Xoves 30, Xuño 2022
HomeActivismo e Sociedade DEBATE: O PAPEL DA UNIVERSIDADE

[Monográfico O PAÍS POSIBLE] DEBATE: O PAPEL DA UNIVERSIDADE

Muscular o corpo social e produtivo de Galicia

Na arquitectura dese país posible que tentamos definir a partir do potencial que agocha Galicia nos sectores que, segundo os expertos, son máis decisivos para resistir e competir como país e como comunidade no convulsionado mundo do século XXI, non podemos se non contar coa Universidade. Ela é o forxa de ideas, de investigación e pensamento crítico sen a que dificilmente eses sectores poderían ter capacidade para adaptarse aos cambios e transformacións que a gran velocidade removen modelos e prioridades de sociedades que, como a galega, asentou durante moitos anos sobre estruturas moi tradicionais. Que universidade precisamos para non desperdiciar o que pode dar de si esa forxa, musculando o corpo social e produtivo do país, e coproducinco ao tempo identidade e riqueza? Velaí o obxectivo do debate organizado por TEMPOS NOVOS. 

Participan:
Alba Nogueira López, catedrática de Dereito Administrativo na USC
Senén Barro Ameneiro, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial e ex reitor da USC
Pilar Bermejo Barrera, catedrática de Química Analítica na USC
Xosé Luís Armesto Barreiro, catedrático de Química e Física na UDC e ex reitor da mesma universidade.

Coordina e modera Paulo Carlos López
Profesor de Comunicación Política

Fotografía Fernando de Paz

 

Paulo Carlos López

Paulo Carlos López: O que pretendemos con este debate, para o que convocamos a catro representantes do mundo universitario, é analizar o papel que lle corresponde desenvolver á universidade galega nos vindeiros anos, coa vista posta en 2050. A primeira proposta a plantear ten a ver co financiamento, a ligazón co tecido produtivo e a propia natureza da universidade pública fronte a unha universidade privada en Galicia, e a identidade entre as tres universidades.

Alba Nogueira

Alba Nogueira: A miña primeira reflexión é que nos atopamos nun tempo de cambios e as universidades non están adaptadas. A perda acusada e prolongada de alumnado pola mudanza demográfica obríganos a repensar a que se vai dedicar nos próximos anos a Universidade. Mesmo desde o Ministerio chegan debates como un posible recorte a tres anos dos plans de estudo, un cambio cualitativo. Dende o punto de vista da investigación, vivimos un punto de inflexión. A Xunta optou por non contar cun centro de investigación propio como teñen Madrid, Euskadi ou Cataluña, e quere integrala dentro da Universidade. Comezan a regularse as figuras de investigación e vai ter impacto nos cadros de persoal. Un terceiro cambio é a aceleración da presenza telemática derivada da COVID e a análise dos beneficios e prexuízos disto. E, por último, a entrada dunha universidade privada en Galicia cambia o panorama. Senén e mais eu somos membros do Consello Universitario de Galicia. Á último sesión asistiu xa a nova universidade de Abanca. Estaba alí sentada aprobando os orzamentos das universidades públicas. Que pasará o día que haxa tres universidades privadas representadas? Como cambiarán as regras de xogo cando participen da toma de decisións do noso sistema universitario e do futuro das universidades públicas? É unha reflexión que á Xunta non lle interese facer, pero resulta relevante.

Senén Barro

Senén Barro: Eu coincido con Alba e penso que non se fixo esa reflexión. Na Conferencia de Reitores de Universidades (CRUE) sempre se tivo a gala integrar en pé de igualdade universidades públicas e privadas. Isto foi un xeito de “ensinar a obrar” á universidade privada dentro do sistema universitario español. O problema é que isto pode acabar na aperta do oso. Non estamos moi lonxe de que España teña tantas universidades privadas como públicas, e cando se chega a esta situación, as universidades privadas, que comparten intereses de seu distintos dos das públicas, poden acabar impondo perversamente as regras. Crear unha nova universidade pública ou privada ten que responder á pertinencia da creación deste centro, a que cubra aspectos non cubertos anteriormente. Non é o caso, se vemos os catro graos ofertados. Por outra banda, nós temos unha universidade galega que apostou sobre todo por unha ampla cobertura, de acceso case universal, cunha boa calidade media. Pero creo que hoxe necesitamos outra cousa: mellorar as universidades, modificar a gobernanza para ter maior criterio de decisión fronte a corporativismos ou mecanismos de presión que poden afogar o avance dinámico das universidades. Necesitamos unha investigación cientificamente máis relevante, e máis relevante tamén dende o punto de vista do impacto social e económico.

