendencia do seu alcance. No estudo da Fundación Anar “Doce anos de violencia a menores: malos tratos, abandono e abuso sexual desde 1994-2005”, elaborado a partir das chamadas realizadas en España ao seu teléfono de atención ao menor, detectouse que as zonas desde onde se realizaron máis chamadas relativas a casos de malos tratos foron nas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla. Con todo, non se detectou un aumento significativo no número de chamadas durante eses 12 anos, cuxa media se cuantificou nun 16%. En canto á tipoloxía, os menores sufrían malos tratos físicos (58,86%), abuso sexual (30,32%), malos tratos psicolóxicos (7,69%) e abandono (3,11%). O 64,3% eran mozas e os 35,7% mozos. Cabe destacar que no caso do abuso sexual a proporción de mulleres triplicaba a de homes.

Entre os factores máis relevantes que inflúen no maltrato intrafamiliar hai que sinalar: a falta de preparación educativa dos pais para atender as necesidades dos seus fillos en función dos seus momentos evolutivos, a falta de sintonía educativa entre os membros adultos da familia, o contraste de personalidades entre pais e fillos, e tamén non dispoñer ou non saber onde atopar os recursos axeitados para resolvelos.

Por este motivo, en Galicia creouse no ano 1994 o Teléfono do Menor ou da Infancia, onde un neno ou nena pode denunciar unha situación de malos tratos, ou requirir algunha resposta aos seus problemas cotiáns, e o dos Educadores Familiares, dirixido ás familias que necesitan reforzar as súas habilidades parentais, de modo que os nenos e mozos do núcleo familiar poidan desenvolverse de forma axeitada. E así poderiamos continuar formulando unha longa lista de novos programas e dispositivos asistenciais á infancia (acollemento familiar, programas de inserción sociolaboral, de atención ambulatoria, de integración familiar, etc.) que xa non encaixan dentro dos servizos sociais clásicos, que estaban dirixidos exclusivamente á atención aos menores en situación de desamparo.

Hoxe diriamos que os nosos servizos sociais de atención á infancia atenden a todos os menores do seu territorio en función das súas necesidades críticas, isto é, a aqueles nenos e mozos que se atopan cunha situación persoal de dificultade, axudándolles a superar os problemas que se lles presentan, e para os que non dispoñen nin de medios familiares nin sociais ao seu alcance cos que poder resolvelos.

Esta nova perspectiva provocou cambios substanciais no número de menores atendidos polos servizos sociais municipais e autonómicos. Uns números que tampouco poden ser valorados globalmente, pois as cifras ofrecidas nun ano determinado poden ter moito que ver coa posta en marcha dun novo programa, ou de se este está xa consolidado, pero tamén polo momento que estea a pasar a sociedade, como sucedeu na última década polos efectos da crise económica en España.

 Galicia: a crise económica empeorou a situación

Esta situación queda claramente reflectida nos datos achegados polas estatísticas dalgúns dos programas da administración autónoma galega. Así, se no ano 2009, a Comunidade Autónoma tiña ao seu cargo 1.850 menores en situación de tutela e 334 menores en situación de garda (2.184 menores), no 2014 nesas mesmas circunstancias administrativas atopábanse de 1.739 e 765 (2.504 menores), o que supón que a Administración asumiu a protección duns 320 menores máis, unha cantidade que se viu igualmente incrementada nos seus anos intermedios. De todos eses menores, a 1.206 tíñaos acollidos nese primeiro ano nos seus centros propios e colaboradores, mentres que eran 1.430 os que estaban nesa situación no segundo ano (224 menores máis). Con só estes datos, xa se pode advertir que a crise tivo unha incidencia notoria nas posibilidades de atención das familias galegas aos seus fillos.

Os datos recollidos respecto doutro programa, o do Teléfono da Infancia, aumenta os niveis de alerta. A cifra de chamadas que constatou a Xunta de Galicia para o ano 2010 é de 1.582, mentres que no 2014 se incrementaron ata as 3.936. No primeiro ano, houbo 169 chamadas con sospeita de malos tratos a menores, baixando lixeiramente ata 155 no segundo ano. A pesar de todo, obsérvase un incremento enorme da demanda por outros conceptos como asesoramento (de 324 a 887), chamadas por mor das dificultades na dinámica familiar (de 71 a 147) ou de información, en xeral, (de 443 a 1.153).

Outras cifras significativas para analizar son as derivadas de programas como Educadores Familiares ou Puntos de Encontro. O primeiro deles está financiado pola Administración autonómica e desenvolvido a través dos concellos, e o número de intervencións que se levaron a cabo con el durante o ano 2011 ascendeu ata os 15.479 nenos e nenas atendidos/as, subindo ata os 18.391 usuarios en 2014, o que supuxo un incremento de 2.912 menores (case o 19%). En relación ao programa de Puntos de Encontro, as cifras son igualmente reveladoras, pasando dos 410 menores atendidos por separación ou divorcio dos seus pais aos 1.253, cun incremento de máis do 300%.

Estes datos subliñan os esforzos realizados pola administración galega por liquidar os problemas que afectan aos nenos e mozos, pero tamén dan pé a interpretar que non se está acometendo coa suficiente eficacia a súa prevención. Moitas veces esta prevención non só hai que iniciala desde o ámbito educativo ou de intervención social cos menores, tamén habería que estendela á preparación das súas familias, e mesmo a ofrecerlle á sociedade espazos para a formación e a recreación, favorecendo a conformación de ámbitos sociais máis saudables e integradores.

Pódese dicir que o acoso escolar é un mal endémico que está presente en todas as escolas de todas as culturas e todos os tempos, amosándose difícil de erradicar. Porén, iso non quere dicir que os seus impactos non poidan rebaixarse tomando as medidas necesarias. O que moitas veces ocorre é que, por mor da incapacidade á hora de abordalo, é voluntariamente ignorado, ao tempo que outros o maximizan expoñéndoo como un gran problema, pero sen que contribúan a resolvelo. Só cando é abordado coas medidas necesarias e á vez as máis eficaces (mediación escolar, preparación dos pais nos roles parentais, etc.) o problema que representa o acoso acaba desaparecendo ou movéndose dentro duns límites de mínimos.

Do mesmo xeito que para calquera tipo de malos tratos infantís, tamén para o acoso escolar existen teléfonos de denuncia ou de urxencia, como o do teléfono do neno/menor, pero a diferenza co que sucede co teléfono da muller, que é moi utilizado para denunciar os casos grazas a que está moi publicitado, o do neno ou do menor non, en boa medida porque a súa publicitación está moi minguada. Velaí polo que non todos os casos de acoso escolar saen á luz.

Polo demais, tamén sería necesario preparar mellor e máis intensamente os profesores, para que poidan operar coa suficiente rapidez en canto se produza algún caso de acoso. É a maneira de conseguir que se leve a cabo unha interpretación inmediata dos casos reais e poidan poñer en marcha coa máxima axilidade posible os protocolos institucionalizados para tal fin. É así como se asegura que os pasos para dar son os correctos, e que a valoración sobre a dimensión real dos casos denunciados acabe sendo a máis acaída.

Como conclusión: a intervención respecto dos casos protagonizados por menores debe estar amparada por outras liñas de actuación que as simplemente finalistas, implicando nelas os outros axentes que se moven a prol da súa defensa e da súa asistencia. É como se cumprirá o que sempre se di de palabra: para educar a un neno cómpre a implicación de toda a sociedade.

__________________________

Xosé Manuel Suárez Sandomingo é pedagogo e técnico en servizos sociais.