Luns 5, Decembro 2022
HomeActivismo e SociedadeMEDIO SÉCULO NUNHA NOVA IDADE MEDIA

MEDIO SÉCULO NUNHA NOVA IDADE MEDIA

por Albino Prada

É moi razoable supoñer que o autor de O nome da rosa (1980), no ano 1972, estivese moi ben documentado sobre todo o relativo á Idade Media. Dígoo porque ese ano, hai agora xa cincuenta, publicaba un breve ensaio titulado Cara a unha nova Idade Media que me propoño revisar brevemente aquí sobre a edición que en 1998 facía a editorial Lumen (en A estratexia da ilusión, páxinas 67-86).

Nese breve ensaio, Umberto Eco planteábase se iamos ao encontro dunha próxima Idade Media. E facíao cun certo detalle, observador lúcido do mundo que lle tocou vivir, para concluír falando de “esta nosa nova Idade Media”.

Cincuenta anos máis tarde, neste ano 2022 post-pandémico e diante da incerteza dunha guerra global, creo de interese revisar os seus clarificadores argumentos do ano 1972. Seguimos vivindo nunha nova Idade Media? Seguimos considerando “de maneira natural pestilencias, estragos, intolerancia e morte”? Vexamos.

Hai cincuenta anos Eco atopaba paralelismos coa Idade Media do anterior cambio de milenio no regreso dos colapsos sociais. Agora o risco de colapsos sociais derivaría da ausencia de resiliencias tecnolóxicas (en enerxía, datos, bacterias,…). “Decadencias tecnolóxicas”, ou un “gran desenvolvemento tecnolóxico que provoca obstáculos e disfuncións”, ou cando “a industria alimentaria se converte en produción de alimentos tóxicos e canceríxenos”. Son riscos para Eco, que nomeei como incertezas nun recente ensaio do que extraio este resumo:

Incertezas
· Sobre a velocidade das IAS e un apocalipse
· Inercia enerxética do maquinismo e colapso climático
· Automatización insostible ambiental e socialmente (inclusividade)
· Vulnerabilidades xenéticas, pesticidas e por superbacterias
· Supermalezas, extincións e especies alóctonas incontrolables
· Privatización e mercantilización de seres vivos
· Suficiencia enerxética de próximas xeracións
· Xestión de residuos nucleares, accidentes e ataques
· Activación de elementos biofísicos incontrolados

Xa entón o noso autor referíase á inseguridade atómica e ecolóxica, malia que por aqueles anos aínda non se falaba de cambio ou colapso climático. É obvio que neste medio século (1972-2022) nin unha cousa nin a outra pasou a mellor vida, senón todo o contrario. A guerra en Ucraína puxo en primeiro plano o medio esquecido reloxo da apocalipse e, ao mesmo tempo, está a levantar un tsunami de desabastecemento alimentario e de fames negras mundiais. Fames negras que, lonxe de reducirse, non deixaron de aumentar nun mundo que malgasta as súas riquezas.

Esta guerra de 2022, e moitas outras que no mundo coexisten sen tanto despregamento mediático, confirma o que en 1972 escribía Umberto Eco: “xa non se declara a guerra… non se sabe nunca se dous países están en estado de belixerancia”. Guerra que non deixa de ser un síntoma máis do declive dos vellos imperios (en 1972 xa nomeaba Eco “a crise da Pax Americana”), en paralelo a novos bárbaros que “queren apropiarse dunha riqueza que lles era negada”, desde Rusia, Asia (China ou India) a unha ignorada África.

E, cando non é así, asistimos a unha marea de errantes e itinerantes como fai mil anos; os nomadland, as pateras, os exiliados, os refuxiados,… convértense en carne de canón dos novos negreiros do primeiro mundo e do terceiro mundo.

Como hai mil anos, emerxe un catecismo indiscutible, campa agora unha lei da selva neoliberal (“un extenso monólogo carente de diferenzas”), co que “desaparece o home liberal” e calquera reedición de pactos sociais. De novo a lei do máis forte.

Máis e máis paralelismos no relativo á xerarquización estrita. Agora coa segmentación da sociedade de consumo, de low-cost a sala vip (desde aeroportos, estadios, zonas de lecer, etc…). E na metamorfose das cidades. Pois a cidade baléirase de clases podentes que se trasladan cara a fortalezas periféricas ou a non-lugares, á vez que se conxestiona de inmigrantes ou turistas. Co resultado de crecentes desconfianzas, inseguridades e segmentación social.

Para completar o escenario e as simetrías, se antes o visual (por exemplo unha catedral) servía para que unha elite dominase aos moitos, agora será de novo o visual (nas pantallas ou nos noticiarios) que cumpra ese mesmo papel. O visual gañou presenza como nunca antes facendo posible un “golpe de man do poder tecnolóxico que baleirou as institucións”.

Neste novo Medioevo o dono do big data domina a vida social. Sendo así que se comproba a fortificación de grupos globais empresariais (que demos en chamar GAFAM) fronte aos declinantes poderes do Estado.


Albino Prada é ensaísta e investigador

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]