Escala local e emerxencia climática

No ano 2024 as temperaturas bateron récords, tanto na atmosfera como nos océanos. O Cambio Climático (CC), de orixe antropoxénica, está xa en marcha – a temperatura global incrementouse 1,6º C respecto a época preindustrial, superando o límite que garante a estabilidade do clima- e está a causar fenómenos extremos excepcionais, máis numerosos e máis intensos: secas que acadan novas zonas do planeta e máis prolongadas no tempo, ondas de calor máis intensas e longas, furacáns, temporais de vento e choivas torrenciais severas, inundacións e grandes incendios forestais máis ingobernables, cun novo récord no 2024 de vítimas mortais e danos materiais. Empezamos tamén a ser conscientes das mortes que producen as ondas de calor no verán e aínda estamos baixo o impacto da perda de vidas e a destrución da DINA en Valencia; relacionamos xa a severidade das secas co que se denomina migracións climáticas, e evidenciamos a súa repercusión na seguridade alimentaria pola caída da produción agrícola en moitas zonas e a alza de prezos dos alimentos. Non esquecemos o aumento dos incendios devastadores.

Os expertos alertan de que se non cambia nada, superaranse os 3º C de quentamento global; isto significaría o peor dos escenarios, unha crise climática sen precedentes e de efectos impredicibles. Urxe abordar seriamente se estamos a facer realmente todo o posible para cambiar o rumbo. Urxe preguntarse se estamos a nos preparar para os fenómenos extremos que imos sufrir a curto prazo, mesmo no mellor dos escenarios de contención radical das emisións de gases de efecto invernadoiro. E temos que preguntarnos tamén que estamos a facer nas nosas vilas para afrontar o que ven. E se estamos a cambiar a nosa visión do territorio para adaptarnos a este novo escenario.

Aínda que o marco normativo xeral corresponde á UE e ao Estado, moitas das decisións e accións sobre o territorio son competencias das CC AA e dos concellos. Ademais, a influencia das administracións locais, máis próximas, sobre os hábitos dos cidadáns é tamén moi importante, cando non decisiva. É así que a mitigación e a adaptación ao CC ten que abordarse necesariamente dende estas instancias que non poden obviar a transversalidade das medidas ineludibles para a transición enerxética, para adaptar o urbanismo á crise climática, para garantir o transporte sen emisións, para reorientar a ordenación do territorio e os usos do solo e reducir riscos climáticos, para intervir con axilidade e eficiencia ante os desastres e, moi importante, para difundir a información aos cidadáns e impulsar a súa participación activa.

Aínda que o marco normativo xeral corresponde á UE e ao Estado, moitas das decisións e accións sobre o territorio son competencias das CC AA e dos concellos.

Os concellos son esenciais na adaptación climática pois deciden moitos aspectos concretos do uso do solo e das prácticas coas que reducimos a vulnerabilidade. Poden, sen dúbida, reconfigurar os espazos públicos para adaptalos á crise climática. Poden incrementar as zonas verdes e empregar pavimentos e materiais naturais para rebaixar a temperatura nas vilas no verán – en máis de 4ºC – e facilitar a captación de auga polo solo; poden deseñar parques de inundación e reforestar as ribeiras dos ríos para conter o impacto das inundacións, levantar barreiras naturais para protexer as contornas urbanizadas e, como medida fundamental, evitar a invasión e construción nas zonas inundables e resituar, na medida do posible, infraestruturas e construcións vulnerables… en suma planificar os espazos urbanos cun enfoque integral do territorio e dos riscos.

Trátase de empregar criterios de resiliencia en todas e cada unha das actuacións sobre o territorio. Non podemos seguir enlosando as vilas, impermeabilizando cada vez máis superficie urbana e interrompendo o ciclo natural da auga, alleos á crise climática; en fin, cambiar radicalmente a forma de urbanizar.

O recoñecemento e catalogación dos riscos climáticos no concello e os seus posibles efectos -tipo de risco, rexistro de áreas sensibles, poboación vulnerable, etc.- é o primeiro paso esencial para deseñar os PXOMs e implementar a nivel local unhas medidas de adaptación que aumenten a nosa resiliencia e protexan as nosas vilas. Para todo isto, e necesario asumir tamén localmente un novo enfoque, incorporando Solucións Baseadas na Natureza, a conservación e a restauración dos ecosistemas que son intervencións brandas, teñen custos relativamente contidos e que son perfectamente asumibles polos concellos. Son enfoques imprescindibles no deseño dun novo urbanismo para a defensa fronte aos fenómenos extremos que virán. Os concellos, ademais, poden promover a eficiencia enerxética e o aforro de recursos naturais mellorando de forma substancial os programas de sustentabilidade; poden sumarse á revolución dos tellados instalando placas solares nos tellados dos edificios públicos -escolas, polideportivos, conservatorios, etc ; e poden alentar aos cidadáns a incorporarse ao cambio.

Unha das principais vantaxes que ofrece a escala local é que as súas medidas proxéctanse de xeito directo sobre o territorio e repercuten inmediatamente na habitabilidade das vilas, na calidade da vida de todos os cidadáns, na dinámica da economía local e, ademais, esta escala permite unha canle de comunicación directa cos cidadáns determinante nos cambios necesarios para afrontar entre todos o CC. Este reto require de sistemas de participación social que, impulsadas polos concellos, informen e involucren os cidadáns no cambio de rumbo necesario.

Actuar xa non é unha opción, é un imperativo.