“Non estamos moi lonxe de que España teña tantas universidades privadas como públicas, e cando se chega a esta situación, as universidades privadas, que comparten intereses de seu distintos dos das públicas, poden acabar impondo perversamente as regras”.[Senén Barro]

Paulo Carlos López: Refíreste a sectorializar cada universidade especialidade, reforzando unhas liñas sobre outras?

Senén Barro: Falaremos diso seguro. Eu creo que é un problema que todas as universidades galegas sexan moi parecidas entre elas. Creo que sería mellor ser menos competitivas entre nós e máis complementarias, permitindo un investimento estratéxico de recursos.

Pilar Bermejo

Pilar Bermejo: Comparto practicamente todo o que dixeron Alba e Senén. A universidade galega avanzou moito, pero debe estar sempre en continua evolución. A miña visión é máis pesimista. En primeiro lugar, eu penso que é transcendental a perda de alumnos. Di a Xunta que no 2030 vai haber 15.000 universitarios. Eu penso que serán menos. O 2021 foi o ano cun rexistro máis baixo de nacementos dende que hai rexistros. Non imos ter alumnos. A nosa capacidade de captación de España e internacional é a que é. A longo prazo temos un problema moi grande. Pero a curto prazo temos outro moi grande tamén: a falta de autonomía universitaria para que cada universidade ofreza os títulos que considere. A Xunta pon moitas trabas. Como podes tardar catro anos en lanzar un título moi novidoso? O mercado vai máis rápido. Teñamos tamén en conta a idade media do profesorado. A universidade avanzou, pero non podemos ser autocompracentes. O financiamento, como saben os reitores, é escaso. Damos prácticas instrumentais con equipos de hai 30 anos. E, en relación á investigación, perdemos posicións. Hai informes académicos que din que Portugal pasa por riba de nós. Non pechemos os ollos á realidade e aos problemas. Non podemos agardar anos por títulos como o de Intelixencia Artificial, como sabe Senén, porque outras universidades nos pisarán. Sexamos máis prácticos.

Xosé Luís Armesto

Xosé Luís Armesto: A min o que máis me preocupa é a mercantilización da universidade e a perda do valor de servizo público. O dereito á educación é universal. Comparto que o principal problema é o subfinanciamento. Apenas cubre o  persoal. No último Plan de Financiamento hai unha cláusula que prohibe superalo. Pérdese así autonomía. Tamén contribúe a este mal camiño o establecemento dos rankings e a cuantificación da produción científica. Aspiro a que a universidade galega xere coñecemento crítico, plural e independente, que é algo máis que impartir títulos. É nefasto termos en Galicia unha universidade privada. Hoxe xa hai 50 universidades públicas e 40 privadas no Estado.

Alba Nogueira: Hai 20 anos había só dez privadas.

Xosé Luís Armesto:  Hoxe hai 40, con seis en lista de agarda. A Comunidade de Madrid aprobou sete no último trimestre.

Alba Nogueira:  Permíteme un apuntamento. O plan de primeiras titulacións da Universidade de Abanca que nos presentaron no último Consello Universitario de Galicia di que van impartir dous graos e catro posgraos con 20 e pico profesores. É indicativo.

Xosé Luís Armesto:  Aquí tiñamos tamén a franquía de CESUGA. Non achegan nada novo. Fundamentalmente son negocios. A primeira vía é privatizar e a segunda é mercantilizar, converter a universidade nun expendedor de títulos. O sistema universitario galego é moi bo. O Observatorio Universitario de Cataluña analizou cantas universidades públicas e privadas cumprían os requisitos legais, e ningunha privada o facía. O que fai forte á universidade galega é funcionar como un sistema.

Paulo Carlos López: Pero non é un sistema moi descompartimentado?

