Domingo 1, Outubro 2023
HomeActivismo e SociedadeO FEMINISMO EN ESTADO DE ALERTA

O FEMINISMO EN ESTADO DE ALERTA

por María Xosé Porteiro

As citas de autoridade non deixan lugar ao escepticismo. Con menos vimbios se teñen construído absurdas teorías conspiranoicas mais, nesta ocasión, podemos estar ante un feito a ter en consideración: a pandemia do feminicidio non fai senón avanzar e a violencia machista acentúase até límites –insospeitados só quince ou vinte anos atrás–, en todas as súas formas nas relacións persoais, sentenzas xudiciais, violencia sexual extrema desde a máis tenra infancia ou o tráfico e escravitude de mulleres para a industria sexual. Para corroboralo, velaí o auxe do negacionismo da discriminación e da inxustiza de xénero, prevalente nas sociedades de calquera lugar do mundo.

Un auténtico exército ataca por terra, mar e aire as mulleres que loitan por acelerar un cambio social imprescindible e civilizatorio que cuestiona, tamén, os alicerces do neoliberalismo, rampante e deshumanizado. O obxectivo sería desarmar e derrotar o feminismo.

Un auténtico exército ataca por terra, mar e aire as mulleres que loitan por acelerar un cambio social imprescindible e civilizatorio que cuestiona, tamén, os alicerces do neoliberalismo, rampante e deshumanizado. O obxectivo sería desarmar e derrotar o feminismo, para o que contan con moitos recursos, unha total falla de escrúpulos, e présa. Moita présa.

O sociólogo Michael Kimmel sinalou outro fenómeno interesante: a reacción contra as vindicacións feministas dos homes brancos cabreados.  Os Angry White Men, en USA, “vulnerables e asustados” ante un novo escenario no que perden terreo fronte a mulleres que reclaman cotas equitativas de poder e esixen novas regras de xogo, porque “todo o que aprenderon sobre como ser un home, está en cuestión (…) á aristocracia gústalle a meritocracia e iso é o que acontece cos homes, que sempre estiveron na supremacía sen que ninguén llelo disputase”. Votasen en masa a Trump, a Bolsonaro, a ultradereita en Hungría, ou se sintan representados por Le Pen en Francia e Vox en España.

Kimmel pregúntase se hai motivo para sentirse ameazados e o politólogo Andrés Ortega ofrece unha resposta: “A frustración dos homes converteuse nun fenómeno común nas sociedades occidentais. Ven como se expande a educación mixta. Elas obteñen mellores notas e mellores resultados nas oposicións, arrasan en Medicina ou nas carreiras xudiciais (…) Produciuse un gran cambio cultural e o choque agora non é de civilizacións, senón de xéneros. A muller quere un lugar similar e hai unha parte dos homes que se senten ameazados”.

Non por casualidade, Vox pide a derrogación da lexislación contra a violencia de xénero, avalada polo TC, e posta en marcha ante unha realidade de preto de mil vítimas desde o 2003, ou cuestiona o aborto libre, a paridade ou as subvencións para colectivos feministas.

Non por casualidade, Vox pide a derrogación da lexislación contra a violencia de xénero, avalada polo Tribunal Constitucional e posta en marcha ante unha realidade de preto de mil vítimas desde que hai rexistros (2003); ou cuestiona o aborto libre, a paridade ou as subvencións para colectivos feministas aos que acusa de “amiguismo” nas institucións gobernadas pola esquerda.

Unha variante sobre o mesmo tema aparece dous séculos despois dos primeiros movementos sufraxistas, cando, sen cuestionar o dereito ao voto nin ao traballo das mulleres, ponse en dúbida que aínda haxa que combater a discriminación. “Detrás de os  Angry White  Men ou de  Vox non hai, necesariamente, homes que digan que as mulleres son inferiores, senón que cuestionen que sexa certo que manteñan máis privilexios ou que aínda sexa necesario loitar pola paridade”, explica a politóloga da Universidade Autónoma de Barcelona e editora, Berta Barbet. “En España -di-, a brecha salarial é dun 16% e a porcentaxe de mulleres en cargos directivos, dun 27%. Non vale converter o feminismo en chibo expiatorio. Isto non é unha guerra de sexos, é unha cuestión de xustiza”.

