Martes 28, Novembro 2023
HomeActivismo e SociedadeFuria destrutiva e desidia política

Furia destrutiva e desidia política

Arderon de novo os montes, e as lapas destruíron a vida de catro persoas, de vivendas e facendas. En cuestión de horas, os lumes converteron en cinza un total de 11.500 hectáreas de terreo. En medio dun gran caos organizativo, que evidenciou unha total descoordinación dos servizos contra incendios, foi a xente dos lugares ameazados a que substituíu a administración nunha loita desesperada por deter o avance da vaga. A caldeiros, poñendo en grave risco as súas vidas. Para o presidente Núñez Feijóo, que acabou confesando teren perdido o control dos lumes nas horas máis dramáticas daquela noite de domingo, retomou a teoría do “terrorismo incendiario”, nun claro afán por botar balóns fóra e en resposta aos berros de “dimisión” que se escoitaron nas manifestacións que de maneira case espontánea e rápida se desenvolveron nas principais cidades do país. O caso é que nin as investigacións levadas a cabo pola Fiscalía, nin o que deron de si nas últimas décadas os operativos á caza de incendiarios da garda civil, demostraron nada ao respecto. A única detención é a dunha persoa que causou un dos lumes de maneira accidental, nunca intencionada, polo que non se explica que a xustiza o manteña en prisión preventiva.

As circunstancias climatolóxicas –a seca que se mantén desde xaneiro e que deriva de ser o 2017 un dos anos con menos auga dos últimos lustros, a calor e os efectos do paso polo país do Ophelia, no que os expertos ven os efectos do cambio climático– converxeron cos fenómenos que identifican as causas estruturais das sucesivas vagas de incendios que veñen sufrindo os montes galegos. Nesta ocasión, penetrando en zonas urbanas, como sucedeu en Vigo. Velaí a desidia e o derrotismo que se observan na política e nos gobernantes á hora de afrontar estratexicamente a recuperación do rural, abordando políticas que posibiliten a fixación de poboación, e con ela a limpeza e o coidado dos montes, hoxe abandonados á súa sorte. Ou a colonización do monte valéndose do monocultivo, o eucalipto, que aínda que supón unha fonte económica importante para diversos colectivos sociais, tamén comporta un gravísimo risco, que nunca debera quedar supeditado ao que comporta que a día de hoxe os eucaliptais ocupen xa 400.000 hectáreas, o dobre do previsto pola Xunta para o ano 2032. Como resulta que é o que sucede, obriga a pensar –como se denunciou na manifestación unitaria do domingo 22 en Compostela– na hipótese da complicidade que o poder político –con Rajoy á fronte, que estando en funcións prorrogoulle á papeleira de ENCE a autorización para seguir instalada ao pé da ría de Pontevedra 55 anos máis– tería cos máis poderosos empresarios da industria madeireira.

A esas causas estruturais hai que engadir a da especulación urbanística, que uns días antes da última traxedia incendiaria se viu indirectamente apoiada polo goberno de Feijóo a través da lei de fomento das Iniciativas Empresariais –a que se coñece desde a oposición pola “Lei de depredación de Galicia”, que establece un novo marco de regulación ambiental que parece feita á medida das empresas extractivas para explotar sen apenas control os recuros mineiros, enerxéticos e forestais. Así, a Xunta non só non se obriga a incentivar unha nova política forestal, integral, que está presente na raíz dos incendios, senón que a somete máis do que xa está a intereses privados.

A falta de coordinación e o descontrol político evidenciados na última vaga de incendios foron denunciados polos bombeiros, brigadistas e forestais que traballaron e loitaron contra eles nos montes e nos castos urbanos máis ameazados. Nesa data, o operativo anti incendios estaba sen os 500 brigadistas aos que non se lles renovara o contrato. “A Xunta está mentindo”, dixeron en rolda de prensa, acusándoa de inflar o número de persoas que participaron nos labores de extinción. “Non foron 5.000 os efectivos despregados, como moito eramos 500”, afirmaron. Todo iso pese a que Galicia gasta 176 millóns cada ano fundamentalmente destinados ás políticas de extinción. As de prevención son escasas. E non obstante, son as que os expertos aconsellan prioritariamente.