Luns 5, Decembro 2022
HomeActivismo e SociedadeTURISMO MASIVO OU CALIDADE DE VIDA

TURISMO MASIVO OU CALIDADE DE VIDA

por Iago Lestegás Tizón

O turismo ten moitos aspectos positivos e todos queremos coñecer outros lugares, pero está lonxe de ser unha actividade inocua. Produce importantes impactos sociais, ambientais, económicos e culturais que medran a medida que o fai a concentración de visitantes nun espazo determinado. Fálase de sobreturismo cando o número de visitantes supera a capacidade de carga dun territorio poñendo en risco a súa propia sostibilidade como destino, como acontece en moitos espazos naturais —a praia das Catedrais é un caso paradigmático— e en aldeas, vilas e cidades de todo o mundo. Nos primeiros meses da pandemia sucedéronse as chamadas á reflexión sobre unha dependencia do turismo que nos fai excesivamente fráxiles e vulnerables. Porén, non se aproveitou a obrigada pausa para superarmos un modelo de turismo a granel que, ademais, altera gravemente o carácter daqueles lugares que reciben grandes fluxos de visitantes.

 Se na versión clásica deste fenómeno urbano uns residentes son substituídos por outros con máis recursos, na nova modalidade impulsada polo turismo masivo ―a turistificación o perfil dos desprazados é máis heteroxéneo e o seu lugar é ocupado por visitantes que só pasan unhas horas polo barrio. A comunidade desaparece por completo.

Moitos dos habitantes de cidades como Barcelona, Porto, Venecia ou Santiago de Compostela sofren dende hai tempo o impacto do sobreturismo na súa calidade de vida. A palabra xentrificación está cada vez máis presente no debate público e resoa nos discursos de movementos sociais, asociacións veciñais e algúns partidos políticos. Trátase da adaptación ao galego do termo inglés gentrification, que á súa vez deriva da palabra gentry, o nome que os británicos deron historicamente á súa clase acomodada terratenente sen título nobiliario. Ruth Glass ―socióloga e urbanista nada en Berlín que fuxira dos nazis xusto antes da súa chegada ao poder— cuñou o termo en Londres en 1964 para describir a expulsión de familias obreiras dos barrios de Notting Hill e Islington, onde vivendas populares e restaurantes enxebres se transformaban en residencias elegantes e cafés bohemios.

Na súa definición clásica, propia do ámbito anglosaxón, a xentrificación consiste esencialmente no desprazamento dos habitantes pobres de barrios céntricos por novos residentes de clase media que regresan dende zonas suburbanas, aburridos da súa monotonía e ávidos de densidade e contacto social. Tras décadas habitando edificios estragados e barrios estigmatizados, os moradores dos centros urbanos son expulsados xusto cando estes finalmente reciben atención por parte de administracións e investidores. Non obstante, nas últimas décadas a xentrificación tense replicado baixo múltiples e cambiantes formas en lugares de todo o mundo, impulsada pola mercantilización da cidade propia do neoliberalismo e adaptándose ás condicións sociais, económicas e políticas de cada contexto. Se na versión clásica deste fenómeno urbano uns residentes son substituídos por outros con máis recursos, na nova modalidade impulsada polo turismo masivo ―a turistificación o perfil dos desprazados é máis heteroxéneo e o seu lugar é ocupado por visitantes que só pasan unhas horas polo barrio. A comunidade desaparece por completo.

Como sostén David Harvey, a procura de autenticidade por parte do turista posmoderno fomenta a mercantilización de numerosos elementos da cultura e da identidade locais e, polo tanto, promove a súa simplificación, banalización e homoxeneización. As cidades turísticas convértense en obxectos de consumo e os centros históricos en espazos museificados e embalsamados, parques temáticos preparados para satisfacer todas as esixencias do visitante, custe o que custe. Como os supermercados desbotan a froita fea, as cidades eliminan ou ocultan os conflitos que poidan incomodar o visitante e danar a súa imaxe internacional. A última ditadura militar arxentina foi pioneira desta práctica: xusto antes da celebración en Buenos Aires do Mundial de Fútbol de 1978, desaloxou os asentamentos informais próximos ao estadio do River, e ergueu un muro para que os turistas estranxeiros non visen a Villa 15 —dende entón coñecida como Ciudad Oculta— no seu camiño cara ao aeroporto internacional de Ezeiza.

O sobreturismo que sofre o Sur de Europa altera gravemente a vida das comunidades locais. Nos lugares máis saturados, os veciños que non son expulsados pola escalada dos alugueiros foxen fartos da masificación, derrotados polo barullo e resignados ante a incomodidade que implica habitar un parque temático desprovisto de servizos básicos para os residentes.