O estado da cuestión en Galicia

Galicia non está allea a este xiro que se comeza a identificar e denunciar con alarma por moitos sectores do feminismo ante a contaminación das organizacións por grupos destinados a rompelas. É un intento de desmontar unha unidade de acción –sorprendentemente intuitiva e unánime– que produciu protestas masivas en sociedades diversas e conseguiu mobilizar millóns de mulleres en todo o planeta para se rebelaren contra o machismo e a misoxinia. Hai un antes e un despois das mobilizacións de 2017 –logo da vitoria de Trump nos EUA– e de 2018, cando o 8 de marzo alertou sobre o poderío e capacidade de resposta do 52% da poboación mundial.

Galicia non está allea a este xiro que se comeza a identificar e denunciar con alarma por moitos sectores do feminismo ante a contaminación das organizacións por grupos destinados a rompelas, nun intento de desmontar unha unidade de acción contra o machismo e a misoxinia.

Sen optimismos infantís, pois que xa se sabe que non todas as mulleres loitan na mesma dirección, só no noso país considéranse feministas o 60%. Boa e mala noticia, abofé, porque iso advirte da falla de normativización e condicións sobre o que é ser feminista e contra que hai que loitar, mais é un cambio relevante.

Ábrese un tempo de incógnitas e desde Tempos Novos queremos pulsar a opinión de mulleres que traballan e participan no feminismo desde ámbitos como a pedagoxía, a xustiza, a política, a socioloxía, o sindicalismo, a cultura ou a ciencia, sobre o momento actual en Galicia. A xuíza de violencia de xénero, Paz Filgueira, describe as dificultades que se atopan na cerna do labor xurisdicional para a violencia de xénero e o dereito de familia: ” (…) o eixo central é a falta de independencia socioeconómica das mulleres coas súas crianzas, sen que se consigan os materiais necesarios nin o xeito de afrontar os niveis da elevada conflitividade de cada día. A violencia sobre a muller impide que poidamos, exercer con plena autonomía os nosos dereitos civís e políticos, truncando o acceso aos recursos necesarios para participar activamente nunha sociedade democrática.”

A presidenta da Federación de mulleres rurais, Rosa Arcos, reclama atención para o rural, onde “as mulleres soportamos a actual estrutura social atendendo as explotacións familiares, coidando das persoas maiores e menores e suplindo a ausencia de servizos públicos. Quedamos fóra da acción política, da axenda social e económica das vilas e aldeas, relegadas ao espazo “familiar-doméstico-privado” do que non damos saído. O rural é un espazo masculino e masculinizado e cando se fala de solucións a problemas como o envellecemento, a falta de relevo xeracional e actividade económica, o declive demográfico, a ordenación do territorio, a conservación do ambiente ou a loita contra o cambio climático, seguen a facerse apostas nas que as mulleres non somos protagonistas, agás naquelas relativas á nosa función reprodutora e coidadora”. Rosa Cobo, catedrática de socioloxía e recoñecida investigadora feminista denuncia “moitos límites nas universidades galegas para as mulleres docentes ou administrativas, con postos menos cualificados e con menor salario, contratos con menos dereitos e escaso apoio para os estudos feministas, e ausencia de respostas contra o acoso sexual que padecen alumnas ou profesoras por parte de profesores.

Á artista plástica e escritora, Luz Darriba, preocúpalle a situación das galegas no sector cultural e artístico, “un dos máis magoados pola «crise» pois ninguén precisa –de xeito vital– da arte nin da cultura, agás as e os creadores ou xeradores de cultura, ás veces simpático adorno que pode chegar a irritar e molestar. Cando o mercado se achica, sempre perdemos máis nós. Na arte contemporánea e nas escolas de arte do país, as mulleres somos maioría en todas as disciplinas, mais os nomes masculinos asolagan calquera posibilidade de equidade. Nas feiras internacionais, nas galerías de arte, nas grandes mostras, na recepción de premios e axudas, o masculino manda. Vai un exemplo: a Rede Museística de Lugo –que vén facendo un traballo importante de visibilización da obra das artistas dende hai anos– segue a manter a obra de máis de sesenta mulleres, entre as que me inclúo, nos almacéns, fóra de circuíto, mentres as pezas dos colegas homes das mesmas xeracións están na mostra permanente. Vén confirmarse que unha boa xestión, realizada neste caso por unha muller, Encarna Lago, non abonda, porque se precisa a firmeza de quen estea por riba para autorizar que esta inxustiza remate de vez. Pensarmos nunha política cultural consensuada e con visión de xénero, sería o comezo do cambio“.

