Xoves 30, Xuño 2022
HomeActivismo e SociedadeFRONTE Á VIOLENCIA SIMBÓLICA, LINGUAXE IGUALITARIA

FRONTE Á VIOLENCIA SIMBÓLICA, LINGUAXE IGUALITARIA

por María Xosé Porteiro

Chegada a terceira década do século XXI, podemos afirmar que no mundo da nosa contorna contamos cun elevado grao de igualdade entre mulleres e homes en canto a protección xurídica e legal. Unha igualdade formal importante. Porén, aínda ficamos lonxe da igualdade real, esa que precisa dun cambio drástico na mentalidade social para materializarse. E é nesa mentalidade na que se sustenta a violencia simbólica.

Nesa falla de convencemento, de educación e crenza social, radica a chave que pode facer a igualdade formal reversible. Estou certa de que acadar unha comunicación non sexista, igualitaria, sería o reflexo dese cambio ideolóxico, desa nova visión do mundo na que non existirían persoas de primeira, segunda e terceira clase. No entanto, acho que é tamén a vía pola que chegar a ese cambio. Non me refiro só á individual senón aos usos colectivos que podemos mudar sen acudirmos ao dicionario. Porque non contaríamos con palabras que definisen esas diferenzas, establecéndoas. Se algo non existe, nin no material nin no abstracto, non é preciso nomealo. E viceversa. O que non ten nome, non existe.

Violencia simbólica é o tratamento que se nos dá ás mulleres en todos os ámbitos sociais e comunicativos, e que nos fai desaparecer mediante exclusión específica, ou xenérica, porque nos agocha.

A linguaxe é a base da comunicación. É o xeito no que narramos a realidade, mais é tamén o xeito en que a construímos. Primeiro é o sentimento ou a idea. Logo, a palabra é o vehículo para expresala e compartila. Somos seres sociais porque podemos comunicarnos en termos de enorme complexidade, empregando palabras, mais tamén outros recursos como a xestualidade e as accións simbólicas. Na maneira de expresarnos cos xestos e con actitudes identifícanse moitos nesgos, doados de cambiar sen necesidade de ditames académicas. Remítense á nosa forma de expresarnos ou de ser expresadas. Ao trato que se nos dá e ao que nos damos.  Ao ton en que nos falan e falamos. Ao lugar que ocupamos no espazo público. A como se espera que nos manifestemos unhas e outros. Por que xestos se nos xulga, se nos aproba ou se nos condena, con que expresións se nos define.

Violencia simbólica é o tratamento que se nos dá ás mulleres en todos os ámbitos sociais e comunicativos, e que nos fai desaparecer mediante exclusión específica, ou xenérica, porque nos agocha.

Outra linguaxe é posible

Podemos usar mellor os recursos que temos? En boa medida si, revalorizando os significados positivos das palabras e rexeitando usos mal intencionados e despectivos. A comunicación sexista é moito máis ca palabras. É o tratamento denigrante do feminino  mediante a atribución de significados diferentes a palabras preexistentes. É unha complicidade  sobreentendida que reflicte a imaxe interiorizada dun sexo considerado secundario respecto do dominante. Non é subconsciente, pero si inconsciente. Adoita estar asumido, sen  cuestionalo, por un uso inveterado que substitúe o sentido inicial da palabra utilizada.

Mentres, no micro, hai moitas cousas que se poden facer abordando o uso simbólico das palabras, desmontando os vellos paradigmas e combatendo vicios interiorizados por unha práctica secular.

E no macro, sería urxente un compromiso internacional e firme coa lexitimidade, xustiza, dereitos e defensa das nosas liberdades, entre as que ben debera recoñecerse a de expresarnos desde a nosa realidade e identidade sexual e social. Non é un problema menor. É transversal e compartido por toda a Humanidade, só equiparable á ameaza da catástrofe climática pero neste caso, e mesmo malia ao pouco caso que se lle fai, celébranse cumios internacionais para acordar políticas e marcar obxectivos comúns.

