As familias dos colexios Varela Buxán e Vicente Arias da Maza, pertencentes ao concello de Lalín e separados por 22 quilómetros, vense obrigadas a compartir o servizo de coidadores. Isto levounos a iniciar movilizacións públicas contra a consellería a partir do 14 de maio de 2026, pois esta non ve necesario o aumento de efectivos.
A Federación de ANPAS de ensino público da Provincia de Lugo denunciou que no curso 2025-2026 o CEIP as Mercedes comezou as aulas sen este servizo. No mesmo curso académico, o CEIP Concepción Arenal da Coruña tivo que realizar unha xornada de folga pola ausencia total de coidadores. A Xunta sostivo que en ambos casos se trataba de feitos circunstanciais, restituIndo os servizos ao pouco.
A ausencia do persoal coidador é un atentado contra o alumnado con necesidades educativas especiais. As súas funcións profesionais abranguen dende axudar nos desprazamentos, apoiar na alimentación, asistir na hixiene e realizar os cambios posturais cando sexan necesarios. Tamén é un perfil necesario para outros servizos como o transporte e o comedor, pois non poderían usalos sen recibir apoios.
A lexislación establece unha coidadora por cada seis rapaces que se atopen de xeito simultáneo na aula. Mais non fai referencia a compartir persoal entre centros nin limita o número de quilómetros entre os mesmos. En caso de que se compartan os servizos, xórdenme máis preguntas que respostas. Como se adaptan servizos como o de comedor? Cando se vaia de excursión o outro centro queda sen servizo? Cando a coidadora teña o día libre por asuntos persoais, o alumnado non vén a clase, ou haberá unha substituta? Se un alumno ten unha urxencia e hai que cambialo, ten que esperar a que o coidador se desprace?
O descoido da Xunta co persoal coidador é tal que non esixe unha formación específica para o posto de traballo. Pese a existir varios ciclos de formación profesional que se adaptarían, as ofertas públicas de emprego só piden estar en posesión da ESO e ter os coñecementos asociados en lingua galega. Detrás diso hai un pensamento clasista e despectivo co oficio: Coidar, coida calquera.
Se a dotación de persoal fose a correcta, as coidadoras podería facer algo máis que mover cadeiras e cambiar cueiros. O seu traballo iría máis alá da vixilanza e da cobertura de necesidades básicas, podendo promocionar ao máximo a autonomía do alumnado usuario.