Laura Seara, avogada, advirte dun perigo importante: “o feminismo, se quere ser transformador, debe detectar as trampas que nos poñen dende o patriarcado, e a reacción ante elas é tarefa nosa. Moito coidado con negar a categoría ”mulleres”. Non podemos desdebuxarnos e diluírnos noutros debates como os da identidade sexual.” Para a científica Ana Jesús López, “nas universidades e centros de investigación existe unha forte segregación vertical, aínda que desde os anos oitenta somos máis do 50% do alumnado e con mellor rendemento académico. Porén, na carreira docente e/ou investigadora a nosa presenza diminúe até o 20% de catedráticas, proporción que se reduce notablemente nas enxeñarías. O preocupante desequilibrio aumenta cada ano: as mulleres elixen máis as carreiras de artes e humanidades, ciencias sociais e xurídicas ou ciencias da saúde, e moito menos as de “ciencias duras” como física, matemáticas ou enxeñerías ou nas coñecidas como STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas, polas súas siglas en inglés). É preocupante porque a competencia na tecnoloxía e na ciencia é imprescindible xa agora mesmo, e un futuro con caída de vocacións femininas supón unha gran perda de talento. Ademais, o nivel salarial e a inserción laboral nestas áreas é alto e os postos de liderado van tamén da man da tecnoloxía; daquela, se as mozas non se integran, a desigualdade de xénero se acrecentará”

Retos para unha nova axenda feminista

Rosa Cobo teima na preocupación pola violencia machista: “é inaprazable frear as diversas formas de violencia que soportan as mulleres e que tanta rabia xeran, como evidencian as mobilizacións sociais. Son fundamentais políticas públicas con recursos suficientes e cunha perspectiva feminista para reducir esta enfermidade da nosa cultura. Tamén urxe resolver os traballos das mulleres no doméstico e nos coidados no fogar, que deben atenderse mediante servizos sociais públicos e gratuítos. E hai que corresponsabilizar os homes cos fogares. O traballo gratuíto das mulleres mantén a sociedade actual e o Estado, dificulta a nosa inserción laboral, participación política e social, formación cultural e cualificación profesional. Tamén somos maioría no traballo somerxido, a tempo parcial, con salarios de pobreza –inferiores e descualificados–, e nas empresas o teito de cristal impide o acceso ao poder.”

Sete mulleres representativas de diversos sectores sociais en Galicia converxen coas súas propostas no que unha delas formulou: “non podemos centrar o 8M en causas individuais, porque deste xeito se contribúe á despolitización á que aspira o neoliberalismo. Somos suxeito político”.

Rosa Arcos esixe un “acceso á formación; un mercado de traballo igualitario e de calidade –tamén no rural– cun traballo valorizado; rematar coa fenda salarial; a conciliación e rachar os teitos de cristal”. Anima á loita contra todas as violencias: física, sexual, económica, social, institucional…, “moito máis no rural, onde está máis “normalizada” dado o rol que se nos asigna. E, por suposto, abolir a prostitución e prohibir os ventres de alugueiro, xa que son o máximo expoñente da violencia contra as mulleres”.

Ana Jesús López reclama “unión e firmeza contra a cousificación e mercantilización do noso corpo, problema global con novas manifestacións como cos ventres de alugueiro. Tamén queremos a corresponsabilidade dos coidados e deixar de falar de conciliación –que pode chegar a ser moi perverso. Hai que integrar a perspectiva de xénero en todos os ámbitos: no ensino, na xustiza, na economía, na medicina, na investigación, no urbanismo, nas relacións laborais…”

Para Paz Filgueira, é imprescindible “ir máis alá das reivindicacións iniciáticas do feminismo e traballar por unha economía de xénero, latente en Galiza, onde aínda temos as cargas dos coidados; pola seguridade alimenticia da familia e pola soberanía alimentaria do pobo, necesaria para o noso crecemento económico; sen esquecer o tema da maternidade como capacidade creadora e inalienable como valor central da muller. Hai que seguir loitando a prol da plena autoridade e decisión sobre o propio corpo como premisa imprescindible para unha verdadeira autonomía.”

