por Belén Puñal
Agora que a enerxía eólica terrestre semella estar chegando ao seu teito, escúlcanse no mar horizontes de futuro. No Estado, segundo estiman os expertos, os primeiros muíños poderían estar funcionando dentro duns catro ou cinco anos. Porén, en Galicia, o desenvolvemento desta fórmula enerxética enxérgase cheo de dúbidas. Contamos cun bo recurso eólico mais a plataforma continental é demasiado estreita e, a escasos metros da costa, a profundidade faise xa excesiva para a súa instalación. De instalárense parques off shore, terían que facerse preto da liña costeira, co consecuente impacto paisaxístico -serían visibles dende terra- e as posibles interferencias co sector pesqueiro, o que dende logo os faría inconcibibles nas propias rías. No seu momento, tanto o Parlamento galego como o bipartito fixeron saber do seu rexeitamento e a Vicepresidencia mesmo fixo chegar ao Tribunal Constitucional un recurso contra o decreto ministerial que regula a enerxía eólica mariña. Argüía vulneración das competencias da Administración galega, que se cinguen porén ás franxas de mar que queda dentro da liña imaxinaria que une a parte máis extrema dos cabos galegos e ás instalacións que non pasen dos 50 megawatts de potencia. Máis aló é competencia de Madrid.
Só dúas zonas –fronte ás costas da Mariña oriental e na Guarda- se marcan como ambientalmente aptas en Galicia no borrador do Estudo Estratéxico elaborado e presentado hai uns meses polo Ministerio de Industria. Porén, tendo en conta só as características técnicas, outras zonas tamén poderían ser aptas, segundo sinala o profesor na Escola de Enxeñería Industrial, Camilo Carrillo, en base aos datos dun estudo no que participou. Naquelas áreas eólicas do Estado nas que se presentaron solicitudes para a explotación do recurso iniciáronse xa os estudos de caracterización, é dicir, a petición de informes a todas as administracións e institucións afectadas sobre as posíbeis afeccións que puidera ter o futuro parque. En Galicia, iniciáronse estudos de caracterización en dúas áreas eólicas, na costa de Lugo mais tamén en parte da da Coruña. Da localización exacta dos proxectos dentro desas áreas, de momento nada se sabe. O dato cadra coas declaracións realizadas no verán pola Secretaria Xeral de Cambio Climático, Teresa Ribera, nas que indicaba que en Galicia estaban localizados parte dos 30 proxectos que estaban a estudar.
“A tecnoloxía aínda non compensa este tipo de instalacións, polo menos en Galicia”, sinala Iván Nogueiras, director de Proxecto de Norvento Enerxía. Na súa empresa, a día de hoxe teñen descartado participar na reserva de zonas mariñas. “Os muíños non se poden poñer en zonas nas que interfiran coa actividade marisqueira ou teñan moito impacto visual, co cal haberá que seguir investigando en cimentacións para profundidades maiores”, engade Nogueiras. Ás dúas zonas consideradas aptas no país Iván Nogueiras non lles ve grandes posibilidades. Son demasiado pequenas, e os elevados custos de infraestrutura de evacuación da electricidade non compensan para instalacións de escaso tamaño.
E como vai de avanzada a tecnoloxía? Tal e como explica o profesor da Universidade de Vigo, Camilo Carrillo, na actualidade estanse a construír xa muíños de até 50 metros de profundidade –tal é o caso do Beatricewind, a 25 quilómetros da costa escocesa. Ademais, aínda que a potencia estándar dos muíños mariños está en 2 megawatts, xa existen aparellos que acadan os 4 ou mesmo os 5 megawatts e é probábel que a curto prazo se chegue a potencias maiores, segundo sinala. Porén, os custos de instalación e mantemento de tal tipo de infraestruturas no mar é moi elevado, instalación e mantemento que en Galicia sería máis difícil aínda pola frecuencia dos temporais.
Ademais, non existe de momento no eido estatal unha planificación adecuada da evacuación e conexión á rede da enerxía eólica mariña. “Non se tivo en conta a eólica mariña para planificar as infraestruturas eléctricas de evacuación co horizonte de 2016. Instalacións de mediano tamaño si se poderán conectar pero vai permitir a penetración de eólica mariña a gran escala.”, sinala Nogueiras. Semella que o desembarco a gran escala da enerxía eólica mariña no Estado terá que esperar. E, en Galicia, onde o mar é fonte de riqueza por moitos outros motivos, o seu desenvolvemento ha ser sopesado polo miúdo.