Dou por sentado que cabe a pregunta de para que serven os grandes consensos. Velaquí unha resposta: cando o IV Cumio internacional das mulleres que NU celebrou en Beijing, nun xa afastado 1995, acordos multilaterais entre os países participantes fixaron unha axenda feminista común na que as palabras tiveron un papel moi importante. Novos conceptos, como empoderamento, produciron unha transformación de seu. Rexeitados duramente nun principio  – e mesmo até non hai tanto -, o significante e o significado están sendo incorporados e normalizados. A forza da linguaxe ten aquí un expoñente claro e doado de comprender. Así está a acontecer coa feminización de atribucións masculinizadas – xuíza, presidenta, médica… – que foi duramente contestada pero sen a cal a concepción social e mental que implica a súa designación só en masculino seguiría sendo discriminatoria. Mesmo no caso da violencia, pasouse dunha expresión restritiva e timorata como “familiar” a “de xénero” ou á xa absolutamente aceptada “machista”.

No feminismo segue aberto o debate arredor dos cambios que precisan as linguas cuxa ortodoxia consolida a predominancia do masculino como provedor de valor (…) Levará tempo mudar normas aparentemente gramaticais na forma pero androcéntricas no fondo.

Reitero que non son cuestións menores. De feito, as reaccións adoitan ser belixerantes. Negando a maior, preténdense anular todas as categorías, mais non coa, por máis ca o forte supremacismo machista vaia gañando perigosas adhesións. Obviamente, é difícil renunciar aos privilexios. Por esa mesma razón este “choque de sexos” precisa de implicacións firmes e amplas. Hai moito sufrimento producido por unha violencia que non se pode fotografar ou recollerse no parte dun servizo de urxencias,  porque a violencia simbólica adoita non ser medible. E decotío é invisible para o ollo non adestrado. Sempre exercidas desde o poder do mandato masculino, son as tácticas de presión, as faltas de respecto, o abuso de autoridade e confianza, a tiranía emocional, o control económico, os comportamentos destrutivos da personalidade, o illamento da vítima, o acoso, a intimidación, a destrución de posesións, até chegar a violencia sexual e física en sentido estrito.

Abordemos o problema

Construír axeitadamente o relato do que acontece, de por que ocorre e como contrarrestalo, é un reto compartido que nos une. É preciso que traslademos á sociedade como se aprende o machismo, en tanto mentalidade, e logo propoñamos as ferramentas para corrixir esta eiva.

O problema transcende á cuestión estatística. Está na transmisión dos comportamentos aprendidos e consolidados a través da imitación do que vemos na nosa contorna desde a nenez pola aprendizaxe vicaria. Posteriormente, mediante o acceso a produtos culturais elaborados e proxectados por canles “respectables” coma os libros de texto, a literatura, a música, o audiovisual ou calquera outro soporte analóxico ou dixital. E xa en calquera etapa da vida, tamén é absolutamente importante a información e as opinións que nos chegan desde os  medios convencionais ou polas redes.

Alguén poderá pensar que todo o anterior ten a ver máis con moitas outras cousas que coa violencia simbólica que se agocha na linguaxe. Mais, abofé, todo o referenciado é, en esencia, linguaxe.

Para rematar, vaia un apuntamento necesario.  Ademais de cambiar os usos da linguaxe, é preciso adaptarmos a lingua á nova concepción das relacións humanas. Nesta altura, a vantaxe de termos mestras – que xa son clásicas – é que nos permiten ir uns pasos por diante porque nos dan puntos de partida proveitosos. Como María Xosé Queizán, quen no seu ensaio A escrita da certeza abriu interrogantes vixentes un cuarto de século despois de seren formuladas. Cito: “Como establecer a diferenza entre oprimidas e opresores usando o xénero universal que é o masculino, como emerxer como suxeitas do discurso?

No feminismo segue aberto o debate arredor dos cambios que precisan as linguas cuxa ortodoxia consolida a predominancia do masculino como provedor de valor. Tarefa difícil mais non imposible, se ben penso que levará tempo mudar normas aparentemente gramaticais na forma pero decididamente androcéntricas no fondo. En todo caso, ao pensamento feminista haberá que sumarlle coñecemento filolóxico.

Para as Academias das diferentes linguas que nos atinxen debera ser unha prioridade a creación de equipas multi disciplinares para traballar nun consenso arredor desta cuestión que ten moito a ver co formal. E, ao propio tempo, haberá que introducir no sistema educativo e nos valores familiares unha sorte de formación permanente para as persoas que teñen ao seu cargo a educación e a instrución da xente máis nova, coas chaves axeitadas para erradicar a misoxinia no relato da convivencia pacífica.

Velaquí un reto aberto – eu diría que urxente – vixente e necesario. Convídovos a compartirmos achegas e compromiso.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]