Xosé Luís Armesto: No seu día tomouse a decisión das tres universidades e os sete campus fronte a unha universidade única descentralizada. Visto o visto, non foi unha mala decisión, xa que aproximou a oferta de ensino superior aos grandes núcleos de poboación, democratizándoa. Temos un bo sistema universitario. No ano 2016, foi o que máis fondos ingresou por investigación a través de captación de fondos externos en relación ao PIB. Sempre podemos ir mellorando a través de planos estratéxicos, colaborando e non competindo. Podes chegar moito máis rápido só, pero chegas máis lonxe acompañado. Podemos cooperar moito máis. Haberá que ter unha oferta máis ou menos diferenciada e especializarse. É moi positivo que se pactase o mapa de titulacións ata 2026 e se implante a intelixencia artificial.

Paulo Carlos López: A arquitectura do sistema universitario galego é apta para os retos do futuro? Entendo pola túa intervención que o marco é bo, pero cales serían as modificacións precisas?

Xosé Luís Armesto:  O mercado pide hoxe en dia profesionais que non podes tardar catro anos en formar.

Alba Nogueira: Estou de acordo, pero hai cousas que salientar. O noso sistema dá máis do que recibe. Cos medios que temos, que son unha vergoña, multiplicamos o que conseguimos. Que un departamento teña para gastos de fotocopias 200 euros ao ano é ridículo. Tan ridículo que unha biblioteca coma a de Dereito finánciase a través dos proxectos dos investigadores cos que financiamos a bibliografía ordinaria de todo o mundo. Iso é así e permítenos ter unha das mellores bibliotecas xurídicas do Estado. Pero aspectos coma o nivel de envellecemento provocan posibilidades de desaparición de liñas enteiras de investigación por xubilación de profesorado.

Xosé Luís Armesto: Consecuencia das taxas de reposición.

Alba Nogueira: Por suposto.

Xosé Luís Armesto: Isto deriva da falta de autonomía e financiamento.

“Seguimos a funcionar con estruturas de 1985 ou 1990. Precisamos estruturas de apoio á investigación nos centros académicos, e suprimir certas estruturas de goberno mantendo os procedementos democráticos de toma de decisión, pero simplificados”.[Alba Nogueira]

Alba Nogueira: Na miña facultade, se aumentan os estudantes de dereito, deben baixar os de criminoloxía e viceversa. Deixamos 1.200 solicitudes fóra este ano en Santiago. A Universidade segue cunha estrutura institucional previa á LOU. Seguimos a funcionar con estruturas de 1985 ou 1990. Ao mellor precisamos estruturas de apoio a investigación nos centros académicos, cos grupos de investigación considerados como organizacións. Se cadra debemos suprimir certas estruturas de goberno mantendo os procedementos democráticos de toma de decisión, pero simplificados. Non ten sentido que haxa catro chanzos para tomar decisións. É preciso modificar profundamente o funcionamento institucional, e a modificación da Lei Universidades parece que tende a alixeirar a regulación estatal e a flexibilizar e aumentar a autonomía institucional das universidades. Isto é positivo.

Senén Barro: Ás universidades hai que darlles a volta coma un calcetín. Pero quero facer un matiz: o sistema universitario galego é moi bo fronte ao español. Pero non en comparación con Europa. Faltan recursos.

Xosé Luís Armesto: Eu penso que o maior problema é a falta de financiamento.

Senén Barro: O sistema de financiamento galego é moi bo comparado co do conxunto do Estado.

Xosé Luís Armesto: Porque tes un plan de financiamento, pero os recursos son mínimos.

Senén Barro: Pois envéxannos. Mesmo universidades que foron referencia para nós polo seu nivel de investimento, como na Comunidade Valenciana ou Andalucía.

Xosé Luís Armesto: Pois mira mellor para o País Vasco.

Senén Barro: Xa, e temos problemas moi serios de carácter estrutural e organizativo. Estes teñen que ver cos perfís, competencias e responsabilidades do PDI e PAS. Temos un PAS moi pouco profesionalizado. Son xente moi predisposta pero carecen de formación, de incentivos…

Alba Nogueira: Ou directamente non foron seleccionados cunha certa cualificación.

