por Marcos Lorenzo
No entanto, ese mesmo xornal, nunha noticia do 1 de maio de 2022, daba conta dunha situación preocupante, por non dicir alarmante, a respecto dos suicidios e do consumo de tranquilizantes e somníferos en Galicia. No artigo dise que o 23% da poboación galega ten un problema de saúde mental crónico. Tamén se cita ao “Estudio de salud y estilo de vida”, elaborado por Aegón Seguros e o Consejo General de Psicología, no que se indica que en Galicia o risco de ideación suicida afecta a un 17% da poboación, o risco de depresión a un 26% e o risco de ansiedade a un 29%. Datos que contrastan poderosamente co parágrafo anterior (simplemente non cadran as contas).
A diferenza do que mostra a enquisa de Sondaxe, diferentes institutos de investigación levan máis dunha década investigando este tema e apuntando a un feito diferencial en Galicia: por exemplo, podemos constatar como entre nós a taxa de suicidios é a segunda máis elevada das Comunidades Autónomas, un 50% superior á media española.
Entón, en que quedamos? Somos un país basicamente feliz ou temos un grave problema de saúde mental? O certo é que ambas informacións poderían ser compatibles. Venme á cabeza unha frase do antropólogo catalán Manuel Delgado, cando dixo que “as enquisas non serven tanto para saber o que a xente pensa, como para que a xente saiba o que debe pensar”. Pois ben, dentro do que debemos pensar e sentir, hai moito tempo que a publicidade, os departamentos de recursos humanos das empresas e mesmo os gobernos ditaminaron que debíamos ser felices. Arredor dese obxectivo de vida xurdiu unha poderosa industria que emprega múltiples ferramentas, técnicas e servizos orientados a mellorar o benestar subxectivo das persoas: libros de autoaxuda, técnicas de coaching, mindfulness, neurociencia, psicoloxía positiva, budismo, psicofármacos, aplicacións dixitais para a monitorización das emocións…
A industria da felicidade repite día tras día determinadas consignas ideolóxicas, como que estás na vida para ser feliz, que ser feliz está ao alcance da túa man, e que só depende de ti. A cuestión é que a obrigatoriedade de ser feliz, aspirar a un obxectivo tan desmesurado e insensato, acaba por ser outra fonte de frustración, e finalmente de neurose. Pero en todo caso, e retomando a idea inicial, ante a pregunta de se somos felices, todos e todas sabemos o que se debe responder, que si que o somos, aínda que despois padezamos malestares psíquicos ou sufrimentos morais que mellor convén ocultar.
A diferenza do que mostra a enquisa de Sondaxe, diferentes institutos de investigación, tanto públicos como privados (Instituto Galego de Estatística, Instituto Nacional de Estadística, Centro de Investigaciones Sociológicas, Eurostat, Fundación BBVA) levan máis dunha década investigando este tema e apuntando a un feito diferencial en Galicia na comparativa con outros territorios. Por exemplo, podemos constatar como entre nós a taxa de suicidios é a segunda máis elevada das Comunidades Autónomas, un 50% superior á media española.
Así mesmo, Galicia presenta uns datos de consumos de psicofármacos particularmente elevados, sendo a primeira Comunidade na inxesta de tranquilizantes, un 40% por riba da media estatal, e a segunda en consumo de antidepresivos, un 80% máis que a media española
Pero tamén hai outros indicadores que apuntan na mesma dirección. Por exemplo, o índice de satisfacción coa vida que elabora o INE encontra en Galicia o dato máis baixo de entre todas as Comunidades Autónomas. Igualmente o CIS (2018) sinala que en Galicia se dan os menores niveis de felicidade persoal do Estado.
E na opinión dos expertos, cales son as causas que explicarían esta anomalía? Pois en principio destacan tres grandes factores: o envellecemento da poboación e a mala saúde asociada, a precariedade económica e o proceso de empobrecemento dos últimos anos, e a soidade e a baixa satisfacción coas relacións persoais.
Desde logo ninguén recorre aos argumentos acientíficos que se adoitan barallar popularmente, como o clima ou o carácter sombrío e pesaroso do pobo galego. De ser pola chuvia ou as horas de luz, Cantabria non presentaría unha das taxas de suicidios máis baixas do Estado, nin Navarra un dos niveis máis elevados de satisfacción coa vida. En canto ao suposto carácter dos pobos, é un relato pintoresco (e racista) que afunde as súas raíces no Romanticismo e que, de tan inconsistente, non merece a pena ser comentado.
Tamén hai outros indicadores que apuntan na mesma dirección. Por exemplo, o índice de satisfacción coa vida que elabora o INE encontra en Galicia o dato máis baixo de entre todas as Comunidades Autónomas. Igualmente o CIS (2018) sinala que en Galicia se dan os menores niveis de felicidade persoal do Estado.
En consecuencia, semella que estamos ante un fenómeno complexo cunha explicación multicausal (económica, social, demográfica, residencial, política) que, de entrada, demandaría unha investigación rigorosa se queremos abordar o problema con seriedade.
Mentres esa investigación non chega, os poderes públicos poderían tomar algunhas medidas de urxencia. A máis evidente sería incrementar o cadro de profesionais da saúde mental na sanidade pública. Segundo os últimos datos dispoñibles, a pesar de presentar Galicia unha das peores situacións no que atinxe a suicidios e consumo de psicofármacos, o ratio da sanidade pública galega é de menos de 4 psicólogos/as por cada 100.000 habitantes, sendo a media española de arredor de 6, e a europea de 18. Por certo, non é descartable que a maior prescrición de medicamentos garde relación coa menor dotación de profesionais especializados.
A pesar de presentar Galicia unha das peores situacións no que atinxe a suicidios e consumo de psicofármacos, a ratio da sanidade pública galega é de menos de 4 psicólogos/as por cada 100.000 habitantes, sendo a media española de arredor de 6, e a europea de 18. A maior prescrición de medicamentos pode que garde relación coa menor dotación de profesionais especializados.
A contratación de profesionais suporía un alivio necesario para miles de doentes pero, con todo, non esgotaría o problema. Se o que se buscan son solucións sustentables que revertan esa baixa satisfacción coa vida, entón habería que idear medidas acordes coas diversas causas estruturais que mencionamos anteriormente. Por citar algún exemplo, e en liña con Carolina del Olmo, cabería pensar que a implantación dunha renda básica universal podería axudar a diminuír a precariedade e a angustia vital, así como favorecer as relacións sociais comunitarias. Tamén a xestión cultural, o campo no que eu traballo, podería ter un papel á hora de paliar a soidade, fomentar o encontro entre distintos e axudar a canalizar os conflitos sociais (de feito, o Observatorio Vasco da Cultura vén de demostrar unha correlación positiva entre a participación cultural e a mellora na satisfacción coa vida). E desde logo, unha maior educación emocional na escola semella que podería ter un efecto positivo.
Son moitas as abordaxes posibles, e desde logo non me corresponde a min sinalar as medidas a tomar. O que si considero é que estamos ante un problema relevante e sensible que require dunha intervención decidida por parte das administracións públicas co obxectivo de diminuír o sufrimento e que en Galicia consigamos unha mellor relación coa vida.