[ENTREVISTA] VICENÇ NAVARRO

As empresas farmacéuticas deberían ser industrias públicas”

(Extracto da entrevista publicada no nº 284 de TEMPOS NOVOS, xaneiro 2021)

texto Manoel Barbeitos

Medra entre a cidadanía a preocupación porque as respectivas autoridades gobernamentais non parecen ser quen de frear a expansión da pandemia. Comparte esa preocupación?

O que está sucedendo en España débese en parte ao enorme subfinanciamento da sanidade pública, cuxa escaseza de recurso dificultou a resposta contra a pandemia. Outro factor foi o da organización do Estado a nivel de todo o territorio, no que sorprendentemente o goberno central tivo pouco poder para resolver os graves problemas creados pola pandemia. Fíxoo ben o goberno de coalición cando aprobou o confinamento xeral, pero ao non ter apoio parlamentario para liderar a resposta, procedeuse á súa descentralización, creando a segunda onda cando aínda nin sequera tiñamos superado a primeira. A falta de colaboración por parte das dereitas é tamén moi responsable de que custe tanto resolver un problema que non se pode solventar só a nivel autonómico e debe resolverse a nivel de todo o Estado.

Ten correlación co sucedido no ámbito internacional?

A experiencia internacional demóstrao con claridade. O desastre que existe en EEUU na cuestión da pandemia débese en gran parte á falta de liderado do goberno federal. En España, o goberno central non tivo o poder para exercer este liderado. E por iso foron os gobernos autonómicos os que a partir da fin do estado de alarma protagonizaron a resposta á pandemia, e non é por casualidade que Madrid e Cataluña se atoparan entre os peores, pois veñen estando gobernados por gobernos conservadores e liberais cuxas intervencións dificultaron a pronta resolución do problema. […]

Coa pandemia xa enriba, enteirámonos de que institucións científicas de gran prestixio (por caso, “The Lancet”) viñan avisando desde hai algúns anos de que isto se ía producir. A que cre que se debeu que os gobernos ignorasen estes avisos?

[…]

Esta pandemia pasará, pero non parece fóra de lugar pensar que, dada a presión que estamos exercendo sobre a natureza, aparezan novas pandemias. É real ese risco? 

É moi probable que se dean novas pandemias, posto que as causas que as provocan non se están resolvendo. En realidade xa houbo moitas pandemias nos últimos dez anos. O que ocurre é que non afectaron aos países do norte. Ten que haber unha autoridade mundial que prevea estas pandemias, e que force un maior e mellor control sanitario da saúde animal e humana, con regulación da movilidade do comercio e o establecemento da hixiene alimentaria entre outras áreas de produción e comercio. Gran parte das pandemias son de orixe animal, vendido en mercados cunhas condicións de hixiene pésimas. Por outra parte, o sistema de globalización brutal, que existe sen ningunha regulamentación e cunha filosofía darwiniana de “sálvese quen poida”, é unha situación insostible.

Poidera estarse produciendo algo semellante en relación coas vacinas?

[…]

Avoga entón por levar a cabo unha estratexia global contra este tipo de pandemias?

Si, hai que desenvolver unha estratexia mundial para prever tales pandemias (que todas elas son previsibles) e para controlalas (todas elas son tamén controlables). Como dixen anteriormente, algúns viñemos predicindo que ocurriría esta pandemia. Tivemos pandemias que non eran contaxiosas, pero non mortais, e outras moi contaxiosas pero que a maioría dos afectados sobrevivían, como é o caso do coronavirus. No futuro pode darse unha que sexa moi contaxiosa e moi mortal á vez. Quérese dicir, que todo o que enferma morre. E a orde, ou mellor, a desorde internacional non está preparada para elo. A pandemia actual demostrou que a orde económica internacional lévanos ao desastre. Xa o viramos coa crise climática, e agora aparece, mesmo con maior evidencia, coa pandemia.

[…]

En Galicia, o presidente da Xunta non deixa de repetir que “hai que salvar a economía”, xustificando así a súa oposición aos confinamentos. Son incompatibles a salvación da economía coa preservación da vida e saúde das persoas?

Esta actitude de defender a economía é típica do “trumpismo”, que trasloce ademais unha enorme ignorancia. A economía non se vai poder recuperar sen que se controle a pandemia. O liberalismo fracasou completamente. Coa excusa de controlar o déficit público, seguíronse unhas políticas de austeridade que, ademais de debilitar a resposta á pandemia, crearon unha enorme crise económica ao reducir a demanda doméstica creada pola baixada dos salarios. A débeda non é un problema: os intereses son baixísimos e o BCE pode e debe axudarlles aos estados e non só aos bancos como está a facer. Os investimentos públicos son investimentos tamén para o futuro, para os nosos fillos e netos, que se van beneficiar de ter un Estado de Benestar á altura do que España é merecente.

[…]

Esta entrevista completa foi publicada no número 284 da revista TEMPOS NOVOS (xaneiro 2021). Pida aquí o seu exemplar.