“Vive como un local”, propón a propaganda turística, pero os locais xa non viven aí e a autenticidade prometida é cada vez máis difícil de atopar. Nos barrios históricos de moitas cidades sometidas ao sobreturismo, os visitantes dormen un par de noites nas casas que os creadores do imaxinario popular que os atraeu a ese lugar tiveron que abandonar por mor do aumento dos alugueiros, do acoso inmobiliario ou dunha longa lista de formas indirectas de expulsión: a desaparición do comercio de proximidade, o tránsito constante de descoñecidos nas zonas comúns dos edificios residenciais, a saturación e monopolización dos espazos públicos por grandes grupos de excursionistas, a multiplicación de comportamentos molestos ou intrusivos, etc. O sobreturismo que sofre o Sur de Europa altera gravemente a vida das comunidades locais. Nos lugares máis saturados, os veciños que non son expulsados pola escalada dos alugueiros foxen fartos da masificación, derrotados polo barullo e resignados ante a incomodidade que implica habitar un parque temático desprovisto de servizos básicos para os residentes.

Nos últimos anos, a forte expansión do mercado de alugueiro turístico —impulsada pola emerxencia de grandes plataformas dixitais— converteu o parque residencial de certos lugares en obxecto de disputa entre residentes e visitantes. Os espazos con máis atractivo global van sendo acaparados polo negocio do arrendamento temporal, que en poucos días proporciona aos propietarios dos pisos os mesmos ingresos que antes obtiñan nun mes no mercado convencional. Loxicamente, a transformación de vivendas en hoteis reduce a oferta de aloxamento permanente e alimenta a escalada dos prezos, convertendo certos lugares en territorio exclusivo para ricos e turistas. Aínda que Airbnb e outras plataformas se presenten como parte da economía colaborativa, operan como instrumentos de mercantilización da cidade e da vivenda, impulsando a hotelización do parque residencial e a expulsión das persoas que o habitaban. É un síntoma local dun problema global: o esmagamento do valor da vivenda como fogar polo seu valor como activo inmobiliario.

Compostela: o impacto turístico no antigo recinto intramuros

A capital galega é unha das moitas cidades do mundo onde o sobreturismo ameaza o benestar dos habitantes. O estudo As vivendas de uso turístico na cidade histórica, elaborado en 2017 polo Concello de Santiago de Compostela, sostén que a excesiva concentración de oferta de alugueiro turístico na Cidade Histórica[1] reduce a dispoñibilidade de vivendas para uso residencial, alimentando un incremento substancial dos valores inmobiliarios e promovendo a expulsión da poboación. Contribúe de xeito significativo a un proceso de despoboamento e baleirado socioeconómico deste ámbito urbano que tamén se ve favorecido por outras causas, como a ausencia de servizos e instalacións imprescindibles para a vida contemporánea. Como destaca este estudo, o impacto é especialmente notable no antigo recinto intramuros —coñecido habitualmente como améndoa ou zona vella—, que ten a metade da súa superficie construída habitable dedicada ao turismo e suma case tantas prazas de aloxamento turístico ―en calquera das súas modalidades― como residentes.

Segundo os datos achegados pola web AirDNA, no terceiro trimestre de 2019 —o último verán antes da chegada do COVID-19— había máis de 1.000 anuncios nas plataformas Airbnb e Vrbo en Santiago de Compostela. Logo saberemos se en 2022, superada a pandemia, o arrendamento turístico bate un novo récord na cidade. O 80% dos anuncios activos corresponden a vivendas que se alugan enteiras, o 62% están dispoñibles durante máis de tres meses ao ano e o 69% son pisos de dous ou menos dormitorios. O mercado do alugueiro temporal compostelán está, xa que logo, ben afastado da imaxe de economía colaborativa que proxectan empresas como Airbnb. Escaso peso teñen as propiedades utilizadas por visitantes mentres os seus residentes están de vacacións, e pouco ou nada representativa resulta a acollida de turistas na propia casa: só o 19% dos anuncios corresponden a cuartos individuais en pisos compartidos e esta categoría agocha moitos aloxamentos que se alugan por estancias. Ademais, rexístrase unha concentración moi significativa da oferta de pisos turísticos na Cidade Histórica, onde están prohibidos pola normativa urbanística.

No seu avance sobre cidades de todo o mundo, o mercado do arrendamento temporal produce inauditas confluencias entre asociacións de veciños, empresarios hoteleiros e administracións públicas arredor da necesidade de regular unha actividade que os afecta de xeitos diferentes. Os primeiros son expulsados das súas casas e dos seus barrios a medida que o turismo se apropia do parque residencial. Os segundos denuncian a competencia desleal dunha actividade que ofrece un servizo similar mais non está suxeita ás mesmas regulacións nin ten os mesmos custes. As terceiras ven como o desenvolvemento desta actividade tan lucrativa, ao producir unha enorme cantidade de ingresos sen declarar, reduce a recadación tributaria malia producir gastos importantes para as arcas públicas. De feito, o estudo do Concello compostelán conclúe que o negocio dos pisos turísticos ten un escaso ou nulo efecto multiplicador sobre o emprego e xera cuantiosos ingresos sen fiscalizar que se destinan fundamentalmente ao aforro e ao investimento especulativo.

