Domingo 1, Outubro 2023
HomeActivismo e SociedadeGLOBALIZACIÓN NEOLIBERAL, PANDEMIA GLOBAL

GLOBALIZACIÓN NEOLIBERAL, PANDEMIA GLOBAL

por B. Lourenço Fondevila

Un pouco antes de que a rapidez da expansión da COVID-19 fose asumida por case tódolos gobernos do mundo, agás casos demenciais -pero non máis ca outras demencias dos mesmos “lideres”-, lembreime de dúas premonicións que tiña formulado moito antes, diante de moi diferentes interlocutores: unha, con alumnos da ESO nos anos 90, a outra cun amigo, Marcial Gondar, nos primeiros anos deste sorpresivo século XXI. Tiñan que ver cos aparición de novos xermolos patóxenos. 

A primeira foi con motivo dun debate sobre a SIDA. Xa ao final díxenlles aos rapaces: Pois cando escoitedes que a SIDA xa se pode curar, podedes botarvos a tremer, porque estade seguros de que o que virá despois será moito peor. É claro que estaba aludindo ao proceso de selección natural das cepas de xermolos patóxenos provocada precisamente pola eficacia a curto prazo da mediciña curativa. No caso antibióticos versus bacterias é cousa moi difundida, pero cos virus é igual, a súa sinxela estructura fai a mutación moi doada.

O negativo da globalización é que multiplica a probabilidade do “efecto bolboreta”. De aí a premonición que eu fixera nun debate hai anos: que coa xeneralización do turismo, a aparición de novos xermolos patóxenos conduciría nalgún momento a unha pandemia que nos collería despreveñidos e desarmados.

A segunda foi dentro dunha conversa sobre a globalización, en particular sobre se é posible unha versión diferente da entón e ata agora imperante: que non beneficie exclusivamente ao gran capital internacionalizado. Posibilidade admitida por gran parte da esquerda e toda a pseudoesquerda socialdemócrata, para os que globalización non vai necesariamente con neoliberalismo. Dixen, máis ou menos: en calquera caso, o negativo da globalización é que aumenta moitísimo a probabilidade do “efecto bolboreta”, no eido económico e en calquera outro. Por exemplo: coa actual xeneralización do turismo, a aparición de novos xermolos patóxenos conducirá nalgún momento a unha pandemia que nos collerá despreveñidos e desarmados. Marcial: Daquela, pensas que habería que proibir a circulación de persoas entre países distantes?. Contestei: Proibir é demasiado, pero  pódese limitar, alomenos na gran escala.

O remate da era do neoliberalismo

En todo caso,  neoliberalismo + globalización é un complexo de decisións políticas e transformacións económicas que aportou a totalidade dos factores que fan tan grave esta crise. É moi claro na multiplicación das posibilidades de contaxio e na celeridade da difusión sen que a proximidade territorial sexa determinante: podemos estar seguros que o seu principal medio de transporte foi o avión. Tamén que os trasmisores non son os sectores sociais de máis baixa renda, inda que si os que máis sofren as consecuencias, por exemplo no confinamento en espacio moi reducido, na probabilidade de contaxio… Igualmente claro que o desmantelamento da sanidade pública é un dos factores do rápido espallamento no mundo desenvolvido, e xa veremos que pasa en USA, onde non se desmantelou o que non había. E, de modo máis difuso, a debilitación xeral do Estado.

Que estamos nun final de era é algo moi repetido, sobre todo en medios de esquerda, pero non exclusivamente. Non se ten levantado voz ningunha en defensa do discurso neoliberal, prefiren calar sobre o que outrora venderon como evidente e propagaron machaconamente. E, nalgunha medida, é abondo claro que esta era que finaliza é a era do neoliberalismo, a condición de que consideremos esencial nel dúas cousas: o optimismo do crecemento (que xa foi refutado pola crise en 2008 pero, como dixo Juan Torres López, “se cayó todo, pero no se ha hundido nada”), por unha banda, e o debilitamento do Estado, pola outra, porque a súa actuación enérxica é un factor imprescindible da resposta a unha emerxencia, e esta pandemia é unha emerxencia que demostra que son esperables novas emerxencias, que nunca son desbotables. Pero tanto máis probables canto máis interdependente sexa o mundo da forma como hoxe é: a curto prazo, sen filtros nin capacidade de prevención, nunha globalización desestructurada.

Pero o verdadeiro cambio histórico que siñificou a crise do modelo keynesiano nos anos 70 non se limitou ao modelo de desregulación-internacionalización proposto pola escola de Chicago e aplicado case inmediatamente polos seus discípulos chilenos gracias a Pinochet, e logo espallado polo mundo:  consenso de Washington no continente americano, desenvolvemento chinés en base á internacionalización, creación -co apoio da socialdemocracia- do euro, ou sexa eliminación da soberanía económica dos Estados sen sustituíla por unha soberanía europea. Foi o final do optimismo do crecemento en condicións igualitarias, é dicir, de xeito que a maioría, a medio prazo a totalidade da poboación, sexa beneficiada, inda que algúns sexan máis beneficiados ca outros. En definitiva, foi o cambio cultural que converteu o éxito económico no único obxetivo do individuo, liquidando a esixencia de solidariedade,  xustificando a desigualdade crecente; facendo mesmo que os perxudicados por esa desigualdade admiren aos que conseguiron subir ao cumio da pirámide, sen importar a vía nin as consecuencias para os demais.