Senén Barro: Un de cada tres investigadores en formación son estranxeiros. Temos case 70. Non vexades os problemas que teñen na Escola de Doutoramento, nos distintos ámbitos de administración. Non hai quen os atenda. Como imos ter unha universidade internacionalizada? Temos un magnífico nivel en relación co Estado, pero porque o nivel neste é mediocre.

Xosé Luís Armesto: Segundo estudos europeos, estamos nos puntos máis baixos de autonomía financeira e organizativa. Coa última crise aínda perdemos postos. A situación é mala. O reitor comparaba o outro día os números do financiamento de Harvard e Santiago.

Senén Barro:  Non nos podemos comparar con Harvard. Iso é a estratosfera.

Xosé Luís Armesto: Pero se falamos de referencias, é que hai diferenzas de ata 500 veces máis financiamento. Por que os alemáns precisan tres ou catro veces máis financiamento ca nós para os mesmos obxectivos? Porque a ciencia é un obxectivo prioritario alá, e aquí non.

Paulo Carlos López: É necesario xa que logo modificar a estrutura? Que opinas, Pilar?

Pilar Bermejo: A base está ben, pero precisa transformacións importantes. Temos problemas enormes de financiamento. España non acredita de verdade nas universidades. É unha cuestión cultural. En Alemaña teñen un orzamento maior, pero tamén gaña máis un profesor universitario.

Alba Nogueira: A Xunta lanzou hai un ano o proceso de titulacións conxuntas. Será un absoluto fracaso pola forma en que se deseñou, e participei no proceso de elaboración de dúas das titulacións. A Xunta pretende incentivar ese proceso que inclúe sobre vinte titulacións -con temas de axenda diaria como intelixencia artificial ou economía circular- financiándoo con 20.000 euros. Iso demostra en que liga estamos a xogar.

Paulo Carlos López: Gustaríame destacar varios aspectos para un segundo bloque. Que liñas de investigación debe priorizar a Galicia do futuro polo noso coñecemento e produtividade? Podemos ir cara a un modelo híbrido? Temos que especializarnos? Se é así, como facelo? E aínda me gustaría introducir outro debate relacionado co deseño dunha carreira académica, onde parece que consiste en acumulación de méritos. En definitiva, debemos tomar decisións sobre que priorizar no ámbito da investigación?

“O 2021 foi o ano cun rexistro máis baixo de nacementos, e a longo prazo imos ter un problema moi grande. Pero a curto prazo temos outro moi grande tamén: a falta de autonomía universitaria para que cada universidade ofreza os títulos que considere”.[Pilar Bermejo]

Pilar Bermejo: Hai dúas palabras que me producen proído: excelencia e estratexia. Con elas os gobernos fan o que lles dá a gaña. Hai liñas estratéxicas en programas nacionais e europeos, pero quen as deseña e con que obxectivo? As universidades deben ter capacidade para decidir o que é estratéxico. A administración infravalora as universidades cando se enfronta coas empresas. Para escoller o vicepresidente dun comité consultivo, as empresas mesmo aprazan xuntanzas para evitar que se escollan persoas do mundo académico. A universidade colabora moito coas empresas, ou esa perspectiva teño eu. As universidades son xeradoras de coñecemento, e este xera demanda social. Non se pode pór a balanza só dun lado. Hai que deixar vía libre á investigación básica, non vinculala á aplicación inmediata. Se non tivésemos unha boa investigación básica madura por detrás, non habería unha vacina da COVID tan rápido. Estratexia si, pero amodiño.

Xosé Luís Armesto: Eu concordo en que a investigación básica é fundamental. Se non a fai a universidade, non a fai ninguén. Temos un problema gordo coa colaboración público/privada. A privada cando colabora é para interferir e a gobernar na universidade. No anterior borrador da Lei de Universidades contemplábase mudar o sistema de goberno e que estas se gobernasen coas normas dunha fundación privada, de modo que o reitor o escollese un número de notables onde a academia era minoría. Esa é a teima que levan dende hai moitos anos cando se fala de mudar a gobernanza. Acabar coa autonomía da universidade. E os consellos sociais, cuxa principal misión é conectar o mundo da empresa coa universidade para procurar fondos de financiamento, desafortunadamente están a facelo, na miña opinión, aínda peor que as universidades. Se os consellos sociais e as empresas privadas funcionasen tan mal como as universidades, a este país íríalle moitísimo mellor. A investigación fundamental faina a universidade e sen ela non hai investigación aplicada. Eses cantos de serea da transferencia inmediata hai que modulalos. Quérente levar a iso e non a manter a necesaria investigación básica.

