O candidato do PP á Alcaldía de Ourense presentou o seu programa electoral “con ilusión por amosar o noso modelo de cidade”. O político salientou que o programa consta de dez grandes bloques no que se encadran 200 medidas “participativas, ambiciosas e, sobre todo, que poidan ser cumpridas. Queremos facer realidades”.
Con todo, a presentación das propostas conservadoras xerou polémica segundo recolle o dixital <a href="http://www.galiciaconfidencial.com/nova/23572-mozas-suxeitador-programa-pp-ourense">Galicia Confidencial</a>, membro da Asociación de Medios en Galego, por unha imaxe na sección de mocidade, en concreto na páxina 44, na que se aprecia unha fila de persoas, a maioría mulleres. Varias delas aparecen en sostén e vaqueiros. Hainas tamén en toalla e tacóns, ou con uniformes que parecen de animadora.
Inmediatamente chovéronlle as críticas ao PP de Ourense. “É a idea que o PP ten da diversidade e da xuventude?” preguntouse Laura Seara. Para a deputada do PSdeG a imaxe é “decadente” e “sexista”. Noela Blanco Rodríguez, secretaria provincial de Medio Ambiente dos socialistas en Ourense, denuncia que “elas en suxeitador e toalla, eles en vaqueros” e que a “a campaña dirixida á mocidade do PP de Ourense destila sexismo”.