Domingo 1, Outubro 2023
HomeActivismo e SociedadeOs outros Messi do deporte

Os outros Messi do deporte

Estamos afeitos a que o fútbol, dende o seu trono de ‘deporte rei’, acapare a meirande parte dos titulares, minutos e páxinas que os medios de comunicación adican diariamente á información deportiva. As aventuras e desventuras do Depor e o Celta na súa loita por retornar á primeira división semellan ser a cara visible dun deporte galego que enche as súas vitrinas con trofeos que se erguen lonxe do foco mediático.

Trátase de persoas ou clubs que levan a cabo grandes méritos nas súas disciplinas e só atopan recompensa na súa propia satisfacción persoal. Asumen a falta de axudas e a rutina de adestrar en instalacións moitas veces deficientes só por facer o que lles gusta. O recoñecemento da sociedade saben que queda para outros.

[quote style=”boxed” float=”left”] As aventuras e desventuras do Dépor e o Celta semellan ser a cara visible dun deporte galego que enche as súas vitrinas con trofeos que se erguen lonxe do foco mediático [/quote]

Atopamos un exemplo na patinaxe, onde cada vez é máis frecuente ver subir ó podio a representantes de clubs galegos en campionatos nacionais e mesmo internacionais. Este é o caso do club de patinaxe Alquimia, en Carral, que con tan só seis anos competindo xa son asiduos aos torneos estatais e veñen de lograr un sexto posto no campionato de Europa na modalidade de show. Este feito, sitúa ao club galego no ‘top ten’ europeo nesta especialidade na que se mestura deporte e teatro e se valoran tanto as coreografías e a sincronización como o vestiario e maquillaxe.

Malia todo, os elevados custos no material e en viaxes unido á escaseza de axudas públicas fai que o Patinaxe Alquimia non poida nin chegar a vivir da súa actividade. “Como deportista é imposible vivir disto, e como adestrador tes que traballar en moitos sitios para gañar un soldo decente”, sinala Marta López, unha das adestradoras do club. Por este motivo, López demanda non só apoio económico para os deportes minoritarios senón tamén un necesario “apoio moral” para que a sociedade tome conciencia de que “isto é máis ca un hobby, é un deporte”. Deste xeito, a adestradora reivindica que eles tamén teñen un calendario que cumprir e unhas competicións nas que participar, “igual que acontece no fútbol ou no baloncesto”.

Outra das pedras no camiño para a práctica da patinaxe en Galicia é a escaseza de pavillóns con pistas habilitadas para a práctica deste deporte. Os máis de 130 patinadores de tódalas idades do club Brincadeira, en Mos, só poden empregar os polideportivos dos institutos Monte das Moas e Monelos, posto que son os únicos cun chan apto para o desenvolvemento desta actividade.

Este ano foi o primeiro que o club Brincadeira recibiu axudas públicas por parte da Federación Galega de Patinaxe e o concello. Non obstante, denuncian que son eles os que teñen que correr cos custos de desprazamento e aluguer das pistas. “Non hai beneficio, non é algo rendible”, aseguran con resignación os responsables do club.

Máis difícil aínda é a situación das seccións femininas de deportes que son considerados minoritarios, como é o hóckey sobre patíns. Este é o caso do Hóckey Club Raxoi que con xa máis de 10 anos ás súas costas vén de lograr a pasada tempada a Copa e a Liga autonómicas na categoría sénior feminina.

A pesares dos títulos acadados, Francisco Javier Losada, adestrador de H.C. Raxoi, denuncia a “falta de tradición e interese” nesta modalidade. Con isto, recrimina a pouca promoción dende a Federación Galega de Patinaxe, xa que considera que é a que debería actuar para que tódolos clubs de hóckey formasen “cando menos, un equipo feminino”. Con todo, apunta que a demanda desta actividade entre as rapazas galegas aumenta cada ano, mentres que as escolas prefiren optar por apoiar outro tipo de deportes en detrimento do hóckey.

Lucía Tomé, unha das xogadoras do club Raxoi, vai e ven dende A Coruña a Santiago tódolos os martes, mércores e venres para adestrar, ao tempo que compaxina esta actividade cos seus estudos. “Fai a ESO na estrada”, explica a súa nai. Malia todo, a dificultade de sacar o curso xunto coa de adestrar cinco horas tres días á semana non se ve recompensada con ningún tipo de recoñecemento máis alá do persoal. “Este ano fixemos o doblete, pero eu creo que aínda que tivéramos perdido todo, eu estaría feliz só por ter aprendido a xogar ao hóckey”, admite.

Tras gañar o título autonómico, o H.C. Raxoi feminino podería formar parte do máximo campionato de hóckey a nivel nacional. Non obstante, Francisco Javier Losada asume que “é algo impensable, non podemos sufragar a nosa participación nesta competición”, e aclara que o orzamento anual do Raxoi “non é nada en comparación co custo desta liga”. Por este motivo, Losada acepta a posición do hóckey como deporte minoritario e mira con certa envexa a situación que se vive en Cataluña. “Alí existe unha verdadeira promoción deste deporte, nese sentido nós nunca poderíamos gañarlles”, lamenta.