Á sombra dos pisos turísticos agroma unha multitude de establecementos orientados ao visitante, que substitúen os comercios de proximidade necesarios para a vida cotiá da comunidade local. En maio de 2018, o peche definitivo do Dubrés —un dos poucos ultramarinos que quedaban na zona vella compostelá— deixou vacante o baixo do número 8 da rúa da Acibecharía. Uns meses despois, a aparición no seu lugar dunha nova tenda de souvenirs significou un paso máis na turistificación dunha zona onde xa predominaban as tendas de recordos ateigadas de postais, camisetas, gorras, bolsas, figuras, cuncas, chaveiros e outros artigos estandarizados similares aos que se atopan en calquera outra cidade turística do mundo. As tendas de souvenirs tamén se multiplican noutras rúas próximas á catedral, creando o paradoxo de seren os espazos de maior interese histórico, artístico e cultural os máis afectados pola banalización e homoxeneización da oferta comercial e os máis degradados pola sobreexposición de artigos repetitivos.

Na rúa de San Francisco, case todos os edificios situados fronte á facultade de Medicina albergan algunha actividade orientada ao turismo na planta baixa. As súas tendas permiten que os excursionistas se abastezan de souvenirs e tortas de Santiago no seu regreso aos coches e autocares, pero non resolve as necesidades cotiás dos residentes da zona. A rúa do Franco foi sempre o lugar dos bares e restaurantes, aínda que outrora estaba ateigada de universitarios que facían o París-Dakar e agora, como moitos outros espazos da cidade, está monopolizada polo turismo durante boa parte do ano. Malia manter a súa tradicional especialización hostaleira e os expositores das fachadas cheos de carnes, peixes e mariscos gorentosos, hoxe abundan os menús escritos en media ducia de idiomas e decorados con fotografías de pratos típicos ―un dos símbolos globais da turistificación― nunha rúa que suma xa unha vintena de tendas de souvenirs e tortas de Santiago.

A gourmetización é un síntoma habitual dos procesos de xentrificación e moitos mercados tradicionais doutras cidades experimentárona nos últimos anos: o da Ribeira en Lisboa, o de San Miguel en Madrid, o da Boquería en Barcelona… A Praza de Abastos compostelá parece estar aínda relativamente a salvo deste fenómeno global e segue a prestar un excelente servizo á comunidade local.

Máis arriba, nas rúas do Preguntoiro, Caldeiraría e Orfas sobreviven aínda moitos comercios que ofrecen todo tipo de artigos necesarios para a poboación local: farmacias, ópticas, mercerías, panadarías, zapatarías e tendas de xoguetes, roupa, maletas, tecidos, utensilios para a casa e moitas outras cousas para a vida cotiá. Non obstante, o comercio de alimentación deste importante eixo que conecta o norte e o sur da cidade a través da améndoa está cada vez máis virado cara ao delicatessen e afastado das necesidades diarias dos residentes. A gourmetización é un síntoma habitual dos procesos de xentrificación e moitos mercados tradicionais doutras cidades a experimentaron nos últimos anos: o da Ribeira en Lisboa, o de San Miguel en Madrid, o da Boqueria en Barcelona e un longo etcétera. A Praza de Abastos compostelá parece estar aínda relativamente a salvo deste fenómeno global e segue a prestar un excelente servizo á comunidade local, malia recibir fluxos xa excesivos de turistas durante unha tempada alta que cada ano se prolonga máis.

A alternativa: políticas públicas que prioricen a calidade de vida dos residentes

Nos centros históricos e noutros lugares de interese artístico e cultural que atraen moreas de visitantes, as medidas de conservación do patrimonio construído deben ir sempre acompañadas por estratexias ambiciosas e integradas en materia de vivenda e comercio que coiden a función residencial da cidade. Aínda que se manteñan os edificios, os barrios esmorecen se o seu tecido social desaparece varrido por un aluvión de turistas. “Quen me vai vir mercar se xa non vive ninguén aquí?”, díxome a propietaria dunha mercería da zona vella compostelá. Vivenda accesible e comercio de proximidade son soportes fundamentais da vida urbana que están seriamente ameazados polo turismo masivo.

Por isto, cómpre deseñar e aplicar políticas públicas que combinen a necesaria preservación física dos barrios coa igualmente imprescindible protección das comunidades que os habitan. Políticas, en definitiva, que velen polo dereito á cidade poñendo a calidade de vida dos residentes no centro da axenda.


[1]A Cidade Histórica é un ámbito continuo delimitado polo planeamento urbanístico municipal que abrangue o antigo recinto intramuros e mais os barrios históricos de San Pedro, Sar, San Lourenzo, Pelamios, San Roque e Santa Clara. Ten unha superficie de case 170 hectáreas e está suxeito ao Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica (PE-1) aprobado en marzo de 1997.

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]