PANDEMIA: ERROS, CULPAS E UCIs NA 3ª ONDA

por Albino Prada

O día 13 de xaneiro deste 2021, a Xunta de Galicia e o seu comité técnico decidiron recoñecer que no mes de nadal miraran para outro lado coa pandemia. É o que ten contentar a milleiros de votantes irresponsable en troulas e paparotas. Recoñécese que a incidencia da pandemia nos sitúa nunha terceira onda de percorrido descoñecido (ese mesmo día por riba dos trescentos por cen mil habitantes nos derradeiros catorce días, xa moi lonxe do chamado nivel de risco máximo, e no nivel de Alemaña). País este que xa leva dende novembro con colexios, comercio e locais non esenciais pechados; e só permitindo o contacto cunha persoa allea ao núcleo familiar.

Aquí dáse un golpe de efecto confinando (perimetralmente, que non en cada casa) todos os concellos e pechando os bares a media tarde. Tiritas para unha hemorraxia. Dígoo pola experiencia no meu propio concello, que leva todas as festas con esas medidas e segue por riba do nivel de risco máximo.

Unha hemorraxia que a día de hoxe mantén case a nove mil infectados activos, o que está a provocar un colapso da asistencia primaria galega. Porei como exemplo que mentres en condicións normais era posible ter unha consulta presencial co médico de cabeceira en dous ou tres días, onte día 12 solicitei unha consulta (telefónica, non hai outra) no SERGAS e téñoa fixada para o día 2 de febreiro. Máis de medio mes de demora … sendo así que as urxencias hospitalarias pagarán o pato de toda esta modélica xestión.

Malia que, de momento, a porcentaxe de camas ocupadas por enfermos covid-19 no semella elevado (6 % fronte a unha media do 14 % en España ou do 28 % en Valencia) ten moito interese pedagóxico avaliar a situación actual das UCI en Galicia.  Dos 483 hospitalizados 73 estaban nas UCI, o que supón case o 9 % das prazas dispoñibles.

Por certo, o feito de que apenas o 5 % dos infectados activos estean hospitalizados tamén debe ser todo un éxito de xestión, pois o 95% restante, oito mil infectados, andan polas súas casas a saber con que medidas de precaución, rastreo e seguimento. Temos oito mil infectados presuntamente confinados. E así nos vai. De novo con colapso da atención primaria.

Despois dese “éxito” e desa peneira, só quince de cada cen hospitalizados precisan estar nunha UCI. Vexamos como se distribúen entre hospitais públicos e privados de Galicia:

Fonte: elaboración propia con datos consultados o día 13 de xaneiro

 

Ben se observa que a carga de traballo derivada da Covid-19 é moi asimétrica, posto que o noventa por cento dos hospitalizados e en UCI están en centros públicos. Ten isto importancia porque no primeiro estado de alarma se obrigara a dispor das UCIs e recursos hospitalarios privados para evitar o colapso da rede pública con casos Covid-19. E non semella que esa proporción sexa a axustada a esa finalidade. Demasiada folgura nuns casos, e demasiada presión noutros.

Porque das case nove mil camas hospitalarias existentes en Galicia (ver aquí) pódese estimar que seis mil cincocentas están na rede pública (ver aquí), o que supón o setenta por cento. A rede hospitalaria pública conta co setenta por cento das camas, pero recibe ao noventa por cento dos enfermos Covid-19.

Unha distribución que non pode considerarse equilibrada se se quere que todos os recursos sanitarios contribúan a evitar esta desfeita en función da súa presencia no país, e non en función do peto de cada quen.


Albino Prada é investigador de ECOBAS e forma parte do Consello Científico de Attac España