Venres 22, Setembro 2023
HomeActivismo e SociedadePERSPECTIVAS POLÍTICO-CRIMINAIS NA REGULACIÓN DA EUTANASIA

PERSPECTIVAS POLÍTICO-CRIMINAIS NA REGULACIÓN DA EUTANASIA

 

por José Manuel Lorenzo Salgado

O caso Ramón Sampedro, e as actuacións xudiciais que o seguiron, situaron nun primeiro plano a necesidade dun sempre posposto debate en profundidade sobre a eutanasia. As liñas que seguen pretenden, por iso, ademais de facer referencia á regulación establecida neste ámbito polo Código Penal de 1995 (CP de 1995), dar conta dunha importante opción político-criminal, apoiada por un amplo sector da doutrina penal, que podería servir de base para dito debate.

Con anterioridade á vixencia do CP de 1995, o réxime penal da axuda ao suicidio e do chamado homicidio-suicidio era tan sumamente defectuoso (penas desproporcionadas e ausencia de diferenciación entre hipóteses de moi diferente natureza) que había xeral acordo na procedencia da súa modificación. Mentres, a literatura especializada viña considerando adecuadas á lex artis médica, e polo tanto impunes, de non mediar a oposición do afectado, tanto a eutanasia indirecta (mitigación dos graves sufrimentos do doente desafiuzado que, ao propio tempo, comporta un adianto do seu falecemento), como a pasiva (interrupción ou non iniciación dun tratamento que podería retrasar o momento da morte, pero sen proporcionar ao paciente, durante ese período, unha mínima autonomía das súas funcións vitais esenciais). E no que atinxe á eutanasia directa (cooperación ou provocación intencionada da morte, previa solicitude expresa de quen padece, así mesmo, graves carencias e sufrimentos, sen esperanzas tampouco de poder superalos para poder levar unha vida sen ausencia extrema de benestar), cabe pór de relevo que unha parte relevante da doutrina, con sólidos argumentos penais e constitucionais, propugnaba a aplicación dun estado de necesidade, entendendo así xustificada a conduta. Tal intelección da materia, así e todo, ao non chegar ningún caso deste tipo á xurisdición penal, non se puido confirmar ou desmentir na praxe.

O CP de 1995 contempla especificamente, por primeira vez na nosa historia lexislativa, a eutanasia. E faino no art. 143.4, a cuxo teor “O que causara ou cooperara activamente con actos necesarios e directos á morte doutro, pola petición expresa, seria e inequívoca deste, no caso de que sufrira unha enfermidade grave que conduciría necesariamente á súa morte ou que producira graves padecementos permanentes e difíciles de soportar, será castigado coa pena inferior nun ou dous graos ás sinaladas nos números 2 e 3 deste artigo” (penas de prisión rebaixadas que van dun ano e seis meses a seis anos menos un día, de causarse a morte; e de seis meses a dous anos menos un día, de prestarse unha axuda necesaria ou imprescindible para a morte de quen a solicita).

O precepto, a pesar de ser recibido con algunha loanza (pola referencia específica ao contexto eutanásico, por non punir a complicidade ou cooperación non necesaria, por confirmar a interpretación de que a eutanasia pasiva e a indirecta son atípicas –pois utiliza as palabras “activamente” e “directos”–, e pola considerable redución, en fin, das sancións, que permite aplicar nun bo número de supostos a suspensión da execución das penas privativas de liberdade que se poidan impoñer, ou a súa substitución), non responde, así e todo, a unha regulación cuxas consecuencias se poidan compartir.

A eutanasia no Código Penal

Efectivamente, unha interpretación do dereito á vida á luz do libre desenvolvemento da personalidade (emanado da dignidade da persoa), que a Constitución ampara, obriga, como sinala o Grupo de Estudos de Política Criminal (GEPCrim), a considerar que a vida imposta contra a vontade do seu titular (que está ademais nunha situación de sufrimento ou dor, grave e irreversible, insoportable xa para el), non pode merecer o cualificativo de ben xurídico, porque a vida é un dereito e non un deber. Por conseguinte, calquera ficticio predominio en todo caso da vida sobre a liberdade, en atención á maior intensidade da tutela penal daquela sobre esta ou apelando á prioridade biolóxico-natural, debe ser desbotado (un punto de vista semellante, a propósito do caso Sampedro, defende Elías Pérez, suxerindo un entendemento do dereito á vida non como irrenunciable, senón como discrecional).

Parece, así, obrigado partir de que non só é valiosa a vida, senón, igualmente, as condicións nas que esta se desenvolve, polo que non debe considerarse un valor absoluto que sempre teña que prevalecer sobre outros como a dignidade ou a liberdade. É máis, o principio do valor intrínseco da vida, que admite diversas formas de entendemento, pode servir, precisamente, en dicir dalgún especialista, para fundamentar en determinados casos, a eutanasia. Non debemos, pois, subtraernos a un indispensable debate que faga compatibles “santidade” e “calidade” da vida.