Paulo Carlos López: A colaboración público-privada non ten exemplos de funcionamento razoable?

Xosé Luís Armesto: Si que os ten. As unidades mixtas de investigación, caso do da UDC con Navantia, funcionan ben. Nos centros tecnolóxicos e singulares de cada universidade conviven os investigadores cos traballadores das empresas. O CITIC da Coruña, relacionado coas tecnoloxías da comunicación, case morreu de éxito e por falta de espazo. Conviven investigadores e empresas pequenas como xermolo da cidade das TIC que seguirá ese modelo. E sobre a colaboración coa docencia, pódese preguntar nos traballos de fin de grao a organismos sociais, públicos e empresas que lles interese que se investigue. Foi unha  das consecuencias positivas da adaptación ao espazo europeo de educación superior. E debemos seguir explotando a vía de que aqueles profesionais de empresas líderes en certos campos que as universidades non traballen poida vir de profesor asociado en mestrados especializados. Os campos de colaboración entre universidade e empresa, e público e privado, xa están inventados. Outro exemplo que funcionou moi ben foron os institutos de investigación biomédicos, que xa existen en Santiago, a Coruña e Vigo, baseados na colaboración. Hai moitas posibilidades sen explotar, se se respecta autonomía universitaria.

Alba Nogueira: Hai que pór por diante que o Goberno galego careceu de política estratéxica. A consecuencia é que ese Goberno, para ter prioridades, precisa de estruturas de investigación e tecnolóxicas instaladas para esa fin. Debería haber un CESIC autonómico que colaborase coas universidades. O persoal dese instituto podería traballar con persoal adscrito ás universidades. Persoal financiado pola comunidade autónoma podería traballar na universidade. Galicia renunciou a esta posibilidade e optou polas migallas de pan. Desde a perspectiva das ciencias sociais, que nesta mesa só represento eu, penso que a investigación desta rama tamén ten un retorno social, e normalmente de menor custo. O meu retorno social depende dun computador ligado á rede. Eu poño un exemplo da miña facultade: María Paz García Rubio é unha das principais civilistas do Estado. A sentenza do Constitucional sobre o matrimonio entre persoas do mesmo sexo recolle implicitamente un artigo dela. O impacto disto sobre centos de milleiros de persoas é moi relevante, e saíu da USC. Estou cansa de ver semanas da ciencia onde só vemos laboratorios. Ou de ver que a USC non destaca como unha das mulleres científicas a María Paz. Temos tan interiorizada a mercantilización da investigación na cabeza, que non valoramos certas cousas como fan outras universidades. Teño compañeiros doutras universidades que montan clínicas xurídicas, organizacións dentro das facultades de Dereito que asesoran ONGs ou persoas de poucos recursos en problemas xurídicos. Aí fan prácticas os estudantes. Eu mesma con Xulio Ferreiro e outra persoa fixemos o recurso de casación de Nunca Máis no Supremo. Ese traballo de investigación non mercantil está aí e debe salientarse.

Paulo Carlos López: E no que apuntaba a respecto da acumulación de méritos na carreira académica?

Alba Nogueira: Algunhas facultades teñen iniciativas novidosas como a ciencia en aberto. Temos un vicio en España de acreditación e de acumulación de publicacións ao peso. Non hai tempo de repouso, para facer menos e mellores publicacións. A Universidade de Utrecht renunciou a seleccionar persoal por ranking de publicacións, e optou polo valor cualitativo da produción científica. Esta está dominada hoxe por grandes grupos editoriais e opera con prácticas nocivas para o coñecemento científico: a carreira por publicar moito e non por publicar ben.

Paulo Carlos López: Aludíu Alba a un CESIC á galega. Cal tería que ser o papel e o futuro da ACSUG, que integra este entramado? Senén, cal é o papel que deberan ter as axencias?

