Mércores 30, Novembro 2022
HomeActivismo e SociedadeO valor dos servizos dos ecosistemas

O valor dos servizos dos ecosistemas

por Carmela García González

É interesante por iso analizar con detalle os servizos dos ecosistemas en xogo considerando todas as dimensións: tanto a descrición do seu papel esencial para o noso benestar como o cálculo do seu valor de mercado. Estimar o seu valor pode axudar ás institucións e aos cidadáns na toma de decisións que afectan aos cambios no medio natural, permite internalizar os custos do que facemos, reflectir o que se perde, aspectos que, en xeral, son unha externalidade non avaliada no sistema.

As contribucións dos servizos dos ecosistemas e os danos da súa perda son inmensos e están distribuídos fatalmente de maneira desigual no tempo, no espazo e entre os diferentes segmentos da sociedade. Urxe afrontar a cuestión dos Servizos dos Ecosistemas. O reloxo corre en contra de todos nos.

En 1997, R. Costanza, nun artigo de gran impacto publicado en Nature, estimaba o valor económico de 17 SE na biosfera en 33.000 billóns $; o PIB mundial do momento era de 18.000 billóns $. En 2014, publicou unha actualización ao alza dos cálculos anteriores e estimou, ademais, as perdas de SE debidas ás accións humanas: 4.300–20200 billóns $/ano. Nas últimas décadas estas estimacións non deixaron de medrar. A UE estimou en 2019 o valor só dos SE dos seus bosques en 234 billóns de euros. Máis tamén hai críticas a este enfoque, e non exentas de interese, que advirten do risco de “monetarizar a natureza”, xa que nunha sociedade na que todo se compra e se vende, poñerlle prezo aos SE pode levar á súa privatización e á especulación duns poucos cos bens que nos pertencen a todos.

Sen quitarlle ferro a estas críticas, defendemos aquí usar ese valor para poñer a natureza no taboleiro das decisións económicas, non para mercantilizala, senón, moi ao contrario, para ter en conta o que perdemos economicamente cando a destruímos.

Os SE de aprovisionamento -alimentos, auga, madeira, combustible, fibras,  medicamentos…- teñen xa un prezo no mercado. Pola contra, resultan menos visibles, e de avaliación máis complexa, os servizos de regulación, derivados das funcións dos ecosistemas, que nos ofrecen un apoio vital esencial: regulan o clima e mitigan o cambio climático, melloran a calidade do aire, defenden fronte a inundacións, protexen fronte aos temporais, mitigan secas e fenómenos extremos, reducen a erosión do chan, recargan acuíferos e manteñen o equilibrio hídrico, depuran a auga, estabilizan a costa, reciclan nutrientes, reteñen sedimentos, reducen avalanchas e esvaramentos, manteñen a biodiversidade, controlan biolóxicamente as pragas, polinizan… Son estas contribucións decisivas as que debemos avaliar con rigor: que se perde cando os ecosistemas ceden o seu sitio ás nosas infraestruturas? A mesma dificultade de cálculo poden ter os SE inmateriais: lecer, educación, valor espiritual e identidade…

Pero hai distintas metodoloxías para estimar estas achegas: establecendo o custo da súa reposición cando os perdemos; o polo custo da reparación dos danos que ocasiona a perda. A protección contra os riscos hidroxeolóxicos, tales como a erosión do chan ou esvaramentos de terra,  pode estimarse polo custo que ten substituír con obras de enxeñería as achegas perdidas, ou estimar o valor da protección ao contabilizar os danos que causan inundacións, avalanchas e outros desastres que acontecen cando se deforestan as ladeiras. Outro sistema é a transferencia de beneficios doutros estudos  noutras zonas; e finalmente, por estudos de elección de preferencias dos cidadáns, que definen o que están dispostos a pagar pola conservación dos ecosistemas. En Galicia, un 85% das persoas mostraron a súa preferencia por aumentar a Rede Natura 2000 e a súa disposición a pagar 122 €/ano por incrementar os bosques caducifolios.

Aparte da madeira, canto vale un bosque?

Por ese vieiro, cabe preguntarse canto vale un bosque. E un bosque non só é madeira. O bosque é esencial na regulación do clima, no equilibrio hídrico dunha zona e amortece os danos causados por desastres naturais: reducen o risco de inundación cando hai choivas torrenciais porque absorben como esponxas a auga e a reteñen no solo; reducen o risco de esvaramento de ladeira, retendo o chan e evitando cuantiosos danos. Ademais, dá soporte á biodiversidade e recicla os nutrientes  do solo, o que é importante para a agricultura.

Os bosques son sumidoiros de CO2: para producir 1 m3 de madeira, a árbore absorbe unha tonelada de CO2 da atmosfera na fotosíntese. O almacenamento de CO2 dos bosques tropicais ten un valor estimado de 2.300 a 3.700$/ha/ano. Ademais, o bosque amazónico emite uns 8.000 millóns/t/ano de vapor de auga á atmosfera e con iso modula o clima. A deforestación e o fume dos incendios forestais impide a formación de nubes e con iso diminúen as precipitacións na zona. Por outra banda, a substitución dos bosques por terras agrícolas e gandeiras aumenta a enerxía que os chans reflicten e as precipitacións diminúen. Estímase que a deforestación na India provocou un cambio nos monzóns e unha diminución das choivas dun 30%.