Esta intelección integradora de vida e liberdade non está subxacente, dende logo, no art. 143.4 CP, cuxo mandato normativo o que nos vén sinxelamente indicar é que, por máis que non lle poidamos paliar o seu estado, debémonos abster, baixo a ameaza de prisión, de prestar axuda a quen nolo pide encontrándose nas graves condicións que o precepto describe; ou o que é o mesmo, temos que permitir –esa é a orde– que a situación de padecemento do enfermo (que non é factible diminuír eficazmente) continúe.

O punto de vista favorable a unha regulación que non penalice a eutanasia directa, incardínase, en definitiva, en correntes onde a liberdade da vontade pasa a un primeiro plano en situacións nas que a vida debe ser renunciable polo seu titular, dadas as condicións adversas, irreversibles e extremadamente graves da súa saúde, correntes xa convertidas en Dereito positivo en países como Bélxica ou Holanda. Recordemos, polo demais, que en Alemaña ou Suíza, onde non existe regulación da eutanasia, a axuda ao suicidio, incluso a título de cooperación necesaria, é conduta atípica, polo que, por exemplo, a axuda prestada a Ramón Sampedro, ou incluso a calquera persoa libre dun estado insufrible, non xeraría no Dereito deses países responsabilidade criminal.

Así as cousas, a cuestión no debate sobre a eutanasia parece que podería centrarse, en grande medida, nos posibles abusos que unha regulación que eliminase a prohibición penal podería comportar (argumento, que en unión doutros, serviu na discusión parlamentaria de aprobación do CP de 1995 para defender o modelo finalmente adoptado por este), abusos, non obstante, que as experiencias de Holanda e Bélxica non parecen certamente confirmar (e que, en todo caso, merecen as máis graves sancións penais).

As dúbidas sobre ditos perigos perfílanse, así e todo, segundo diversos especialistas, como pedra de toque sobre a discusión político criminal presente e futura en torno á legalización da eutanasia directa, que deberá ser levada a cabo, previo o necesario debate social, no seo do parlamento, discusión –hai que engadir– na que teñen que ser sopesados non só os riscos aludidos (incluídos os derivados dunha lexislación prohibicionista), senón igualmente as medidas coas que estes deben ser conxurados. A este respecto, hai que partir da intelixencia de que sempre é preferible unha lexislación específica, cos controis adecuados, que a simple prohibición, que pouco pode facer fronte aos abusos que en materia tan sensible puideran producirse.

Precisamente, en atención a tales circunstancias, o GEPCrim avogou no seu momento por unha regulación que garantira ao máximo a liberdade na toma de decisión do enfermo: “a especial importancia da vida, a irreversibilidade das consecuencias da decisión, a eventual implicación de terceiros e a vulnerabilidade dos procesos de toma de decisión en determinadas situacións e etapas vitais fan necesario adoptar cantas medidas sexan posibles en orde a garantir a plena liberdade da vontade”. Dito GEPCrim ten publicado, dende hai tempo, unha Proposta alternativa ao tratamento xurídico das condutas de terceiros relativa á dispoñibilidade da propia vida (con setenta e sete asinantes entre Profesores de Dereito penal, Xuíces e Fiscais), que no meu criterio, conserva plena vixencia e pode ser un aceptable punto de partida para revitalizar o debate en profundidade que merece o tema da eutanasia, que non debe ser posposto sine die.

A proposta concrétase no seguinte texto: “Non será punible a produción da morte doutro por parte dun médico ou de calquera persoa baixo a súa dirección, se media solicitude expresa, libre e seria dunha persoa maior de dezaoito anos que teña capacidade natural de xuízo, sempre que esta padeza graves sufrimentos non evitables nin notoriamente susceptibles de atenuación doutro modo e que deriven dunha afección incurable que a conduciría proximamente á morte ou que, sendo permanente, a incapacita de maneira xeneralizada para valerse por si mesma” (unha opinión minoritaria dentro do Grupo defendía a extensión da impunidade a suxeitos alleos á profesión médica). Ao respecto, e entre outras contribucións relevantes, sería de interese ter en conta, igualmente, as do Grupo de Opinión do Observatori de Bioètica i Dret, que postula unha regulamentación acorde cos principios aquí defendidos e, dende logo, as da Asociación Dereito a Morrer Dignamente, froito da súa infatigable loita a prol da dignidade e liberdade persoais.


José Manuel Lorenzo Salgado é Catedrático de Dereito Penal da Universidade de Santiago