Senén Barro: Creo que o tema da investigación básica e aplicada está superado. A investigación debe ser relevante e a relevancia decídea quen financia: unha empresa, unha axencia pública ou a propia universidade dentro da súa autonomía, respectando a liberdade do investigador. A relevancia pode ser científica -que non se mide ao peso-, social -polo seu impacto, como na transferencia que fixemos recentemente a Meteogalicia-, ou económica -por exemplo, se dinamiza un sector-. As medidas poden ser relevantes segundo criterios distintos. E, en canto á relación da empresa coa universidade, eu tamén fun cambiando o meu criterio. Eu na empresa vexo xente tan competente coma nós, tanto en formación como creatividade, ambición e busca do ben común. Pero cadaquén debe ter claro o seu papel. E sobre a priorización, é doado dicir desde o goberno o que priorizar, pero non serve de nada. Priorizar significa decidir investimentos. E se non hai recursos humanos competentes, hainos que captar. Priorizar é investir estratexicamente, tanto ex novo como reorientando o xa existente ou amplificándoo. Efectivamente, fáltanos un programa autonómico de recepción e captación de talento. Tampouco temos ambición para crear unha carreira investigadora para que se consolide o discorrer científico. Cada vez defendo máis a importancia de ciencias sociais e humanidades ao nivel das ciencias, e sobre todo vai haber moita importancia nas áreas fronteirizas entre ámbitos do saber. Non van desaparecer os ámbitos canónicos, pero as titulacións non se poden manter só con estes contidos.

Pilar Bermejo: Sobre a retención do talento: que pasa cos nosos mozos investigadores ben formados? Botámolos fóra. Gástanse cartos en formar moi bos profesionais e despois non temos a capacidade de volvelos atraer. Outros países morren co riso. Estes españois son parvos mandando a xente fóra! Falas cos nosos compañeiros e os seus fillos están en vinte mil sitios. Hai unha xeración perdida, e estase queimando á xente nova. Moitos xa non queren saber nada de investigación. Os doutores que formo xa están na industria antes de ler a tese. Non queren saber nada da universidade. A estabilización chega por riba dos 40 anos. Iso non pode ser. Estamos matando o noso futuro.

Paulo Carlos López: Deixoume cun certo desacougo pensar en perder milleiros de alumnos. Isto deixa a universidade galega con dificultades estruturais. Ten que ver co modelo de aprendizaxe. Como revertir a perda de alumnos? O modelo presencial que se insistiu en manter pódese complementar co dixital, como fan outras universidades? Como pode existir Galicia neste contexto?

Xosé Luís Armesto: O descenso de alumnos podería beneficiar a investigación. Pero quero reflexionar sobre o feito de que coa adaptación ao espazo europeo de educación superior, con centos de títulos, só 300 eran distintos. Houbo unha creatividade nominal creando títulos.

Senén Barro: Sobre todo na privada.

Xosé Luís Armesto: Claro, porque na universidade privada o obxectivo é vender títulos. Se este ten títulos creativos para que se paguen 1.800 no canto de 600, mellor. Sobre a investigación, e en chave de país, temos o caso catalán e vasco… Hai modelos a seguir e axencias que poden seguir prioridades e precisan investimento para cumprir obxectivos. Pero Galicia inviste un 0,94% do PIB en I+D fronte a Euskadi que inviste 1,96%.  Outro tema sobre valor social: a UDC colaborou cos xubilados galegos da Mariña mercante en barcos noruegueses. Un equipo de Dereito da UDC leva anos traballando gratuitamente para asesorar ese colectivo e conseguiu tras moitos anos que a Avogacía do Estado asumise a súa postura e o levase ante o Tribunal Europeo para cobrar as pensións. Isto faino a universidade pública e é socialmente relevante. As universidades privadas limítase a formar profesionais cualificados, pero ese non é o único obxectivo. E sobre a presencialidade, para min é fundamental. As tecnoloxías están moi ben, pero son complementarias. E hai un perigo tamén porque non podes competir coas multinacionais. Google ofrece cursos de 6 meses equivalentes a grao universitario sen homologar. Esa é a privatización máxima.