Cómpre poñer o cambio ético-cultural no mundo occidental, que potenciou o neoliberalismo ata o punto de este continuar impertérrito despois do seu tremendo fracaso en 2008 (é ao que alude a citada frase de J. Torres López) en relación coa xeneralización de actos de violencia (moitos contra mulleres, pero non só) difundidos con alarde polos propios autores a través das chamadas redes sociais. E coa mesma aititude manifestada polo chamado Estado Islámico cando, na súa novedosa combición de tecnoloxía ultramoderna e asunción ignorante de tradicións medievais, difundía provocativamente as súas barbaridades. É a liquidación da hexemonía da ética solidaria, que non era seguida na práctica pero si formalmente respetada. É o tremendo cambio da hipocresía non xa polo cinismo, máis polo exibicionismo do egoismo e mesmo da barbarie.

A resposta está no campo das ideas

Non é nada seguro que esta tendencia vaia reverter. É evidente que de cara a unha posible resposta de alcance, o campo de xogo é exclusivamente o campo das ideas. Ten razón J.C. Monedero cando dí que “el campo de las ideas es esencial para construir conciencias y sujetos políticos”, o cal, ben mirado, é unha banalidade, pero banalidade que algúns non teñen clara, pensan que as experiencias negativas poden xerar respostas de auténtico alcance.

O malo é que isto de que o xogo está no campo das ideas conduce doadamente a que a maioría dos que tiñan xa ideas achen que a solución está nas súas -se as súas non son as establecidas no sistema-, e de aí resulta que calquera que se autoconsidere fóra do sistema insista nas súas, sen decatarse en que medida, inda que non coincidan coas dominantes, están complicadas con elas en puntos esenciais, e polo tanto son tan merecedoras de revisión como as establecidas. Precisamente Monedero, e sobre todo o seu partido -que tantas esperanzas suscitou, e en pouco tempo con tan pouco se contentou-, pode ser un exemplo disto.

É evidente que de cara a unha posible resposta de alcance, o campo de xogo é exclusivamente o campo das ideas. O malo é que isto conduce doadamente que calquera que se autoconsidere fóra do sistema insista nas súas, sen decatarse de que son tan merecedoras de revisión como as establecidas.

Estar fóra do sistema é cousa da “esquerda de verdade”, pero tamén da extrema dereita. Por outro lado, a visión dun espacio político en linea recta: extrema dereita – dereita – centrodereita – centrocentro -centroesquerda- esquerda – extrema esquerda, que é un dos puntos de acordo entre o sistema e a maioría dos pretendidos críticos, non é asumida pola maioría sen cultura política. De aí a facilidade con que certos sectores do electorado poden pasar da esquerda á extrema dereita, pois nos dous casos o que están buscando é o que “vai contra o sistema”. Podemos suscitou espezanzas, logo frustradas non porque non ofrecera un discurso de “renovación da esquerda” (inda que para a maioría dos seus simpatizantes con cultura política fose así), senón porque suxería (nalgún momento mesmo o dixo, pero logo esqueceuse) que ser de esquerdas non era a cuestión, senón os problemas reais, e a xente que non se ten por ser “de esquerdas” tamén podía apoiar a súa iniciativa.

A vía superadora: solidariedade e intelixencia

O problema insuperable do ideoloxismo de esquerda é que non se pode desvencellar da súa orixe no optimismo histórico do cristianismo. Este, na forma ortodoxa orixinal, dí que a Verdade e o Ben triunfan absolutamente ao Final da Historia, pero xa fóra do mundo no que vivimos. O cristianismo secularizado da esquerda di que ese Final da Historia si que é deste mundo, e ademais próximo. O  cristianismo orixinal cría que o Ben triunfa porque Deus é o Ben e o Poder. O cristianismo secularizado cre que o Progreso é o Poder da Historia e o Ben triunfa nun final próximo, pero ademais, a maioría -o sacralizado Povo- é esencialmente boa. Por iso, cando a solidariedade non aparece onde tiña que aparecer, pode botarlle a culpa ao poder establecido, aos media (que son parte do sistema capitalista), etc. Pero non recoñece que solidariedade e insolidariedade son igualmente vixentes nese povo, que non é esencialmente bo, como non é esencialmente malo.

A solidariedade é necesaria para superar a era que agora remata, pero pode ser relevada por outra moito peor, inda que disto forme parte un novo protagonismo do Estado. Pero apelar a ela como ideoloxía ou só como imperativo ético é insuficiente e ao final contraproducente. Un mundo medianamente racional non é construíble sen a mobilización da solidariedade dos que de por si son solidarios, pero ten que apelar tamén á intelixencia dos que, non sendo no fondo solidarios, son quen de comprender cales son as condicións que poden evitar o desastre. Isto vese, inda que non sexa un tema no que entrar agora, no decepcionante fenómeno da axuda ao desenvolvemento dos paises atrasados practicada polos paises ricos: mentras non se dexergue que o desenvolvemento da outra mitade do mundo é esencial para manter o crecemento da propia, esa axuda só por quedar ben será ineficaz.

Só a combinación de solidariedade e racionalidade, dado que son bens escasos, pero non dramáticamente escasos, pode conducir a que un desastre como é esta pandemia, totalmente esperable, opere como ocasión de aprendizaxe, non como desgracia a esquencer tan pronto poidamos.


Basilio Lourenço Fondevila é o autor, entre outras obras, de A submisión das masas. Do poder do progreso ao progreso do poder (Galaxia).