Os bosques tamén purifican a auga. Funcionan como eficientes depuradoras, filtran substancias contaminantes, reteñen nutrientes do chan e regulan o ciclo da auga, recargando os acuíferos. Tres cuartos das augas doces accesibles para o noso consumo proveñen das concas hidrolóxicas.  Cómpre engadir que tamén os humidais e bosques de ribeira son fundamentais na regulación hídrica, aparte do seu valor como fonte de biodiversidade e de interese para a pesca e o marisqueo: almacenan auga e depúrana de contaminantes que quedan atrapados nos lodos. Na UE calcúlase que o 50% do valor de todos os SE corresponde á regulación do ciclo hídrico. Aínda así, desde 1990 desapareceron o 64% deles e, en consecuencia, as súas achegas.

Os incendios forestais e a tala da vexetación arbórea favorece a perda de solo arrastrado pola escorrenta durante as intensas choivas e provoca o desastre nas zonas afectadas. As perdas en servizos ecosistémicos debidas aos incendios forestais en Galicia no 2006 estimáronse inicialmente en máis de 300 millóns de euros.

Por outra banda, os bosques reducen a erosión e protexen fronte a fenómenos extremos. Ben sabemos que os incendios forestais e a tala da vexetación arbórea favorece a perda de solo arrastrado pola escorrenta durante as intensas choivas e provoca o desastre nas zonas afectadas. As perdas en SE debidas aos incendios forestais en Galicia no 2006 estimáronse inicialmente en máis de 300 millóns de euros.

Outros SE: a polinización agrícola e as dunas costeiras

A  polinización é un SE gratuíto que ofrecen os insectos aos agricultores. Pero o declive dos  polinizadores está a ocasionar un problema e pon en perigo a produción agrícola mundial anual de moitos froitos e sementes. Este SE valórase en 153.000 millóns de euros a nivel mundial, 22.000 millóns de euros na agricultura europea e máis de 2.400 millóns de euros para a española, xa que aumenta a produtividade e calidade dos cultivos entre un 30% e un 50%.

En moitas zonas, como en California, onde hai cada vez menos polinizadores silvestres, faise necesaria a contratación por parte dos agricultores de empresas que ofrecen o servizo de colmeas de abellas móbiles que se desprazan polo territorio. Para asegurar a colleita de améndoas de California (o 80% da produción mundial) son necesarias unhas 2.500.000 colmeas, cuxo alugueiro se paga uns 172 €/colmea, e o prezo irá a máis. Os estudos para transferir datos son interesantes: a produción de café en Costa Rica increméntase nun 20% e aumenta a súa calidade se hai bosque tropical a 1 km que achega polinizadores, comparado cos cafeais máis distantes da selva, que renden menos. Compensa  deforestar e perder polinizadores que traballan gratis nos cultivos da contorna?

As dunas costeiras son ecosistemas únicos de transición entre ambientes continentais e mariños e moi vulnerables fronte ás actividades humanas. Moitos destes sistemas foron substituídos por aparcadoiros, paseos, vivendas e outras infraestruturas, e os seus servizos estanse a perder. As dunas son parte dun sistema en equilibrio dinámico que inclúe a praia e as areas mergulladas e que absorbe a enerxía do mar e do vento, especialmente durante os temporais e furacáns, protexendo os terreos adxacentes do rigor destes fenómenos extremos.

As dunas costeiras son ecosistemas únicos de transición entre ambientes continentais e mariños e moi vulnerables fronte ás actividades humanas. Moitos destes sistemas foron substituídos por aparcadoiros, paseos, vivendas e outras infraestruturas, e os seus servizos estanse a perder.

O papel das dunas no mantemento da praia é esencial: actúan como unha reserva de area para repoñer a que a praia perde pola erosión das ondas. Durante as grandes mareas excepcionais, o mar toma a area almacenada na duna polo efecto do vento e repón a que perdeu a praia. As nosas actividades interrompen este equilibrio. O resultado é a perda da praia e a exposición do territorio tras a praia a estes fenómenos extremos. A desaparición e alteración progresiva das dunas costeiras implica unha perda destes servizos, que só poden ser recuperados, polo menos en parte, mediante custosos programas de restauración de praias e construción de defensas fronte ás inundacións. Este é un valor para ter en conta antes de reconverter as dunas en aparcadoiros, paseos ou urbanizar o seu chan.

Alterar os equilibrios de erosión sedimentación na liña de costa ten custos económicos cuantiosos. Cómpre insistir finalmente no papel das dunas e frechas de area na mitigación dos efectos do cambio climático. A subida do nivel do mar, a maior frecuencia dos temporais e da súa severidade aumentará a exposición das zonas urbanizadas que xa non dispoñen da protección dos ecosistemas destruídos previamente. Temos que ter en conta que hai entre 100 millóns e 300 millóns de persoas que viven en zonas  costeiras de risco de inundación. A perda dos ecosistemas costeiros incrementaría entre un 9% e 90% as perdas económicas por inundación (dependendo da zona) e entre un 28% – 80% de persoas afectadas cada ano (IPBES, 2019). A UE cifra o custo da inacción e, polo tanto, da degradación dos SE, nunha perda do 7% do PIB mundial por ano para o 2050.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]