“Se falamos de referencias con outras universidades, hai diferenzas de ata 500 veces máis financiamento. Por que os alemáns precisan tres ou catro veces máis financiamento ca nós para os mesmos obxectivos? Porque a ciencia é un obxectivo prioritario alá, e aquí non”.[Xosé Luís Armesto]

Alba Nogueira: Unha avaliación que deben facer as universidades tras a COVID é o resultado da non presencialidade. As axencias británicas están a avaliar os efectos de desigualdade entre o estudantado por esta causa. E tamén se dá o debate sobre o prezo: é máis barata a non presencialidade, cando cun profesor impartes aula para 12.000 persoas. O modelo telemático pode prexudicar á USC porque un alumno pode decidir matricularse no seu lugar na London School of Economics. A miña idea tras ano e pico de pandemia é que a non presencialidade causou estragos no estudantado. Desvinculou e desmotivou a docencia.

Xosé Luís Armesto:  Desafortunadamente, moito profesorado sentiuse máis cómodo neste modelo.

Alba Nogueira:  Precisamente, incentiva comportamentos pouco decorosos. Nós temos que achegar máis ca un manual ou un vídeo. Con respecto ás outras cuestións: efectivamente, a redución do número de alumnado obriga a reformular cousas. Unha delas é o reparto da carga de traballo nas actividades. En moitas áreas de coñecemento como en Dereito temos un encargo docente moi elevado que dificulta a investigación en condicións. Fas cousas apurando os minutos do día. Con grupos máis pequenos poderiamos facer outras cousas. Outro nicho potencial é a formación ao longo da vida. Obriga a modificar o tipo de títulos que se imparten. A formación básica está aí, pero pode que teña que ser máis flexible e modular a formación de posgrao para ofertar contidos cambiantes. Cursos máis curtos e concretos en contido para especializar moito máis á xente. E con isto enlazo cun terceiro apuntamento que quería facer: a internacionalización natural do noso sistema universitario é abrirse cara á Lusofonía e os países latinoamericanos.

Paulo Carlos López: E que podemos dicir do modelo de aprendizaxe, agora que falas da internacionalización?

Pilar Bermejo: Creo que a formación continuada ao longo da vida é unha oportunidade que estamos desaproveitando en todas as universidades. Sobre o dixital, a pandemia pasoulle factura ao alumnado. A unidade de atención psicolóxica da USC está desbordada. Moitos estudantes moi bos din que non dan seguido catro horas seguidas de aulas no computador da casa. Pero non creo que sexa unha xeración perdida. Hai tempo para adquirir coñecementos. De todo se aprende e disto tamén aprendemos cousas. Creo que non queda máis remedio que convivir co dixital.

Alba Nogueira: Pero con medios. Noutras universidades a docencia dixital ten apoio, recursos e persoal cualificado, e aquí non.

Pilar Bermejo: Aquí aprendemos dun día para o outro e sobrevivimos como puidemos. Pero debemos entender que o problema da universidade galega é que non mergulla na sociedade. Nin sequera temos unha asociación de antigos alumnos. Por que as nosas universidades non fan xornadas de portas abertas para toda a cidadanía? En Galicia precisamos conectar máis coa sociedade. Xa non digo a relación cos concellos.

Senén Barro: Iso tamén é cousa nosa. Ás veces enleámonos coa linguaxe. Pilar di que non hai máis remedio que convivir co dixital e eu diríao ao revés. As tecnoloxías son unha fortuna. Eu falaría da xeración rescatada, non perdida. Non é a xeración ideal. Pero foi unha experiencia diferente para alumnado e profesorado. Pero imaxinade isto hai dez anos: os alumnos sen aulas, na casa, cos libros que tivesen. Iso si que sería o problema. Teño certa esperanza porque o novo equipo de goberno da USC puxo atribucións de transformación dixital nunha das vicerreitorías. A universidade dixital é o que temos hoxe: dixitalización de contidos, unha plataforma, clase online… Pero a transformación dixital é outra cousa. Poño un exemplo obvio: as aulas online non son clases de 9 a 14h materia a materia. Un curso concibido para o online segue outra dinámica. Librémonos de, simplemente por recortar gasto, pasar ao modelo online. Iso era o que había detrás do formulamento da Consellería.

 Alba Nogueira: Non está dimensionado para as nosas necesidades.