Chis Oliveira, reclama “cidades seguras para as mulleres, e todas as persoas diversas, nos transportes, festas, rúas, a calquera hora do día e da noite, en contornos de vida humanizados, onde todas as persoas, especialmente as vulnerables, poidan vivir tranquilamente”. Luz Darriba chama ao “entendemento interxeneracional no movemento feminista; loitarmos contra as infiltradas do patriarcado e superar debates que nos fraccionan, como o da prostitución e o alugueiro de ventres. Outro reto pendente –e crucial– é enfrontar a onda fascista que nos invade para dividirnos, desmembrarnos, decimarnos. Debemos ser abertas, globais, sororas e estar moi, moi, alerta para reorganizarnos cantas veces faga falla”.

Laura Seara, considera urxente “completar a axenda inconclusa da paridade, acadada razoablemente na representación política pero non nas esferas sociais e económicas. O 8M de 2018 xa estivo gremializado, con manifestos específicos de mulleres xornalistas, deportistas, científicas, académicas, editoras, xuristas. E temos que alertar e combater os inmensos riscos do neoliberalismo que penetra na axenda feminista baixo un manto de progresismo, cando en realidade apoian un novo xeito de opresión das mulleres a través de explotación sexual e reprodutiva, ameazando a nosa dignidade e dereitos tratándonos como escravas sexuais e criadas reprodutivas. E temos que entrar de cheo no debate económico, porque é unha das tarefas pendentes do feminismo.”

Despois do 8 de marzo

Chis Oliveira confía no éxito da convocatoria de folga e das manifestacións “pois sairemos á rúa a reclamar nin un paso atrás nas conquistas do feminismo. As forzas políticas decataranse da importancia da nosa voz nos seus proxectos, porque sen feminismo non hai democracia. Paz Filgueira pensa que “neste ano verase o poder do noso voto pola coincidencia co debate electoral polas eleccións xerais do 28 de abril e as municipais do 26 de maio. Estamos nun intre importante porque xa non se poderá adicar un minuto e medio escaso aos contidos de xénero, so pena de penalización nas urnas”. Rosa Cobo confirma que “o feminismo ten unha gran lexitimidade política e enorme capacidade de mobilización social, pero este 8 de marzo, mentres reclamamos o fin da violencia contra as mulleres, teremos preto á extrema dereita e neofascistas con pinta de bos pais e bos veciños, cun discurso que nega a existencia da violencia e procura ocultar a desigualdade. Son xente con sede de poder e a complicidade de sectores sociais masculinos que son un perigo para as mulleres. Quizá non tardando moito teñamos que saír á rúa para reclamar o fin dun discurso e dunhas prácticas que negan a existencia da mesma desigualdade”.

Ana Jesús López quere “deixar claro a partidos políticos e axentes sociais que as mulleres non imos permitir retrocesos nos dereitos, e que queda moito por avanzar en medidas concretas e valentes para a igualdade efectiva. O día despois non nos podemos durmir, temos que seguir unidas, vixiantes e reivindicando o que nos corresponde”. Rosa Arcos está segura de que “a revolta feminista continuará porque estamos asistindo a unha involución na que algúns partidos converten os nosos dereitos en loita ideolóxica. Temos que defendernos, organizarnos e asumir que non será doado seguir avanzando; mais debemos seguir loitando.” Luz Darriba confía en evidenciar que “somos un movemento diverso, aberto, transversal e global que veu para se quedar e conversar con todos os sectores, entendérmonos e crear alianzas sólidas para sustentar a loita que temos por diante. A simbiose patriarcado-capitalismo non o poñerá fácil. Veñen épocas difíciles e tócanos defender á humanidade toda. Coa clase política en tea de xuízo, o sindicalismo cuestionado, as ONG en capela, as mulleres do mundo somos o único colectivo capaz de enfrontar as grandes bestas que asoman polos gobernos misóxinos en todo o planeta.”

E, para rematar, Laura Seara propón unha idea que resume moitas das preocupacións expostas até o de agora: “non podemos centrar o 8M en causas individuais, porque deste xeito se contribúe á despolitización á que aspira o neoliberalismo. Somos suxeito político”.