Senén Barro: Non teñen capacidade, nin sequera pola dimensión dos recursos humanos. E xa que falamos de internacionalización, quero achegar dúas puntualizacións. Sobre Latinoamérica, por desgraza, os que non teñen posibilidades, o 90%, non vai a ningures.

Xosé Luís Armesto: E os que poden van ás privadas.

Senén Barro: Ou aos Estados Unidos. A elite de México, por exemplo. Ou estudan na UNIR, un modelo de relativo baixo investimento para a clase media alta. Témolo moi fastidiado. Aínda así, eu miraría cara ao sur. Que fai o Porto? Teñen un nivel de internacionalización moi superior ao noso. Ou Cataluña, cuxo sistema universitario é mellor có noso.

Xosé Luís Armesto: Teñen un problema que comezamos a ter nós, que é o das universidades privadas. Aquí iremos a peor a partir de agora.

Senén Barro: Iso acaba pervertindo os datos. Pero o Porto está aí. Terían circunstancias tan distintas ás nosas para ser un atractor internacional? Non é un país máis rico, pero a universidade é mellor cás nosas. Nos indicadores de cantidade e calidade da produción científica, está moi por riba da USC e distánciase cada vez máis, cando hai 15 ou 20 anos estaba moi por baixo. Non temos que mirar moi lonxe.

Paulo Carlos López: Fágovos unha pregunta xenérica de despedida: como imaxinades a universidade galega en 2050?

Xosé Luís Armesto:  Mellor cá actual, cun sistema universitario galego potenciado. Se ese sistema de cooperación se dilúe, e as tres universidades compiten no canto de colaborar, irá a peor. E se a universidade pública non é presencial, non será unha universidade.

Pilar Bermejo: Creo que o sistema universitario galego ten que facer uns cambios importantes para conseguir reter a xente nova deste país. Debemos estudar o que fan no Porto. Eles son coma nós e puideron dar un salto neste momento. Evidentemente as universidades galegas non deben competir entre elas. Hai que simplificar a administración porque, aínda habendo un sistema universitario galego, cada universidade ten administracións distintas e isto dificulta todo.

Xosé Luís Armesto:  A creación da ACSUG buscaba solucionar esa cuestión.

Pilar Bermejo: Creo que sobran as axencias que non se recoñecen entra elas. No canto de favorecer, fréanos.

Senén Barro: Se investísemos moitos máis recursos para o desenvolvemento de recursos humanos no sistema universitario galego, en 2050 poderiamos estar na elite mundial. Pero iso require dunha vontade moi clara. O obxectivo debe ser incrementar, cun salto de calidade moi grande. Que os criterios de incorporación de persoal docente e investigador e de administración e servizos sexan os mellores posibles. Loxicamente, incentivando co salario e a carreira investigadora. Se désemos premido nesa tecla, con máis recursos e criterio de excelencia, en 2050 estamos na elite.

Xosé Luís Armesto:  Volvemos ao comezo: é un problema de financiamento.

Senén Barro: Pero o investimento debe seguir unha orde.

Xosé Luís Armesto: Si, Senén, pero se estás na miseria e tratas de reformar sen recursos. Reter e captar talento só se fai con recursos.

Senén Barro: Non é só unha cuestión de cartos. Se duplicas o financiamento do sistema universitario galego sen apostas claras, que temos?

Alba Nogueira: Eu precisamente creo que hai que ter prioridades estratéxicas, por exemplo, nas liñas de investigación polas que queres apostar. E hai atrancos do sistema que impiden ás universidades traballar como deberían. Un deles é a taxa de reposición de efectivos que impide medrar. Ou o plan de financiamento: non podes medrar porque non che pagan os novos alumnos. Para que te vas esforzar?

Xosé Luís Armesto: Se non atendes á demanda social, para que estás aí?

Alba Nogueira: Efectivamente. Producimos titulados que o país non dá absorbido. Por iso temos que complementar a universidade con políticas laborais. Resulta que Alemaña ou Inglaterra, ou Portugal, si os empregan. Por algo será. Son bos titulados, pero temos un país sen políticas adaptadas. Iso é un problema.

Senén Barro: Sempre se fala da importancia do capital humano, e a universidade é o paradigma de organización baseada no capital humano. Ou invistes aí ou estamos fastidiados.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]